Galicia pide ao ministro de Cultura a convocatoria dun Consejo Jacobeo extraordinario para abordar a situación do Camiño
Román Rodríguez remitiulle unha carta a José Manuel Rodríguez Uribes na que solicita un encontro telemático coa presenza das autonomías implicadas
A Xunta de Galicia trasladará esta semana na Comisión Sectorial de Cultura a necesidade de que o sector conte con medidas específicas e se teña en conta súa a relevancia
Foto: X.G.
Infogauda / Santiago de Compostela
Galicia vén de solicitar ao Goberno central a convocatoria dun
Consejo Jacobeo extraordinario para abordar o impacto da crise do
coronavirus no Camiño de Santiago. Así llo trasladou o conselleiro de
Cultura e Turismo, Román Rodríguez, ao ministro de Cultura e Deporte,
José Manuel Rodríguez Uribes, a través dunha carta na que o
representante da Xunta subliña a necesidade de reunir de xeito
telemático a este órgano de coordinación entre o Executivo central e as
autonomías polas que pasa a Ruta Xacobea.
Tras escoitar as
demandas das asociacións de amigos do Camiño en Galicia, Román Rodríguez
solicita ao ministro de Cultura e Deporte axilizar esta convocatoria
para analizar de xeito conxunto as medidas que permitan minimizar as
consecuencias da actual crise sanitaria nos distintos itinerarios.
Lembrou que, ademais da dimensión cultural e histórica, o Camiño de
Santiago ten un enorme impacto nas economías dos territorios polos que
transcorre, de xeito especial ao sector turístico e as industrias
creativas, polo que a situación afecta a numerosos traballadores,
autónomos e pequenos e medianos empresarios.
Neste sentido, o
responsable de Cultura e Turismo da Xunta incidiu na importancia de
poñer en marcha medidas transversais unha vez se levanten as restricións
derivadas do estado de alarma. Ademais, resaltou que, malia que Galicia
é a meta e conta con 1.500 quilómetros, o Camiño de Santiago é un
fenómeno con repercusión na maioría das comunidades autónomas e que
representa os valores da Marca España en todo o mundo.
Precisamente,
o conselleiro destacou a importancia do próximo Xacobeo 2021 por
entender que pode actuar como motor e estímulo económico das industrias
culturais e turísticas da nosa Comunidade e do conxunto do país, para o
que se precisa do apoio estatal.
Traslado das demandas do sector cultural
Román
Rodríguez aproveitará a próxima xuntanza da Comisión Sectorial de
Cultura para reiterarlle esta solicitude a José Manuel Rodríguez Uribes,
así como para trasladarlle as necesidades e demandas dos distintos
axentes do sector cultural da nosa Comunidade, unha vez recollidas as
súas achegas nos encontros mantidos nas últimas semanas.
Nesa
xuntanza, que se celebrará o próximo xoves de xeito telemático, o
responsable de Cultura e Turismo do Goberno galego reclamará medidas
específicas neste eido e que se teña en conta a súa importancia
económica, pero tamén social e as súas implicacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario