O Concello do Rosal só mantén o traballo presencial de servizos mínimos esenciais
· Inclúe Servizos Sociais, Policía Local, servizos de recollida de lixo e limpeza, axuda no fogar e emerxencias de Vías e Obras
· O persoal que non poida teletraballar sumarase ao permiso retribuído recuperable
A esquerda da imaxe atópase o acceso ao departamento de Servizos Sociais do Concello do Rosal
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal segue a aplicar medidas para preventivas para evitar a propagación do COVID-19 no municipio. Tras as novas disposicións marcadas polo Goberno central dentro do estado de alarma, prescindindo dos servizos non esenciais e cunha maior restrición da mobilidade como estratexia de contención do coronavirus, o Concello do Rosal aplicou novas medidas para limitar máis os desprazamentos do persoal municipal.
Así, aínda que dende o inicio do estado de alarma moitos dos traballadores e traballadoras desenvolvían as súas tarefas dende casa, o persoal dos servizos esenciais seguía acudindo aos seus postos de forma presencial tomando todas as medidas de seguridade recomendadas. Non obstante, dende onte e ata o 9 de abril incluído, o Goberno municipal do Concello do Rosal manterá de forma presencial soamente os servizos mínimos considerados esenciais:
- Policía Local.
- Servizo de recollida de lixo.
- Servizo de limpeza viaria.
- Servizo de axuda no fogar.
- Servizo de emerxencias de Vías e Obras.
- Servizos Sociais.
- Servizo de limpeza de edificios públicos como a Praza de Abastos, o Centro Social Polivalente e o Concello, así como calquera outro edificio público que fóra necesario utilizar para o desenvolvemento dalgún servizo esencial.
Os servizos mínimos municipais prestados ata agora na Casa do Concello tamén se levarán a cabo en modalidade de teletraballo e todo aquel persoal que non presten servizos esenciais e non poidan realizar o seu traballo dende o seu domicilio acolleranse ao permiso retribuído recuperable.
“Somos conscientes do complicado da situación, xa na terceira semana de illamento, pero queremos transmitir unha mensaxe de tranquilidade, de calma e de responsabilidade ante o que estamos a vivir. Dende o Concello estamos a tomar todas as medidas necesarias para frear esta pandemia e pedimos a toda a veciñanza que cumpra as recomendacións e medidas do estado de alarma, porque somos conscientes de que estamos nunha recta importante para rematar con este virus e volver pouco a pouco á normalidade. Seguir nese camiño de recuperación vai depender de todas e todos nós. Agora máis que nunca debemos estar xuntas e xuntos neste reto colectivo”, recordou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.

Ningún comentario:
Publicar un comentario