A Cidade da Cultura lanza una visita virtual á exposición ‘Galicia, un relato no mundo’ enriquecida con contidos extra
Novos audiovisuais ampliarán a experiencia de visita á exposición de maior éxito das organizadas no Museo Gaiás
A mostra, pese a verse na obriga de pechar ao público un mes antes do previsto, recibiu máis de 43.000 visitantes, cifra récord no rexistro do Gaiás
A Cidade da Cultura garante ás institucións prestadoras e aos coleccionistas privados a conservación en condicións óptimas das obras ata que as circunstancias permitan a devolución
Infogauda / Santiago de Compostela
A Consellería de Cultura e Turismo lanza unha visita virtual a
Galicia, un relato no mundo para achegar os seus contidos a todas as
persoas que, debido ao peche do Museo Centro Gaiás, quedaron sen
posibilidade de descubrir a exposición de maior éxito da Cidade da
Cultura.
A mostra, que estaba previsto manter aberta ata o 12 de
abril, non recibe visitas desde o 13 de marzo, día no que a Xunta de
Galicia declarou a emerxencia sanitaria, que supuxo o peche dos museos e
outras instalacións como medida de precaución fronte o avance da
pandemia.
Nesa data, un total de 43.035 persoas achegáranse xa a
Galicia, un relato no mundo, o que supón unha media de 426 visitantes ao
día, cifra récord no rexistro do Museo Centro Gaiás. Pese a pecharse ao
público un mes antes do programado, a mostra sitúase como a exposición
coas mellores cifras de todas as programadas na Cidade da Cultura desde a
súa inauguración e acredita o excepcional interese do público por
afondar no coñecemento da historia de Galicia.
A exposición obtivo
tamén unha resposta excepcional entre os centros educativos, máis de
seis mil alumnos de diferentes niveis –desde primaria ata aos estudos
universitarios- participaron nas visitas didácticas organizadas polo
Museo Centro Gaiás.
Nestas semanas nas que o Museo permanece
pechado, a Cidade da Cultura vén desenvolvendo actividades online
aproveitando tamén os contidos da exposición, como o programa Aventura
no monte das artes, retos didácticos dirixidos á cativada para convidala
a desenvolver a súa habelencia creativa.
Visita virtual
Precisamente estes contidos online amplíanse agora co lanzamento dunha visita virtual a través da web cidadedacultura.gal.
Unha ferramenta que ofrecerá a posibilidade de navegar desde o
ordenador ou dispositivos móbiles entre as máis de trescentas pezas da
exposición e seguir a descubrir abraiantes conexións de Galicia co resto
mundo, así como os segredos que rodean xoias como a Biblia Kennicott, a
"Santa" de Asorey ou o Guerreiro de Lesenho.
Ademais, a visita
virtual incorporará un ampla variedade de contidos extra para enriquecer
a experiencia, como vídeos con explicacións por parte do comisario,
Manuel Gago, ou dos técnicos do Servizo de Mediación.
Devolución das obras
A Fundación Cidade da Cultura, tras o peche do Museo Centro Gaiás, contactou con todas as institucións e coleccionistas privados que prestan obra para informarlles de que as medidas sanitarias derivadas do estado de alarma obrigaban a aprazar as devolucións.
Do mesmo
xeito, informou de que as pezas permanecerán en sala, vixiándose as
condicións técnicas (temperatura, humidade…) e de seguridade para
garantir a súa conservación nas mellores condicións. A Cidade da Cultura
ampliou tamén o prazo do seguro ata o 30 de xuño, sen custe adicional
para a Xunta de Galicia.
En canto a situación o permita
procederase a devolución de todas as obras seguindo un programa deseñado
polo Departamento de Exposicións da Fundación Cidade da Cultura e en
colaboración con empresas especializadas no transporte de obras de arte.
Cómpre
lembrar a complexidade organizativa deste operativo nunha exposición na
que cederon obra 60 institucións e 21 coleccionistas, tanto de Galicia e
do resto de España como de Irlanda, o Reino Unido, Italia, o Vaticano,
Portugal, a Arxentina, Cuba e o Uruguai.
A Cidade da Cultura quere
expresar o seu agradecemento ás institucións e coleccionistas pola súa
comprensión e confianza ante as excepcionais circunstancias que se están
a vivir, así como trasladar a súa solidariedade coa difícil situación
coa que tamén moitas delas están a traballar nos seus propios países.
Ningún comentario:
Publicar un comentario