O presidente do Goberno galego compareceu hoxe para dar conta da actual situación con respecto ao coronavirus
Galicia pon en marcha dous hospitais de reforzo para ampliar toda a planta hospitalaria pública e privada coa que conta a Comunidade
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, en rolda
de prensa, novas medidas para afrontar a pandemia do coronavirus
Foto: X.G.
Precisa que na Coruña, o hospital de reforzo instalarase no recinto feiral e contará cun aforo de entre 200 e 300 camas a maiores; e, no caso de Santiago, o recinto para albergar o hospital será o Multiusos do Sar, onde se instalarán entre 100 e 150 camas adicionais
Na área de Vigo, resalta que a Xunta non descarta utilizar o Ifevi como hospital adicional, se ben ata o momento considérase suficiente co Hospital Público Álvaro Cunqueiro, con Povisa e co Hospital de Fátima, deixando o Meixoeiro para pacientes sen coronavirus
Asevera que as residencias de maiores e de discapacitados internos seguen a ser unha das prioridades e anuncia a decisión de priorizar os tests de diagnóstico nestes centros, tanto aos residentes como aos empregados
Infogauda / Galicia
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, en rolda
de prensa, novas medidas para afrontar a pandemia do coronavirus, tanto
no eido sanitario como no eido das residencias de maiores e de
discapacitados internos, entre as que destacou a posta en marcha de dous
hospitais de reforzo para ampliar toda a planta hospitalaria pública e
privada coa que conta a Comunidade.
Logo de manter onte unha nova
reunión co comité clínico, na que se avaliou a situación da pandemia,
Feijóo explicou a decisión de que a xerencia da área de saúde da Coruña e
da área de saúde de Santiago inicien todos os preparativos para
instalar dous hospitais de reforzo: un na cidade da Coruña e outro na
cidade de Santiago. Así, na Coruña, o hospital de reforzo instalarase no
recinto feiral e contará cun aforo de entre 200 e 300 camas a maiores;
e, no caso de Santiago, o recinto para albergar o hospital será o
Multiusos do Sar, onde se instalarán entre 100 e 150 camas adicionais a
toda a planta hospitalaria pública e privada que existe na área
sanitaria de Compostela.
Nesta mesma liña, e no tocante á área de
Vigo, o titular do Goberno galego resaltou que a Xunta non descarta
utilizar o Ifevi como hospital adicional para completar todo o aforo
público e privado da cidade olívica, se ben ata o momento considérase
suficiente co novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro, con Povisa e co
Hospital de Fátima, deixando o Meixoeiro para pacientes sen coronavirus.
“E
tomamos a decisión de poñer en marcha por parte do 061 unha noria de
ambulancias, é dicir, dun sistema de traslados específicos para os
pacientes de coronavirus, nos que se priorizarán os traslados entre
estes novos hospitais”, engadiu, referíndose tamén á decisión, onte, de
poñer gratuitamente a disposición dos traballadores sanitarios unha
serie de hoteis para os que o precisen.
Priorizar os tests de diagnóstico nas residencias
Por
outra banda, o responsable do Goberno galego aseverou que as
residencias de maiores e de discapacitados internos seguen a ser unha
das prioridades da Administración autonómica. “Seguiremos actuando para
previr contaxios e para dar resposta aos que se produzan”, afirmou,
anunciando a decisión de priorizar os tests de diagnóstico nas
residencias de Galicia, tanto aos residentes como aos empregados. “O
obxectivo é chegar a todos os centros, comezando por aqueles nos que se
teñen detectado casos e levando a cabo arredor de 800 tests diarios para
completar o mapa de todas as residencias”, dixo.
“Seguiremos
ademais implementando os protocolos activos desde hai semanas. Estamos
facendo reparto de material diariamente. Hai unha supervisión sanitaria
continua do que sucede en cada unha delas. E seguimos tratando de illar
ao máximo os casos que imos detectando, xa sexan nos propios centros
onde se producen ou trasladando aos usuarios contaxiados ás residencias
integradas que xa habilitamos ou que imos ir habilitando en cada área
sanitaria en función da demanda”, recordou, a modo de resumo.
Nesta
liña, Feijóo lembrou a posta en marcha de dúas residencias integradas,
en Baños de Molgas e en Santiago, e subliñou a intervención onte de dúas
residencias privadas, en Vigo e en Cangas, transformándoas en
residencias integradas baixo a supervisión directa das autoridades
sanitarias. Unha intervención que supón o nomeamento dunha dirección que
coordine a actividade asistencial, garantir a aplicación dos protocolos
e levar a cabo a supervisión médica de todos os residentes.
Por
outra banda, e en relación ao tecido produtivo, Feijóo pediu novamente
ao Goberno de España unha maior concreción das actividades que están
permitidas e cales non, para que non se sigan a xerar dúbidas e
incertezas, aínda na mañá de hoxe martes.
O presidente da Xunta
concluíu incidindo en que a Comunidade se atopa nun momento clave no que
é necesario non relaxarse, senón redobrar o compromiso para evitar o
contaxio. “Cada un no seu sitio e exercendo a súa responsabilidade.
Formamos unha cadea”, dixo, trasladando o agradecemento aos que están a
loitar por salvar vidas no ámbito sanitario, aos que vixían por que se
cumpran as restricións, aos que garanten os servizos esenciais e a todos
aqueles que están nas súas casas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario