[SAN XEROME EMILIANI] Presenzas e olladas. Faces e figuras. Afins de Manuel Álvarez
• Publicado en autoedición por barede pranca ed.
Manuel Álvarez Álvarez volve ofrecernos un deses libros que transcenden a condición de simple publicación para converterse en memoria compartida. [SAN XEROME EMILIANI] Presenzas e olladas. Faces e figuras. Afins é, antes ca nada, unha celebración da dignidade humana e unha homenaxe á forza transformadora da solidariedade.
O volume ábrese baixo o abeiro dunha reflexión de Robert Frank: «As cousas seguen adiante, o tempo pasa, a xente marcha e, ás veces, non volve». Un pensamento que actúa como limiar e prepara o lector para un percorrido onde a memoria se converte en territorio habitado. A seguir, a dedicatoria —Para Pablo, in memoriam— engade unha nota íntima que impregna de emoción contida todo o conxunto.
Natural do Coruto Vello, en Salcidos (A Guarda, 1954), Manuel Álvarez constrúe un exordio de delicada prosa poética no que evoca os días anteriores ao nacemento da Asociación San Xerome Emiliani e acompaña o lector pola súa andaina, unha historia colectiva que hoxe forma parte inseparable da memoria social do Baixo Miño e que proxecta a súa pegada moito máis alá da comarca. Entre as súas páxinas aparecen conceptos que deixan de ser abstracción para converterse en experiencia vivida: humanidade, diversidade, inclusión, respecto.
Mais o verdadeiro fío condutor desta obra é a fotografía. É nela onde Manuel Álvarez confirma, unha vez máis, a sensibilidade dun ollar que sabe descubrir aquilo que permanece oculto para a maioría. As súas imaxes non procuran o artificio nin o efecto inmediato; detéñense no rostro, na expresión, na mirada, nese instante irrepetible no que a persoa parece revelarse tal como é. Cada retrato convértese así nun pequeno relato visual, nun exercicio de complicidade entre quen observa e quen se deixa observar.
As persoas retratadas forman unha mostra plural da sociedade guardesa, vencelladas dun ou doutro xeito á Asociación San Xerome Emiliani. Cada unha delas acompaña a súa imaxe cunha reflexión persoal arredor dunha entidade que, co paso dos anos, se converteu nun motivo de orgullo colectivo. Desfilan polas páxinas José Luis Montes Fernández (Padre Montes), Jesús González Rodríguez (Suso do Tío Alfredo), Rafaela Carrero Rodríguez, Raúl González Puebla, Rogelio Vicente Lomba, Carmen María García Braga, José Carlos Rodríguez Barros, Olga González Rodríguez, Antolín Cadilla Rodríguez (Antolín Neura), María Fugguetto, Isidro Pérez González (Foto París), Alicia Alonso Fernández, Constantino Baz Baz (Tino Baz), Antonio Martínez Vicente, Hortensia Martínez Vicente e Amalio Verd Carballo. Todos eles achegan unha peza máis ao mosaico dunha obra común.
Despois desa galería humana, regresan os textos baixo o epígrafe Mais que recoñecementos. Son páxinas escritas coa serenidade de quen sabe que a gratitude tamén merece ser narrada. Nel reivindícase a memoria de todas aquelas persoas que, antes mesmo da constitución formal da Asociación San Xerome Emiliani, sementaron ilusión, esforzo e esperanza para facer posible unha realidade nova.
Porque houbo un tempo no que moitas nenas e moitos nenos con diversidade funcional vivían confinados ao ámbito doméstico, rodeados do agarimo das súas familias, mais afastados da vida comunitaria. A súa presenza apenas atopaba espazo na sociedade. A creación da Asociación San Xerome Emiliani abriu portas que parecían pechadas para sempre. Paso a paso, con perseveranza e sen estridencias, foi construíndo un lugar onde a inclusión deixou de ser unha aspiración para converterse nun feito cotián.
Hai, pois, moitas persoas ás que agradecer este camiño compartido. Persoas que fixeron posible aquel soño e que continúan alimentándoo co seu compromiso diario.
E cómpre agradecer tamén a Manuel Álvarez este libro fermoso, publicado fóra dos circuítos comerciais, mais chamado a ocupar un lugar de privilexio na memoria cultural e afectiva da nosa comarca. Porque Presenzas e olladas. Faces e figuras. Afins non é unicamente un libro de fotografía nin un exercicio literario. É unha homenaxe aos artífices e partícipes dunha das iniciativas sociais máis nobres nacidas no Baixo Miño. Un libro destinado a permanecer, como permanecen as obras feitas desde a verdade, a gratitude e a condición profundamente humana de quen sabe mirar.


Ningún comentario:
Publicar un comentario