23 de dec. de 2020

A GUARDA

"AQUELAS FESTAS,..." UNHA OLLADA RETROSPECTIVA AS NOSAS CELEBRACIÓNS FESTIVAS

A exposición pode visitarse ata o día 10 de xaneiro, na Casa dos Alonso, no horario habitual do Concello de A Guarda

 

         Vista parcial da exposición "Aquelas festas...", que pode visitarse na Casa dos Alonso

                                                                        Foto: Rubén Adrover
 

 Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 "Aquelas festas...", é o título xenérico da mostra de carteis que podemos ollar na planta baixa da Casa do Concello de A Guarda.

 Organizada pola Asociación InfoMAXE, coa colaboración do Concello de A Guarda, a exposición amosa unha selección de carteis anunciadores de diferentes festas que se celebraron - algunhas xa desaparecidas, e tamén unha (Fiesta de la Juventud) que soio tivo unha única edición - e moitas, a maioría, continúan - agás neste ano tan estraño - celebrándose no termo municipal de A Guarda.

 Son copias - en tamaño DIN A-3 (29,7 x 42 cms.) - en cor, de carteis de diferentes anos do pasado século, nalgúns dos cales, mesmo apreciamos o selo do censor, habitual no réxime franquista que tivemos que aturar  ao longo de catro décadas, e que tanto dano fixo á toponimia do noso País, entre outras cuestións. Ninguna delas positiva para á Cultura de noso, ao impoñer uns criterios absurdos, como por exemplo non aceptar os nomes dos lugares na súa forma popular e tradicional, obrigando a súa castelanización - como por exemplo: La Guardia, El Castro, Buján, La Cruzada, La Gándara, Sobrelavilla,... -, e mesmo prohibindo chamarlle as festas do Entroido, polo seu nome que provén de tempos moi antigos. Daquela había que anunciar eses festexos co eufemismo ridículo de "Fiestas de Primavera". 

 Ademáis desas "curiosidades", que compre non esquecer para termos unha perspectiva máis ampla sobor de certos temas, especialmente para á poboación máis nova da sociedade civil deste século XXI, a mostra de carteis ofrécenos moita información sobor de emprendedores e empresas que houbo na nosa localidade e na súa contorna. Decímolo en tempo pretérito dado que lamentablemente algúns xa non están connosco, e algunhas razóns sociais deixaron de existir nos últimos 50 anos.

 A mostra, achéganos tamén os nomes de bandas de música, orquestras, grupos folclóricos e musicais, que amenizaban as nosas festas populares, que nalgún tempo comezaban a mediados de xaneiro coa celebración da festividade de San Amaro, en Camposancos, e remataban coas festas na honra da Virxe das Mercedes e coa romaría de Santa Trega. E entre a considerada como "a primeira romaría do ano", e a festividade da protomártir discípula de San Pablo, tiñamos un amplo repertorio festivo, no cal estaban as festas do Entroido - no Castro e na Alameda -, as festas de Pascua, en Buxán; San Antón, na Marina; San Xoán, en Salcidos; o Santísimo Sacramento e as da Virxe do Carmo, na Marina; as de San Roque, en Salcidos; as de San Caetano, na Cruzada; as Festas do Monte Santa Trega, na Alameda da vila,..., e xa no mes de setembro as festas na honra da Virxe da Guía, en Ribadavila e as das Mercedes, na Gándara. 

 Algún ano houbo tamén festas na honra de Nosa Sra. da Visitación, en Camposancos, e tamén na honra de San Xoán e de San Pedro, en Salcidos, como houbo tamén, ainda que nós xa non as lembramos, festas na honra de San Lorenzo, en Salcidos. E na década dos 70, tamén deixaron de organizarse as festas do Entroido, no Castro.

 Os tempos foron cambiando e algunhas festas deixaron de facerse, básicamente porque non había quen as organizase, toda vez que o traballo dos membros da comisión organizadora é moi pouco recoñecido.

 Ademáis das festas, vencelladas a maioría delas a festividades relixiosas, compre lembrar que na exposición tamén hai carteis das tradicionais alfombras na honra do Santísimo, verdadeiras obras de arte efémera, que con motivo da celebración da festividade do Corpus, teñen un inequívoco carácter de ofrenda.

 En calquer caso, a exposición "Aquelas festas..." - que vai estar aberta ata o día 10 de xaneiro - merece que nos acheguemos a Casa dos Alonso, no horario de apertura da Casa do Concello e apreciemos os datos que nos brindan eses carteis de festexos doutrora. Celebracións que forman parte da memoria colectiva de moitas xeracións de guardeses e veciños da contorna.

Ningún comentario:

Publicar un comentario