A PROBLEMÁTICA DO PECHE DA FRONTEIRA NO MIÑO CHEGA Á PRESIDENTA DA COMISIÓN EUROPEA URSULA VON DER LEYEN
· O secretario xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE), Martín Guillermo Ramírez, foi informado da importancia e especificidade do territorio miñoto e elevará a situación a diferentes estamentos da cúpula política europea
· Aplaude que o AECT Rio Minho tivera encargado á Universidade de Vigo un estudo para coñecer o impacto económico da crise da COVID-19 no territorio
O
deputado Uxío Benítez - á dereita da imaxe - e o secretario xeral da ARFE Martín Guillermo
Ramírez, nun encontro europeo celebrado este ano en Mallorca
Foto: D.PO.
Foto: D.PO.
Infogauda / O Baixo Miño
A problemática do peche da fronteira no Miño con motivo do COVID-19 chegará á mesa da presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen. O secretario xeral da Asociación de Rexiós Fronteirizas Europeas (ARFE) Martín Guillermo Ramírez, comprometeuse co deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez Fernández, a dar a coñecer de maneira inmediata e directa á responsable da CE o grande impacto económico que está a sufrir o territorio transfronteirizo do Miño polo mantemento dun único paso na fronteira para as traballadoras e traballadores da zona, unha das máis dinámicas de toda Europa. Martín Guillermo sinalou é preciso abrir máis pasos de maneira urxente, ademais de adoptar medidas e políticas de apoio para paliar os danos nos sectores produtivos.
Uxío Benítez e Martín Guillermo Ramírez reuníronse telematicamente na tarde de onte, ao abeiro dos encontros impulsados polo AECT Rio Minho con diferentes actores, nun encontro no que tamén participou o vicedirector do AECT e presidente da câmara municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Brito Nogueira. A Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa foi contactada como medio de facer presión para abrir a fronteira, xa que é a responsable de representar os intereses das rexións limítrofes ante as organizacións europeas e as autoridades estatais. Na actualidade reúne a máis dun cento de rexións fronteirizas e outras unidades territoriais rexionais e locais dos Estados membros da Unión Europea ou do Consello de Europa.
Benítez explicou a Ramírez as primeiras conclusións do estudo encargado á Universidade de Vigo pola entidade transfronteiriza, que apunta que o territorio da fronteira está a sufrir doblemente a situación derivada da COVID-19 tanto pola restrición de movementos xerais máis polo feito de ser fronteira. O nacionalista puxo sobre a mesa que o treito pontevedrés supón o 5% da liña de fronteira con Portugal en todo o Estado Español, se ben asume o 49% de todos os tránsitos de vehículos e persoas, xa que é unha das áreas transfronteirizas máis dinámicas economicamente de toda Europa (ao estar no eixo Vigo-Porto), a que reúne máis poboación e, ao mesmo tempo, ten relacións sociais, culturais e lingüísticas moi profundas.
Martín Guillermo Ramírez loubou a iniciativa da AECT de ter solicitado un estudo de impacto socioeconómico urxente á Universidade de Vigo, unha entidade que considerou relevante, e quedou impresionado polos datos presentados. Recoñeceu, de feito, que con motivo da COVID-19 os maiores problemas polos peches das fronteiras estanse a producir nos territorios nos que existen estruturas de cooperación estables e nos que as dinámicas de relación son máis intensas.
Ante a situación, o secretario xeral da ARFE comprometeuse a interceder directamente ante a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, para trasladarlle aproblemática dasrexións que están a sufrir unha situación tan grave como a de Pontevedra e o Norte de Portugal coa limitación no tránsito de persoal laboral en Europa. Ramírez sinalou que exemplificará a difícil situación das fronteiras concretando no caso do Miño transfronteirizo e nas eurorrexións xermano-polacas dentro dun amplo dossier, xa que lle parecen os casos máis significativos. Tamén sinalou que se porá en contacto con todos os ministros de Exteriores e de Política Territorial dos países da Unión Europea para tratar de buscar unha solución aos tránstitos transfronteirizos que involucre a toda a cúpula política europea.
A indignación medra
O AECT Rio Minho, pola súa banda, xa iniciara os seus contactos europeos previamente. De feito, remitiu xa o pasado 30 de abril á Comisaria de Política Rexional, Elisa Ferreira, a declaración asinada por todos os alcaldes da fronteira -tanto da parte pontevedresa como da parte portuguesa- defendendo a apertura de novos pasos fronteirizos, así como un programa de paliación dos efectos económicos e sociais do Covid -19 na fronteira. Este documento fora xa remitido tamén aos gobernos centrais español e luso, ao delegado de Goberno, ao presidente da Xunta, así como a diferentes representantes de entidades relacionados cos intereses do territorio da ‘raia’.
Segundo explica o director da AECT, segundo pasan os días e a fronteira do Miño sigue mantendo un único paso aberto, a indignación medra tanto na poboación traballadora como nos representantes locais polo “agravio” con respecto a outros territorios ante a inacción dos responsables políticos. Como exemplo, Uxío Benítez, expuxo o da comunidade autónoma de Extremadura que dende o inicio do Estado de Alarma mantivo varios pasos activos na fronteira e abriu outro este pasado luns, a pesares de que o número de traballadoras e traballadores que deben circular entre Extremadura e Portugal apenas chega á cuarta parte dos do territorio do Miño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario