‘Coas mans na masa’ chega á súa terceira edición con seis novas actividades formativas gratuítas
Os cursos, de elaboración artesanal de ungüentos e conservas, celebraranse nos concellos da Guarda, Tui, Baiona, O Rosal, Mos e Gondomar en febreiro e marzo
Sandra González - a esquerda de Francisco Ferreira - estivo acompañada neste acto polo alcalde de Gondomar, que exerceu de anfitrión, así como pola alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; polas concelleiras de Promoción Económica e de Política Social de Mos, Julia Loureiro e Sara Cebreiro; pola concelleira de Emprego de Tui, Ana María Núñez, e por numerosos membros da corporación municipal de Gondomar
Foto: EuRural
Infogauda / Gondomar
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural continúa coa súa apostando pola formación como ferramenta para mellorar a capacitación dos recursos humanos do territorio. Por este motivo, e tras o éxito acadado en 2018 e 2019, a Escola Eu Rural pon en marcha a terceira edición do programa ‘Coas mans na masa’, un itinerario formativo que busca engadir valor no mercado aos produtos do sector primario a través da transformación da abundante materia prima da contorna en produtos de gran calidade e da súa conservación para a posterior comercialización.
Sandra González, presidenta da asociación Eurural e alcaldesa de Tomiño, durante a presentación deste itinerario formativo
“Un dos obxectivos estratéxicos de Eurural da resposta ao que pedía a cidadanía: investir os fondos europeos que recalan no territorio en formación. E iso é o que se fai cada ano con este e outros itinerarios formativos postos en marcha a través da nosa Escola Eurural”, salientou Sandra González, presidenta da asociación Eurural e alcaldesa de Tomiño, durante a presentación deste itinerario formativo este xoves 9 de xaneiro no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar. “Este ano quixemos facer una nova edición do curso de elaboración artesanal de ungüentos e de conservas para dar a oportunidade a todos os concellos do territorio de poder desfrutar dunhas actividades que contan sempre cunha alta demanda por parte da poboación. Por iso queremos agradecer a colaboración de todos os concellos, que se implican para que estes cursos poidan impartirse, e de toda a veciñanza que participa activamente en cada unha das iniciativas que levamos a cabo”, recordou.
González estivo acompañada neste acto polo alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, que exerceu de anfitrión, así como pola alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; polas concelleiras de Promoción Económica e de Política Social de Mos, Julia Loureiro e Sara Cebreiro; pola concelleira de Emprego de Tui, Ana María Núñez, e por numerosos membros da corporación municipal de Gondomar.
Seis cursos, seis concellos
A gran demanda das accións formativas levadas a cabo na pasada edición do programa ‘Coas mans na masa’, nas que houbo unha importante lista de agarda de persoas interesadas en participar, motivou que Eurural volva a poñer en marcha os cursos de elaboración artesanal de ungüentos naturais e de elaboración artesanal de conservas. Así, por un lado, as persoas interesadas en aprender a crear cremas, pinturas, aceites... con recursos naturais da contorna poderán participar nalgunha das 4 accións formativas de ‘Elaboración artesanal de Ungüentos naturais’ que se celebrará en A Guarda (3 e 4 de febreiro), Tui (10 e 11 de febreiro), Baiona (17 e 18 de febreiro) e O Rosal (9 e 10 de marzo), catro concellos nos que aínda non se tiña impartido esta actividade.
Por outro lado, tamén se desenvolverán dúas accións formativas relacionadas coa ‘Elaboración artesanal de Conservas’, un curso que se repite por terceiro ano consecutivo e que cada edición conta con maior interese por parte da cidadanía. Nesta actividade as persoas interesadas aprenderán a facer conservas naturais con alimentos de tempada que abundan na contorna e impartiranse nos concellos de Mos (2, 3 e 4 de marzo) e Gondomar (23, 24 e 25 de marzo).
Como complemento a estas actividades, nesta ocasión ‘Coas mans na masa’ desenvolverá por primeira vez cursos específicos dirixidos a profesionais da hostalaría e da restauración: ‘Cociña creativa con produto local’. Da man do chef galego Iván Méndez, as persoas participantes descubrirán novos xeitos de empregar os produtos locais para elaborar pratos creativos e novidosos. Serán catro cursos eminentemente prácticos que terán lugar en Nigrán (1, 4 e 5 de febreiro), Tomiño (17, 18 e 19 de febreiro), O Porriño (20, 21 e 22 de abril) e Redondela (4, 5 e 6 de maio).
Poderá inscribirse e participar nestes cursos calquera persoa que resida no territorio do GDR 14 e estea interesada, independentemente de que o concello no que viva non dispoña de curso. As xornadas son de balde e a inscrición farase a través da web www.eurural.org, dirixíndose ao apartado denominado Escola. Todos os cursos se impartirán en horario de 16.30 a 20.30 horas e haberá un máximo de 15 alumnos e alumnas por curso.
Novas edicións
‘Coas mans na masa’ nace ao acubillo da Escola Eurural, creada en 2017 como unha ferramenta posta en marcha pola AD Galicia Suroeste Eurural para canalizar todas as accións formativas que se desenvolven no territorio do GDR 14 e que abrangue aos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.
Dentro da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa elaborada pola AD Galicia Suroeste Eurural, na que se estableceron as liñas de actuación da Medida Leader para o territorio do GDR 14, recóllese unha aposta pola formación como vehículo para mellorar a capacitación do capital humano da contorna. Por este motivo, cada ano destínase o 2,5% do orzamento anual da asociación á creación de itinerarios formativos para toda a poboación e ata o de agora xa se formaron a máis de 280 persoas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario