20 de feb. de 2020

VIGO

Os merdeiros e as merdeiras chegan a Teis da man do proxecto educativo Semente Vigo 

Este venres 21 a partir das 12:00 horas dende a rúa Doutor Corbal

Semente Vigo participou na Merdeirada Cativa
Foto: S.V.

Infogauda / Vigo

 As crianzas do proxecto educativo Semente Vigo percorrerán as rúas de Teis vestidas de merdeiras este venres 21 a partir das 12:00 horas para anunciar coas súas falcatruadas que o entroido xa chegou. As merdeiriñas, acompañadas por unha merdeira e un merdeiro veteranos, polas súas educadoras e algunhas nais e pais, sairán do local da Semente Vigo (rúa Doutor Corbal 102) e baixarán até o Mercado de Teis, animando a veciñanza ao seu paso e dando a coñecer a figura do merdeiro e da merdeira, personaxe tradicional do entroido vigués recuperado nos últimos anos.

 Esta saída ten o obxectivo de transmitirlles ás crianzas o espírito do entroido galego, e especialmente do vigués, e que o gocen e o sintan como seu. Tamén quere contribuír á recuperación da tradición dos merdeiros e das merdeiras, dando a coñecer esta figura en Teis, e contribuíndo á vida cultural do barrio. 

 A Asociación Pro-escola Semente Vigo traballa a prol da lingua e a cultura galega no eido da educación infantil. Esta asociación ten o seu local no barrio de Teis, onde acoden cada día crianzas galegofalantes para poder socializar e aprender na súa lingua materna.

Ningún comentario:

Publicar un comentario