A ÚLTIMA FOSA COLECTIVA DO SUR DE PONTEVEDRA VAI SER EXHUMADA
Fotos: Santi Baz
Representantes do Concello de Salceda de Caselas; familiares de Severo Boente; Fernando Serrulla; e o arqueólogo Breogán, con representantes da Comisión pola RMH do Baixo Miño, O Condado e A Louriña
Foto: Santi Baz
Helena Pousa (da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña)
Segundo o relato contado por Anuncia, a “Picheleira”, de Soutelo (Salceda de Caselas), unhas mulleres, quizais da parte de Budiño, viñan deixar flores enriba dunha tumba no adro da igrexa de Soutelo. Unha tumba que estaba á beira dun carreiro que daba acceso á igrexa pola parte de atrás. Alí foron enterrados sen cerimonia ningunha, e por orde do comandante militar de Tui, varios homes despois de seren paseados o 1 de setembro de 1936 nun monte próximo, denominado Escambrón, no Picado. Este grupo de paseados procedía dunha saca do cárcere do Porriño. Moito tempo pasou desde aquela e esa tumba ficou oculta baixo un pavimento moderno co que cubriron o chan de terra. U-la tumba exactamente? Esa é unha das dúbidas coas que se vai comezar a exhumación no lateral esquerdo da igrexa desta parroquia.
O Concello de Salceda de Caselas, atendendo á solicitude de Carmen e Cándido Boente e coa participación económica da Federación Española de Municipios, que abriu unha liña de axudas para este tipo de traballos memorialísticos, vai comezar o vindeiro 27 a exhumación da fosa colectiva de Soutelo na que se sospeita poidan estar soterradas 7 persoas.
A existencia desta fosa sempre foi coñecida entre a veciñanza, e Jesús González Estévez contaba que el cando tiña case sete anos viu como os enterraron coa cabeza en dirección ao muro lateral esquerdo da igrexa, mais esta fosa só foi inscrita recentemente a instancias do Proxecto de Investigación Interuniversitario As Vítimas, Os Nomes, As Voces co número 4702/2024 PONT. Ao igual que en moitas outras fosas, as vítimas non son naturais do lugar. En total, segundo a nova documentación encontrada nas investigacións efectuadas pola Comisión RMH do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, nesa parte do cemiterio soterraron 7 homes. Nas actas do Rexistro Civil de Salceda e do Libro de Defuntos da parroquia anotaron que dous eran naturais do Porriño. Un deles é Ramón Pérez Cabaleiro (alcuñado o “Chafarote”), de 43 anos. En 1931 era o presidente da Federación de Traballadores local. Desenvolveu unha destacada actuación na Federación Agraria Provincial (FAP). Foi elixido entre os dez compromisarios que debían asistir por parte da FAP á elección do Presidente da República, dato significativo da súa posición destacada no agrarismo provincial. Participou na reunión do 27 de xaneiro de 1936 representando á Federación Agraria Municipal na constitución do Comité de Izquierdas (é dicir, da Fronte Popular) no Porriño. Sendo concelleiro da corporación porriñesa en marzo de 1936, saíu elixido primeiro tenente de alcalde. E o outro é Severo Boente Rodríguez (o “Mataganchas”), un mozo de 25 anos, solteiro, que -segundo di a familia- foi detido ao non atoparen a seu irmán Cándido. Tamén levaron a Leoncio Muíños Rey (de 24 anos), natural de Tui, que de rapaz viviu na Guarda onde tivo un accidente que o deixou tolleito das pernas e acabou de vendedor de xornais no Porriño, e a José Cordal Yáñez, nacido en Sedes en Narón, veciño do Porriño e militante de Izquierda Republicana. En 1929 era presidente da Sociedade Liceo Artística. Foi elixido concelleiro nas eleccións do 12 de febreiro de 1931 ata a súa destitución en decembro de 1934. Foi reposto no seu cargo en marzo do 36, e aínda que consta a súa afiliación a Izquierda Republicana, entrou como concelleiro pola candidatura agraria.Tamén foi moi evidente a súa relación coa Casa do Pobo e a Federación de Traballadores local. E outro dos que foron na mesma saca é Modesto Barreiro Cudillas (ou Cubillos) de 32 anos, nacido en Candeán, no antigo concello de Lavadores, e veciño de Mos onde estaba casado.
Dúas semanas despois, o 18 de setembro levaron a outros dous paseados no lugar denominado O Torreiro, na mesma parroquia de Soutelo. Son dous tudenses dos que apenas temos moitos datos: Ambos os dous eran veciños do barrio das Bornetas e estaban solteiros. Foron detidos nalgures, pois non aparecen inscritos no cárcere de Tui: Antonio Dalmiro Domínguez González de 26 anos e Manuel Fernández Diz, de 30, ambos labregos ou xornaleiros.
Esta nova exhumación comezará co coñecemento do nome das vítimas e quen eran grazas ás investigacións feitas hai tempo por X. R. Paz Antón cando publicou os datos sobre a represión no Porriño e en Salceda, mais con dúbidas de se as 5 persoas que mataron o 1 de setembro nun monte chamado O Pantel, aínda permanecen todas alí, e se enterraron no mesmo buraco do cemiterio aos dous de Tui, asasinados no Torreiro dúas semanas despois.
Esta fosa colectiva é unha máis entre as 12 contabilizadas e localizadas no sur da provincia de Pontevedra con mortos do bando republicano. Entre todas estas fosas colectivas e as fosas de 1 ou 2 individuos suman, segundo X.Ramón Paz Antón, 181 vítimas. A abundancia de fosas nesta área non resulta estraña dado que os golpistas do 36 para castigaren de maneira contundente a resistencia dos fieis á República, particularmente a que tiveron que vencer en Lavadores e no Cerquido (nos lindes do Porriño, Salceda e Tui), iniciaron unha feroz represión orquestrada desde os primeiros meses do verán.
A exhumación da fosa de Soutelo significa a derradeira exhumación das fosas colectivas que estaban pendentes de apertura nesta zona, desde que se iniciaron este tipo de traballos coas de San Xián, no Rosal, con 5 vítimas ata a máis recente de Cabreira, en Salvaterra, na que se atoparon 4 das cinco vítimas. Moitas outras fosas con máis dunha vítima non puideron ser exhumadas por motivos diferentes, mais algunhas foron dignificadas con algún monumento memorialístico, como a fosa de Sestás na Guarda con 48 vítimas, en 1986; a de Baiona (9 vítimas) ou a de Mos (22 vítimas), a de Mondariz (6 vítimas). Por seren outros tempos en que había máis atrancos, os restos de moitas vítimas acabaron, por desgraza, en osarios comúns ao faceren obras ou trasladaren o cemiterio a outro lugar, como seguramente ocorreu cos restos dos 45 asturianos procedentes do Campo de Concentración de Camposancos, levados a Tui para seren fusilados, e logo soterrados no antigo cemiterio que existía no centro da vila.
Un dos peores destinos para moitos defensores da República foi ter que ir para Cuelgamuros, en marzo de 1959, ao lado dos seus verdugos. Un exemplo ben coñecido deses traslados ao macromonumento fascista é o dos que quedaban na fosa do antigo matadoiro de Mondariz. Sen consentemento das familias, levaron a 4 dos paseados o 4 de outubro de 1936, que aínda permanecían soterrados alí na fosa 1093/2009 PONT. Sei que familiares de Domingo Paramos Núñez e Manuel Pérez Besada solicitaron a devolución dos restos dos seus avós, pero non teño constancia de que tamén o fixese algún parente de Manuel Piñeiro Zúñiga, veciño de Tomiño, ou do menos coñecido Fernando Rubio Estévez, natural de Guillarei, solteiro, irmán de Victoria Rubio, encarcerada en abril de 1938 en Tui por ser sospeitosa de auxiliar a seu home José Castiñeira Alonso cando andaba fuxido (e logo executado en 1940 en Vigo). Iso significa que agora que están a tratar de identificar moitas vítimas en Cuelgamuros, aínda que apareza a súa caixa, por non reclamalos a familia, alí permanecerán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario