20 de feb. de 2020

A GUARDA

O Concello vai mellorar o entorno dos contedores soterrados na rúa do Porto 

Os traballos terán unha duración aproximada de 20 días

Contedores soterrados na rúa do Porto
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 O Goberno Municipal do Concello de A Guarda que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, ven de facer público que procederá ao acondicionamento do entorno dos contedores soterrados na rúa do Porto, "unha actuación coa que se limitará o impacto visual dos mesmos dende a zona peonil e de terrazas, á vez que se mellora o sistema de recollida por parte dos operarios". 

 O executivo municipal indica que "o proxecto inclúe a ampliación do muro existente cun banco corrido das mesmas características, incorporando un respaldo de madeira tropical. 

 Na parte rodada facilitarase a recollida do lixo por parte dos operarios, creando unha zona de carga e descarga destinadas para este uso, sen necesidade de que o vehículo de recollida de lixo teña que circular pola rúa peonil, limitando as molestias para os peóns e para os establecementos e vivendas da zona. 

 Estes traballos terán unha duración aproximada de 20 días e contan xa coas autorizacións pertinentes de Portos de Galicia. 

 Esta actuación permitirá tamén mellorar a imaxe da vila de cara aos milleiros de visitantes e turistas que pasan cada ano por este espazo portuario do municipio".

O ROSAL

Tres días de troula para festexar o Entroido no Rosal  

Ao desfile polas rúas do centro súmase o carnaval de Fornelos e Novás, con actividades como a tradicional ‘Corrida do galo’ e as ‘Frixidelas’ 
  


Infogauda / O Rosal

 O Rosal prepárase para vivir tres días de troula para festexar o Entroido no que raíces ancestrais convivirán coas novas tradicións. A festa comezará o próximo domingo 23 co habitual desfile de Carnaval, no que carrozas e comparsas percorrerán a partir das 11.00 horas a rúa Xulio Sesto, desde a Rotonda da Feira e a rúa Ramón Franco, ata o cruce coa Lomba. A orde de saída de persoas e grupos participantes no desfile será:  

-    Disfraces individuais modalidade infantil. 
-    Disfraces individuais modalidade xuvenil-adulto. 
-    Grupos.
-    Comparsas. 
-    Carrozas. 
-   Comparsas e carrozas do entroido tradicional do Rosal. 

 Para facilitar o transcurso do desfile, o Goberno Municipal lembra a todos os rosaleiros e rosaleiras que non se poderá estacionar nas rúas Xulio Sesto e Ramón Franco dende as 08.00 ata as 15.00 h do domingo. 

 Ese será o pistoletazo de saída a un carnaval que continuará xa o domingo pola tarde nos barrios cunha programación cargada de actividades para toda a veciñanza.  

 Fornelos comezará o seu tradicional festexo do Entroido o domingo ás 16.30 h con pasacalles polo barrio, co grupo de gaitas A Boalleira e, a partir das 17.00 h, actuacións para nenos/as con inchables e touro mecánico. 

 Dende as 21.00 h ata a madrugada, gran verbena amenizada polas agrupacións Sorala e Nievla

 O luns 24 a partir das 16.00 h a Praza de Fornelos converterase no escenario da tradicional ‘Corrida do galo’ e a partir das 21.30 h de novo verbena con Saudade e D’Paso

 O martes 25 será a quenda das ‘Frixidelas’ a partir das 16.00 h, que rematará con degustación para todos e con actuación sorpresa ás 19.30 h. 

 Pola súa banda, Novás arrancará o seu particular Entroido coa Subida do maio (domingo 23, ás 16.30 h), unha tradición centenaria recuperada neste barrio e que dará paso aos xogos populares e ao chocolate quente e á rosca para todo o público. 

 O luns 24 tamén a ‘Gran corrida do galo’ será a protagonista, mentres que o martes 25 o será a tradicional ‘Frixidela’ con pan de millo e viño para todos a partir das 18.00 h. A traca final, será coa música de Roberto Caco.  

 O Concello do Rosal quere recoñecer o gran traballo que fai a veciñanza para que Carnaval e Entroido tradicional convivan dun xeito tan harmonioso nunha festa “con grande arraigo, trascendencia e seguimento social, que alimenta o bo ambiente e materializa esa retranca que tanto nos caracteriza”.

OIA

Entroido cheo de actividade e diversión en Oia

Os actos festivos arrancarán ás 10.30 horas cun desfile de disfraces organizado polo CEIP Mestre Manuel García  




Infogauda / Oia 

  O entroido chega este venres a Oia cheo de actividade e diversión para os máis pequenos e pequenas do municipio. Os actos festivos arrancarán ás 10.30 horas cun desfile de disfraces organizado polo CEIP Mestre Manuel García.  

 A comitiva, formada pola comunidade escolar, levará a festa e os seus coloridos disfraces polas rúas e prazas do barrio histórico do Arrabal, pasando pola Praza Centinela.  

 Xa o sábado, a Casa Cultural de Mougás acollerá unha festa infantil organizada polo Concello de Oia coa colaboración da Asociación Veciñal de Mougás. Entre as 17.00 e as 19.00 horas haberá música, animación, un desfile e maquillaxe, ademais dunha merendola para as persoas asistentes.   

Tradicional Festa do Galo de Mougás  

 O luns, a parroquia de Mougás celebrará a súa tradicional Festa do Galo, organizada pola Asociación Veciñal a partires das 16.30 horas. As persoas asistentes poderán participar no desfile para facer entrega do galo a dúas persoas maiores do pobo.   

 Cada neno ou nena terá que levar un limón, unha laranxa e un ovo, que despois se doarán. Despois do desfile e a entrega do galo, a festa rematará cunha merenda. A actividade será gratuíta para as persoas socias e terá un custo de 2 euros para as non socias.  

 Os preparativos da festa faranse o sábado pola mañá na Casa Cultural: de 11.30 a 13.30 horas haberá unha xuntanza para facer traballos manuais con canas e flores. Nestas manualidades poderán participar tanto os nenos e nenas como as persoas adultas.

TOMIÑO

Aprobadas as bases do Circuito Cultural 2020 do Concello de Tomiño

O crédito orzamentario total comprende o gasto por importe de 14.000€

Vista parcial dos compoñentes da Banda de Música Agrupación Musical de Goián
Fotos: C.T.


Infogauda / Tomiño

O goberno local vén de aprobar as bases do “Circuíto Cultural 2020” co fin de apoiar ás agrupacións musicais tradicionais do municipio que figuren no Rexistro de Asociacións do Concello de Tomiño. A través do “Circuíto Cultural 2020”, as asociacións que cumpran os requisitos, poderán ser contratadas por un terceiro tendo unha parte da súa retribución económica aboada polo Concello de Tomiño. 

 A efectos indicativos, considéranse como actividades ou eventos incluídos neste circuíto aquelas actuacións de grupos musicais relacionados coa música folclórica galega que se realicen dentro dos límites municipais. 

 "Dende o Concello de Tomiño a cultura enténdese coma unha práctica social, construída no diálogo e na comunidade. A cidadanía é máis que mera espectadora e consumidora da oferta, é suxeito activo e participativo na creación cultural, onde a Administración Local comparte responsabilidades, fomentando o pluralismo e a interculturalidade", explican dende o goberno municipal. 

 A creación e interpretación da música tradicional é un ben inmaterial que é necesario coidar. "Asumimos como responsabilidade impulsar a creación de novas agrupacións relacionadas co folclore musical local ofrecendo unha liña de axudas que permita o descubrimento e contratación das mesmas", engaden. 

 Poderán solicitar a inclusión no Circuíto Cultural as seguintes agrupacións: bandas de música, corais, bandas de gaitas, treboadas, pandeireteiras, murgas ou charangas e grupos de acordeóns. As Comisións de Festas e outras entidades organizadoras deberán poñerse en contacto coas agrupacións que aceptaron participar no Circuíto Cultural para contratalas e concretar a data da actuación, sendo exclusivamente un acordo entre as dúas partes. 

CONTÍA MÁXIMA E CRÉDITO ORZAMENTARIO 

Grupo de gaitas Virxe do Alivio


 As contías máximas dos distintos tipos de agrupación con sede social en Tomiño son as seguintes: Banda de Música 400,00 €; Corais 200,00 €; Bandas de gaitas (con máis de 30 compoñentes) 300,00 €; Grupos de Gaitas 200,00 €; Treboadas 200,00 €; Pandereteiras 150,00 €; Murgas ou Charangas 150,00 €; Grupos de Acordeóns 150,00 €. 

 O crédito orzamentario total comprende o gasto por importe de 14.000€ con cargo á partida 334.226.99 do vixente orzamento. 

 As solicitudes presentaranse a través Sede Electrónica do Concello de Tomiño ata o 2 de decembro 2020, (será obrigatorio a presentación a través da sede electrónica para as asociacións. 

 O modelo de solicitude está ubicado na seguinte URL: https://tomino.sedelectronica.gal/dossier.1), e dende o día seguinte á publicación da convocatoria das presentes bases na páxina web http://www.tomino.gal e no Portal de Transparencia do Concello de Tomiño, na seguinte URL: https://tomino.sedelectronica.gal/transparency/9328420c-cb70-4a0c-939e-93f945 339125/, conforme ao Modelo (Anexo I).

 O prazo de presentación das solicitudes será cunha antelación mínima de 30 días á data da actuación solicitada. 

 Toda aquela solicitude que sexa presentada fóra de prazo poderá ser desestimada. Na páxina web do Concello pode consultarse o texto completo das bases (https://tomino.gal/aprobadas-as-bases-do-circuito-cultural-2020-do-concello-de-tomino/).

TOMIÑO

Tomiño terá fibra óptica practicamente en todo o municipio 

O concelleiro de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez, manifesta a súa satisfacción polas novas obras, xa que estas darán opción a navegar con máis velocidade tamén á veciñanza do rural 

Na imaxe unha das obras de despregamento de fibra óptica no termo municipal de Tomiño

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño vén de recibir constancia de que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), da Xunta de Galicia, e a Administración Xeral do Estado, dentro do Plan de Banda Larga 2020 e o Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración, que impulsan, respectivamente, van promover de xeito complementario co Concello de Tomiño, unha serie de despregamentos de redes ultrarrápidas de acceso a Internet, para tentar chegar a practicamente a totalidade dos barrios e parroquias do municipio.  

 A compañía R Galicia levou a cabo o pasado ano traballos de obra civil para a rede de distribución de fibra no núcleo urbano do Seixo e Goián, únicos lugares que dispoñen do servizo na actualidade.  Agora será o operador Telefónica o que, a través dunha subvención da convocatoria 2019 do programa estatal (para despregar fibra óptica antes do remate de 2021), leve a cabo as obras de despregamento necesarias para estender o servizo a case todos os núcleos de poboación (pódese consultar o detalle deste núcleos no ficheiro adxunto, ao final desta información.  

 Así mesmo, prevese que o Estado publique novas convocatorias de subvencións coas que os operadores poderán continuar co despregamento destas redes a aqueles sitios que queden sen cubrir.  

 Por outra banda, a Xunta de Galicia vén de comunicar a posta en marcha dun novo proxecto de mellora das comunicacións móbiles no rural, cun investimento público de ata 5 millóns de euros. Esta iniciativa desenvolverase en colaboración coa Federación Galega de Municipios (FEGAMP), que levará a cabo a divulgación entre os concellos para a súa colaboración na identificación de zonas con deficiencias e parcelas para a instalación da infraestrutura.  

 O concelleiro de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez Souto, manifesta a súa satisfacción polas novas obras de despregamento de fibra óptica, xa que estas darán a opción de navegar con máis velocidade tamén á veciñanza do rural, especialmente en zonas de difícil cobertura. Por outra banda, o edil informou que o edificio do Concello dispón xa deste servizo, co cal mellorou moito a calidade da navegación por internet e a realización de trámites a través da administración electrónica, pasando dos 30 MB de antes aos 350 de agora.

VAL MIÑOR

O PP critica que o Goberno central debe a Nigrán e Gondomar 4,4 millóns de euros para sanidade, educación e servizos sociais  

• Rueda mantivo unha reunión con afiliados e simpatizantes das dúas agrupacións locais. 

• Avanza unha campaña con moita mobilización para explicar os avances que conseguiu Galicia froito da estabilidade do Partido Popular  
 
O presidente provincial do Partido Popular, Alfonso Rueda Valenzuela, mantivo onte pola noite sendas reunións con afiliados e simpatizantes do PP de Nigrán e de Gondomar

Infogauda / Val Miñor

 O presidente provincial do Partido Popular, Alfonso Rueda Valenzuela, mantivo onte pola noite sendas reunións con afiliados e simpatizantes do PP de Nigrán e de Gondomar, dentro da rolda de encontros que está levando a cabo por toda a provincia coa mirada posta nas eleccións do 5 de abril.   

 No encontro, ao que tamén asistiron os voceiros locais, Carlos Abal e Paula Bouzós, respectivamente, así como o secretario do PP de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña; Rueda recordou que a provincia de Pontevedra vai ser fundamental para apuntalar outra maioría absoluta de Feijóo en Galicia, e por iso “cada papeleta que entre en urna nos 61 concellos desta provincia será decisiva para seguir contando cun goberno estable, que traballe e que teña clara cal debe ser a prioridade. Nós témolo claro, a nosa prioridade é Galicia”, destacou.

  
Vista parcial das persoas que asistiron onte á reunión de Rueda Crespo en Nigrán


 Nesta liña, lamentou que esta prioridade non sexa compartida polo resto de partidos. Así, explicou que o Goberno central debe a Galicia 370 millóns de euros, incluídos os 200 millóns do IVE, mentres os socialistas galegos e tamén os da provincia calan cun silencio cómplice”. Destes cartos, a Nigrán corresponderíanlle 2,4 millóns de euros e a Gondomar aproximadamente 2 millóns, que están deixando de recibir para seguir mellorando a sanidade, a educación ou os servizos sociais. “Non se pode consentir nin un minuto máis este roubo”, sinalou.  

 Por último, avanzou, “esta será unha campaña con moita mobilización e participación, na que o Partido Popular vai estar na rúa para presentar propostas, pero sobre todo para explicar todo o bo que se fixo”. Así, recordou que os galegos gañan con menos impostos, con máis medios para conciliar, coa mellor educación pública da nosa historia, coa universidade máis accesible, con máis políticas sociais para os maiores, con máis exportacións e cunha sanidade con máis infraestruturas, máis prestacións e tratamentos.   

 “Está en xogo a estabilidade política que permitiu a Galicia crecer nos últimos anos en todos os ámbitos, gracias á xestión do Partido Popular”, e destacou que Pontevedra terá un papel decisivo á hora revalidar a maioría absoluta. “A alternativa a Feijoo é un multipartito que só suporía unha grande inestabilidade para a nosa comunidade”. 

DEPORTES

CICLOTURISMO

O CLUB CICLISTA GUARDÉS ORGANIZA UNHA NOVA SAÍDA POLO BAIXO MIÑO E VAL DA LOURIÑA

O domingo día 23 de febreiro ás 9:00 h., desde á Alameda, de A Guarda


ARCOS DE VALDEVEZ

“Himalaya – O Eco-Cidadão” 




María Joâo Brito / Arcos de Valdevez

 No período em que se preparam as comemorações dos 150 anos do nascimento do Padre Himalaya e inspirado no seu carácter inovador e abordagem holística do mundo, surge o projeto o “Himalaya – O Eco-Cidadão”, inserido numa estratégia de desenvolvimento e valorização integrada do território, assente no reconhecimento do legado cultural, científico e ecológico de importantes figuras históricas relacionadas com o concelho de Arcos de Valdevez e o PNPG.  

 Este projeto visa a criação do Núcleo Interpretativo Himalaya, integrado na futura Oficina de Criatividade Himalaya, com o objetivo de divulgar o legado do Padre Himalaya, abrangendo as áreas em que terá sido pioneiro, sobretudo no pensamento ecológico, e o impacto da sua investigação no conhecimento científico da contemporaneidade.  

 Deste modo, este projeto consiste no fornecimento de uma das salas que integra o Núcleo Interpretativo Himalaya, mais especificamente a Sala 4, com a finalidade de evidenciar os traços marcantes da vida deste notável cientista. 

 Composta por três módulos, o Sol, a Cidade do Futuro e a Botânica, a sala 4, destaca as principais linhas de estudo deste notável cientista, Manuel António Gomes, mais conhecido por Padre Himalaya.  

 O elemento central desta sala trata-se de um painel interpretativo que representa o Sol, remetendo para o seu carácter de fonte de energia e expondo um dos temas mais relevantes nas investigações do Padre Himalaya. 

 O módulo que destaca a ecologia e o pensamento ecológico, designa-se como Cidade do Futuro. Neste sentido, será criada uma cidade composta por luzes LED verde, que representa o concelho de Arcos de Valdevez e o PNPG, e que permite ao público interagir através de um painel interpretativo. 

 Por fim, o terceiro módulo, que explora a área da botânica e da naturoterapia, alertando para a importância da biodiversidade e da utilização das plantas em tratamentos naturais.  

 Este fornecimento foi alvo de candidatura cofinanciada pelo FC, programa operacional PO SEUR, Portugal 2020, Eixo Prioritário 3 – Proteger o ambiente e promover a eficiência dos recursos, com um Investimento Elegível de 87.499,74€ e Comparticipação Comunitária de 74.374,78€.

VIGO

Os merdeiros e as merdeiras chegan a Teis da man do proxecto educativo Semente Vigo 

Este venres 21 a partir das 12:00 horas dende a rúa Doutor Corbal

Semente Vigo participou na Merdeirada Cativa
Foto: S.V.

Infogauda / Vigo

 As crianzas do proxecto educativo Semente Vigo percorrerán as rúas de Teis vestidas de merdeiras este venres 21 a partir das 12:00 horas para anunciar coas súas falcatruadas que o entroido xa chegou. As merdeiriñas, acompañadas por unha merdeira e un merdeiro veteranos, polas súas educadoras e algunhas nais e pais, sairán do local da Semente Vigo (rúa Doutor Corbal 102) e baixarán até o Mercado de Teis, animando a veciñanza ao seu paso e dando a coñecer a figura do merdeiro e da merdeira, personaxe tradicional do entroido vigués recuperado nos últimos anos.

 Esta saída ten o obxectivo de transmitirlles ás crianzas o espírito do entroido galego, e especialmente do vigués, e que o gocen e o sintan como seu. Tamén quere contribuír á recuperación da tradición dos merdeiros e das merdeiras, dando a coñecer esta figura en Teis, e contribuíndo á vida cultural do barrio. 

 A Asociación Pro-escola Semente Vigo traballa a prol da lingua e a cultura galega no eido da educación infantil. Esta asociación ten o seu local no barrio de Teis, onde acoden cada día crianzas galegofalantes para poder socializar e aprender na súa lingua materna.

LABORAL

Delegadas da CIG de Vigo protestan na residencia Ballesol polo despido dunha traballadora que solicitou medidas de conciliación   

Previamente celebraron unha asemblea para preparar as xornadas de mobilización arredor do 8M

Delegadas sindicais da CIG desenvolveron hoxe unha concentración diante da residencia de maiores Ballesol, de Vigo
Fotos: CIG

Infogauda / Vigo 

 Delegadas sindicais da CIG desenvolveron hoxe unha concentración diante da residencia de maiores Ballesol, de Vigo, para rexeitar o despedimento dunha traballadora por solicitar medidas de conciliación da vida laboral e familiar. Previamente celebraron unha asemblea no local do sindicato na cidade para preparar as xornadas de mobilización que terán lugar arredor do 8M.  

Na xuntanza abordáronse as distintas xornadas de mobilización convocadas pola asemblea Galegas 8M marco da celebración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora


 O encontro de delegadas convocado pola Secretaría das Mulleres da CIG de Vigo centrouse especialmente nos coidados no ámbito familiar, unha realidade invisibilizada sobre a que xirarán este ano as reivindicacións do feminismo galego ao tratárense de todos eses traballos imprescindíbeis para a reprodución da vida que a sociedade naturalizou e asignou ás mulleres tirándolle todo o valor social que lle corresponde.   

 Na xuntanza abordáronse as distintas xornadas de mobilización convocadas pola asemblea Galegas 8M marco da celebración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, como a manifestación que terá lugar en Verín o domingo 1 de marzo ou as que se celebrarán o propio día 8 por todo o país.   

 No caso de Vigo a xornada comezará as 12:00 horas no Farol de Urzaiz coa intervención de rúa 'Un violador no teu camiño'. A continuación, por volta das 14:00 horas, haberá recital de poesía e foliada na Praza de Portugal. Para rematar o día de loita celebrarase unha manifestación, que arrincará de Vía Norte ás 18:00 horas.  

 Na asemblea de delegadas tamén se debateu sobre o Encontro Nacional de Delegadas da CIG que terá lugar en Santiago o vindeiro día 4.  

O despido en Ballesol, a xuízo  

 Despois da asemblea as delegadas desenvolveron unha protesta diante da residencia Ballesol, na Gran Vía, para denunciar - segundo informaron fontes da CIG - o despido disciplinario dunha supervisora do centro o pasado 11 de decembro sen outra razón que a de ser nai, separada, con necesidade de conciliar o seu traballo co coidado da súa filla de catro anos”.   

 Diante disto, a central puxo en marcha unha campaña para rexeitar a actitude machista da dirección e reclamar a readmisión da traballadora que comezou o 23 de decembro cun reparto informativo na porta e que continuará até lograr a readmisión da afectada.   

 De xeito paralelo, a central presentou unha demanda nos xulgados para reclamar a nulidade da rescisión de contrato, cuxo xuízo terá lugar o vindeiro 23 de marzo despois de que o SMAC rematase sen acordo por que a empresa propuxo unicamente aceptar a improcedencia do despido.

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

Co lema "Planta unha árbore, planta futuro"


ALUMNADO, NAIS E PAIS, PROFESORES DE VARIOS CENTROS EDUCATIVOS E COMUNEIROS, ESTÁN REPOBOANDO O MONTE SANTA TREGA


Alumnado, profesores/as, nais, pais de alumnos/as e comuneiros, están contribuíndo activamente á reforestación do Monte Santa Trega
Fotos: C.MM.VV.M.C. de Camposancos

Infogauda / Camposancos

 Co lema "Pranta unha árbore, planta futuro", por cuarto ano consecutivo, a Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos, en colaboración cos colexios de A Guarda, están plantando 500 árbores frondosas de distintas clases, para que o monte Santa Trega se enriqueza e diversifique en especies arbóreas. Ese impagable labor de reforestación responsable estáse visibilizando na ladeira pertencente a devandita Comunidade de Montes de Camposancos.

 Así mesmo fai un mes sementaron 800 landras de sobreiras. 


 
 "Con esta nova actuación son mais de 4.000 árbores frondosas plantadas onde había anteriormente milleiros de acacias e mimosas, e tamén centos de eucaliptos", dixo a Infogauda José Fernando Martínez Martínez, presidente da xunta reitora da devandita Comunidade de Montes

 "Con esta filosofía - engadiu José Fernando Martínez Martínez - o Trega vai tomando unha cor especial. Lóxicamente será a modo, ben sabemos que as especies frondosas son de lento crecemento. Porén, coidamos que paga a pena o cambio.  

 O pasado día 14 de febreiro, estaba programado que subisen ao monte Santa Trega para plantar os alumnos/as do colexio público de A Sangriña e por causa da choiva tivemos que suspender a actividade.





 O mércores día 19, o turno foi para alumnos do Colexio Manuel Rodriguez Sinde, que tutelados polos profesores Belén, Carlos e Alberto, plantaron carballos (Quercus) de distintas variedades, e despois de recuperar forzas ofrecéronse para arrincar rebrotes de acacias na plantación do ano pasado. Para que digan da xuventude! Abofé que o pasaron de cinema!

 Na xornada de onte subiron os alumnos/as de infantil do Colexio PP. Somascos-Educere acompañados por profesores e algunhas nais e pais, que ¡por certo! si os nenos/as pasárono de cinema, as personas adultas disfrutaron dunha xornada moi especial, e mesmo se animaron a plantar algunha arbore. Hoxe seguimos con frondosas castiñeiros e cerdeiras. 

 O remate, a Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos agasallou aos participantes con froia e auga. 

 Non podemos por menos que agradecer a todos/as que participaron nas distintas xornadas".

TOMIÑO

Os socialistas denuncian atrancos para coñecer o "Proxecto de trazado: Reformulación do treito PO-350-Goián da VAC Tui-A Guarda Treito II"

Violeta De Santiago e Mirta Misa, concelleiras do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño

Infogauda / Tomiño

 Mediante unha nota de prensa enviada a este xornal dixital transfronteirizo, as/os socialistas de Tomiño quéixanse da dificultade para poder acceder á información pública á que fai referencia o DOG n°27 do 10/02/2020 sobre "Proxecto de trazado: Reformulación do treito PO-350-Goián da VAC Tui-A Guarda Treito II". 

 Segundo refire á concelleira Violeta De Santiago, do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño "nos primeiros días de información pública o acceso á mesma resultou imposible por problemas técnicos na web da Axencia Galega de Infraestruturas e a imposibilidade de conseguir esa información no Concello de Tomiño, xa que, segundo nos fai chegar unha veciña afectada, o 14/02/2020 tras invertir toda a mañá no intento, tan só puido acceder á planimetría pero sin códigos e sin ningunha persoa dispoñible que a poidera axudar. Postas as consabidas reclamacións, a AXI contestou aumentando o período de alegacións ata o 25 de marzo para subsanar o erro, pero  o Concello sigue sin informar da nova data". 

 Asemade, as concelleiras socialistas Violeta De Santiago e Mirta Misa critican "o veto á oposición na presentación deste trazado, demostrando unha vez máis a falla de transparencia, lealdade institucional e talante democrático do goberno nacionalista". Critican tamén, que "a día de hoxe o Concello non teña realizado unha xuntanza cos veciños e veciñas que están enterándose de maneira casual das consecuencias que este trazado pode carrexar como o grande impacto no Lago da Pedra, a anulación da estrada que une San Benito coa igrexa e escola de Forcadela, o terreo expropiado á "Aurora del Porvenir" ou a grandísima afectación dos terreos lindantes coa futura autovía".  

 "Esiximos ó Goberno do BNG de Tomiño que non se poña de perfil unha vez máis con este tema tan sensible,  e que a veciñanza sexa a súa prioridade, trasladándolle e poñendo a disposición, en tempo e forma, toda a información da que dispoñen e manexan", afirmou Violeta De Santiago.