Os socialistas denuncian atrancos para coñecer o "Proxecto de trazado: Reformulación do treito PO-350-Goián da VAC Tui-A Guarda Treito II"
Infogauda / Tomiño
Violeta De Santiago e Mirta Misa, concelleiras do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño
Infogauda / Tomiño
Mediante unha nota de prensa enviada a este xornal dixital transfronteirizo, as/os socialistas de Tomiño quéixanse da dificultade para poder acceder á información pública á que fai referencia o DOG n°27 do 10/02/2020 sobre "Proxecto de trazado: Reformulación do treito PO-350-Goián da VAC Tui-A Guarda Treito II".
Segundo refire á concelleira Violeta De Santiago, do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño "nos primeiros días de información pública o acceso á mesma resultou imposible por problemas técnicos na web da Axencia Galega de Infraestruturas e a imposibilidade de conseguir esa información no Concello de Tomiño, xa que, segundo nos fai chegar unha veciña afectada, o 14/02/2020 tras invertir toda a mañá no intento, tan só puido acceder á planimetría pero sin códigos e sin ningunha persoa dispoñible que a poidera axudar. Postas as consabidas reclamacións, a AXI contestou aumentando o período de alegacións ata o 25 de marzo para subsanar o erro, pero o Concello sigue sin informar da nova data".
Asemade, as concelleiras socialistas Violeta De Santiago e Mirta Misa critican "o veto á oposición na presentación deste trazado, demostrando unha vez máis a falla de transparencia, lealdade institucional e talante democrático do goberno nacionalista". Critican tamén, que "a día de hoxe o Concello non teña realizado unha xuntanza cos veciños e veciñas que están enterándose de maneira casual das consecuencias que este trazado pode carrexar como o grande impacto no Lago da Pedra, a anulación da estrada que une San Benito coa igrexa e escola de Forcadela, o terreo expropiado á "Aurora del Porvenir" ou a grandísima afectación dos terreos lindantes coa futura autovía".
"Esiximos ó Goberno do BNG de Tomiño que non se poña de perfil unha vez máis con este tema tan sensible, e que a veciñanza sexa a súa prioridade, trasladándolle e poñendo a disposición, en tempo e forma, toda a información da que dispoñen e manexan", afirmou Violeta De Santiago.
Ningún comentario:
Publicar un comentario