9 de maio de 2020

PONTEVEDRA

O Museo de Pontevedra reabrirá tras a crise da COVID-19 prolongando as exposicións de Debuxantas e Leopoldo Nóvoa ata o 30 de agosto  

· A Dirección acordou cos propietarios e depositarios a permanencia das mostras, xa que apenas puideran ser visitadas polo público 

Cartel de ‘Debuxantas. Pioneiras da ilustración'
Fonte: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

  O Museo de Pontevedra reabrirá as súas portas prolongando as exposicións que estaban vixentes o pasado 12 de marzo cando a COVID-19 obrigou á clausura: ‘Leopoldo Nóvoa 1919-2019', e ‘Debuxantas. Pioneiras da ilustración', que non puidera ser nin inaugurada e apenas estivo unhas horas aberta ao público. A institución museística, logo de semanas de trámites e superadas as complicacións iniciais, acordou cos propietarios e depositarios de todas as pezas a permanencia das dúas mostras en Pontevedra ata o 30 de agosto.

  Segundo explica o director Xosé Manuel Rey, o Museo está prácticamente a punto para a reapertura, e levaraa adiante tan pronto como se autoricen as sucesivas fases da ‘desescalada', previsiblemente o vindeiro 25 deste mes. A volta realizarase co obxectivo principal de ofrecer unha boa experiencia de visita ás coleccións, e con todas as garantías sanitarias, controlando o aforo, realizando medición de temperatura a visitantes, así como cumprindo todos os protocolos de seguridade. Poranse en marcha, en función das necesidades e oportunidade, diferentes modelos de limitación do número de persoas nas instalacións, ben establecendo franxas de visita para diferentes grupos de poboación, ben coa organización de percorridos ‘con cita previa'.

  A extensión no tempo das exposicións no Museo, apunta Rey, foi negociada coas persoas e entidades propietarias e depositarias. No caso de ‘Leopoldo Nóvoa 1919-2019' contouse coa colaboración  e boa disposición de Sabela Nóvoa e Mercedes Bragante Nóvoa -filla e sobriña de Nóvoa-, José Blanco, Sofía Santos, Adolfo Sobrino, Víctor Montenegro, o Centro Galego de Arte Contemporánea, Colección BBVA, Colección ABANCA, Fundación Barrié, Fundación Luis Seoane e o Museo de Belas Artes da Coruña. No caso de ‘Debuxantas' inicialmente plantexáronse certas dificultades, xa que estaba axendada para outra localidade que, ante a imposibilidade de celebración nas datas previstas pola prohibición de traslados interprovinciais, cancelou e permitiu a ampliación en Pontevedra.

Debuxantas

 ‘Debuxantas. Pioneiras da ilustración' é unha mostra que recolle as creacións das principais ilustradoras que traballaron para as publicaciones Blanco y Negro e ABC dende a súa fundación, facendo referencia ao aclamado I Salón de Debuxantas que tivo lugar no Lyceum Club Femenino en 1931.

  A exposición, froito dun vasto traballo de investigación e documentación, recolle un total de preto de 130 obras de 40 ilustradoras, que van desde as pioneiras de finais do século XIX ata as máis modernas da década de 1990. Unha crónica visual de cen anos da man das grandes artistas da Colección ABC; desde atc (Ángeles Torner Cervera), Piti Bartolozzi, Maruja Mallo e Marga Gil Roësset ata Coti (Lucrecia Martínez Feduchi) ou Mar Ferrero.

  A exposición deixa patente o rol decisivo que as dúas publicacións tiveron na profesionalización da ilustración, así como a oportunidade que supuxo para cada unha das mulleres realizar un traballo digno, remunerado e recoñecido.

  As comisarias da mostra, Marta González Orbegozo e Xosefina Alix, pretenden por unha banda dar luz sobre a traxectoria e vida das artistas seleccionadas amosando as súas obras ao público, servindo como punto de partida para liñas de investigación futuras que teñan como obxectivo resituar a valiosa achega de todas elas ao mundo da ilustración e a arte. Por outra parte, a través da mirada das ilustradoras, aprécianse aspectos variados e interesantes da vida social e cultural das épocas sociais das que foron testemuñas.

Nóvoa

  A exposición ‘Leopoldo Nóvoa 1919-2019' inaugurouse o pasado 9 de marzo e tiña que pechar o pasado 26 de abril. Nela recóllense medio cento de pezas (cadros, libros ilustrados, documentos persoais ou esculturas) do que foi un dos artistas galegos máis internacionais e referente da arte abstracta tanto dentro coma fóra de Galicia na segunda metade do século XX. A mostra supón un percorrido pola súa traxectoria vital e artística dende as súas primeiras obras en Uruguai e Arxentina ata a súa estadía en París e a Armenteira, onde a carga plástica das cinzas se incorpora ás súas creacións. Tamén se inclúe a proxección continua dunha peza audiovisual sobre o creador elaborada por Xurxo Lobato, quen a través de testemuñas de diferentes profesionais achega máis coñecemetno sobre o autor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario