7 de xuño de 2019

A GUARDA

Inaugurada a exposición sobre as Alfombras Florais na vila guardesa

Estará na Casa dos Alonso ata o domingo 23 de xuño, poden visitarse en horario de 11:00 a 13:30h e de 18:00 a 21:00h.   


Mª Emilia Baz Vicente, presidenta da  Asociación Cultural Alfombras da Guarda, no acto de inauguración da exposición, en presenza de Antonio Lomba Baz, alcalde en funcions de A Guarda e de Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Turismo en funcions e de persoas que traballan nos diferentes tramos de alfombras do Santísimo Sacramento
Fotos: Infogauda 


Infogauda / A Guarda

 Na tardiña deste venres día 7 de xuño a Casa dos Alonso acolleu a inauguración da exposición sobre as Alfombras Florais na Guarda, unha mostra que recolle a través de varios paneis (con copias de documentos antigos, vellas fotografías e outras máis recentes no tempo, informacións publicadas na prensa local - por exemplo no semanario "La Voz del Tecla" - e en publicacións colectivas, como libros-programa de festas da nosa localidade; ou eventos de tipo relixioso e mesmo social), a historia desta arraigada tradición na vila guardesa, xunto con explicacións sobre como é este traballo, verdadeira ofrenda colectiva de arte efémera e secular devoción ao Santísimo Sacramento.  

 No acto de inauguración estiveron presentes o alcalde en funcións, Antonio Lomba Baz, a concelleira de Turismo en funcións, Montserrat Magallanes Álvarez e a presidenta da  Asociación Cultural Alfombras da Guarda, Mª Emilia Baz Vicente, así como varios concelleiros en funcions da actual Corporación Municipal, así como concelleiros electos que formarán parte da vindeira a partir do día 15 deste mes. E tamén, como non podía ser doutro xeito, coa presenza de numerosas persoas que participan cada ano na elaboración das alfombras florais na honra do Santísimo, na vila de A Guarda. 

 Na súa intervención Mª Emilia Baz Vicente evocou ás veciñas pioneiras que comezaron a facer alfombras florais na conmemoración da festividade do Señor, algunhas das cales ainda viven e outras xa non. Tamén agradeceu a tódolos colabouradores que aportaron información e material para facer posible esta exposición.

 Pola súa banda o alcalde en funcions, Antonio Lomba Baz felicitou "(...) as alfombristas por seren capaces de organizarse e crear a Asociación Cultural Alfombras da Guarda, e tamén as fillas de Antonio Martínez e tamén a deseñadora Tamara Baz, pola organización e montaxe da mostra (...)".

  O tempo que afirmou que "(...) a riqueza dunha vila como A Guarda, é cando, como neste caso, estas manifestacións xurden do pobo (...)", Lomba Baz tamén engadiu que "(...) a confección das alfombras florais, aínda tendo unha orixe relixiosa, trascende do relixioso ao social. Por iso esto cobra máis valor e aí está a resposta a esta inauguración que o dí todo (...)". "Ogallá - desexou Lomba - isto das alfombras non remate nunca (...)".

 A Asociación Cultural Alfombras da Guarda, creada en 2018, é a encargada na actualidade de velar pola promoción e manter a tradición histórica das alfombras florais do Corpus no pobo da Guarda, así como dar a coñecer, por en valor e visualizar o traballo e orgullo que supón para os seus veciños, membros e colaboradores e a poboación guardesa en xeral.  

A EXPOSICIÓN ESTARÁ ABERTA ATA O VINDEIRO DÍA 23 DESTE MES

 A exposición, que leva por nome «Alfombras Florais da Guarda», estará na Casa dos Alonso ata o domingo 23 de xuño en horario de 11:00 a 13:30h e de 18:00 a 21:00h.  

 «Alfombras Florais da Guarda» é unha mostra que recolle unha síntese da tradición da creación de alfombras elaboradas con flores e outros materiais naturais para engalanar as rúas da vila con motivo da celebración do Día do Señor. Trátase dunha costume cunha longa traxectoria na vila e cunha importante bagaxe cultural vinculada inicialmente ó ámbito relixioso e que forma parte sen dúbida do patrimonio cultural guardés. 

Ademais de veciños da vila e de tódalas parroquias guardesas, ao acto de inauguración da exposición asistiron varios concelleiros en funcions da actual Corporación Municipal de A Guarda


 A exposición tamén recolle o proceso xenérico da elaboración das alfombras, co deseño de cada unha delas, a colleita dos materiais - algúns deles, moi concretos, con varios meses de entelación -, o esfollado do verde, o corte da flor, o marcado do deseño, o perfilado a elaboración e os detalles finais.  

 Existen informacións antigas que deixan constancia da importancia da celebración da Festa do Corpus na nosa vila xa dende o século XVII, sendo a celebración do Corpus Christi ou do Santísimo Sacramento, unhas das principais festas cívico-relixiosas do pobo guardés. 

 A primeira noticia da existencia da Confraría do Santísimo Sacramento, inclusa na igrexa parroquial da vila de A Guarda, é a que aparece no seu libro de contas do ano 1689.  

 Compre salientar que nesta exposición abórdase a temática da confección das alfombras desde tres puntos de partida. Por unha banda o aspecto histórico, repasando os antecedentes e datas sinaladas sen os cales non se entendería a grandeza desta festividade; por outra banda o organizativo, amosando como se coordinan e elaboran as alfombras; e xa para finalizar o aspecto dos percorridos, representando as rúas onde se realizaron noutrora e tamén hoxendía, as alfombras, os rezos e bendicións e demais celebracións asociadas a este evento.

 Por ser de xustiza, desde este xornal dixital transfronteirizo deixamos constancia que no contido da exposición ademáis das persoas que a deseñaron e a montaron, hai un traballo de confeccións de flores de papel de colores que fixeron expresamente para esta mostra, varias persoas dos diferentes tramos de alfombras florais.

 Con esta exposición queda de manifesto que na Guarda hai tradición de alfombras florais e de sal, e que esa tradición foise consolidando ano tras ano, e como corolario de todo iso, xurdiu a Asociación Cultural Alfombras da Guarda, que viu a dinamizar actividades de arte efémera en diferentes momentos, como na recente Mostra Asociativa de A Guarda, ou no Nadal e tamén con motivo da exposición "Así somos", do fotógrafo Marius Kraja (Mac), entre outras ocasions.

A GUARDA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ACELERA A OBRA DA RÚA CONCEPCIÓN ARENAL PARA FINALIZALA NESTE MES DE XUÑO  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que o obxectivo é cumprir co prazo de que a rúa estea operativa a principios de verán  


Aspecto que presenta a día de hoxe a maior parte da rúa Concepción Arenal
Fotos: D. PO.

Infogauda / A Guarda

 O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a acelerar a obra de mellorada rúa Concepción Arenal de A Guarda para finalizar a reforma neste mes de xuño. Así o indicou hoxe o deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández, quen subliñou que o obxectivo é manter o prazo marcado inicialmente de que a rúa estea operativa e aberta a primeiros de verán.  


Vista parcial do tramo final - aínda en obras - da rúa Concepción Arenal, na intersección coa rúa de Galicia

 Segundo dixo Benítez, nestes momentos toda a vía está practicamente formigonada, salvo unha pequena área prevista para o vindeiro luns. A dirección de obra indica, de feito, que aínda que queda por finalizar a praza Avelino Vicente e a colocación da iluminación, estes traballos poderían estar listos sen problema antes de que remate o mes, permitindo a apertura á circulación rodada a falta de pequenos remates de mobiliario urbano. Deste xeito, a veciñanza da vila podería gozar da nova imaxe da vila a principios do verán.  

 A nova imaxe da rúa Concepción Arenal supón un cambio integral con respecto á vella rúa, que contaba con beirarrúas estreitas e pouco accesibles.  De feito, o obxectivo da actuación era recuperar o espazo público para veciñas e veciños deixando claro que a circulación peonil é a prioritaria aínda que se mantén a convivencia co tráfico rodado.   

 Agora a estrada conta cunha plataforma única na que o espazo destinado aos peóns ampliouse considerablemente, estando definido por lousas de ecogranit de cor pardo e aceiro cortén. A zona de tránsito de vehículos está feita de formigón gris cun claro carácter desestruturado co fin de que os vehículos reduzan o paso e a súa velocidade sexa calmada en todo o ámbito da rúa.  

 Hai que lembrar que a reforma de Concepción Arenal non só se cinguiu á súa imaxe externa, senón que tamén se renovaron os servizos soterrados, coa instalación de novas tubaxes de augas pluviais -das que carecía a rúa-, que permitirán que a auga da chuvia verta directamente ao mar en lugar de ter que pasar pola depuradora, quedando esta liberada dun grande volume de líquido que non precisaba de tratamento.  

 As obras de reforma integral da rúa Concepción Arenal (EP-3401 de acceso ao porto) comezaron o mes de setembro de mans da empresa ‘Obras, Reformas e Saneamentos S.L.’. A titularidade da rúa pasará da Deputación ao Concello unha vez rematada a obra.

A GUARDA

FORMACIÓN

Últimas prazas para os cursos da Aula CeMIT de xuño e xullo


 Infogauda / A Guarda

 A Aula CeMIT da Guarda organiza novos cursos de informática para todas as idades nos meses de xuño e xullo, quedando xa as últimas prazas para completar os diferentes cursos ofertados. 

 As inscricións están abertas no Concello e no Centro Cultural (1º andar), chamando ao 986 611 850 ou no enderezo electrónico: cemit.aguarda@xunta.gal.   

 Cursos para o mes de xuño: 
•    Informática para adultos: Xoves de 12:00 a 13:30h 

Cursos para o mes de xullo: 
•    Informática para nenos: Mércores de 10:30 a 12:00h ou 12:00 a 13:30h 
•    Manexo tablet e smartphone: Martes de 10:00 a 11:30h •    Aplicacións de Google: Luns de 12:00 a 13:30h 
•    Creación de presentacións: Martes de 12:00 a 13:30h  

Sobre a Rede CeMIT  

 A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia, Rede CeMIT da Xunta de Galicia, configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información na nosa comunidade e tamén das políticas de goberno en áreas como a empregabilidade, competitividade empresarial, e-inclusión, benestar e a e-Administración. 

 O concello da Guarda manten a aula CeMIT en funcionamento gracias a un técnico contratado a través da liña 3 do plan concellos da Deputación de Pontevedra, de fomento de emprego. Aínda que a aula de informática está integrada na rede CeMIT, o concello non recibe ningunha subvención da Xunta de Galicia. 

 Conformada por unha serie de aulas públicas de acceso libre e de balde, dotadas de avanzado equipamento informático, audiovisual e multimedia, contan con acceso a Internet e abarcan a totalidade das comarcas de Galicia.

TOMIÑO

Tomiño vai celebrar cun amplo programa, a segunda Festa Agro LGTBI 

O día 29 de xuño haberá unha serie de actos conmemorativos, coma conferencias, obradoiros, animación infantil, concertos, DJ, circo e máis sorpresas  


 Infogauda / Tomiño

 Tomiño celebrará a súa segunda Festa Agro LGTBI cunha xornada completa de actos conmemorativos. Será o sábado 29 de xuño no Mercado Municipal, entre as 11.30 e as 21.30 horas, e haberá espectáculos circenses e de transformismo; concertos, DJ, obradoiros infantís, charlas, photocall e lectura do manifesto.  

 A festa, organizada polo voluntariado da oficina de Información Xuvenil (OMIX), comezará cunha sesión vermú artesá e o espectáculo circense Victoria. As 12.30h terá lugar o primeiro obradoiro infantil “Trans*formando Realidades, a cargo de Sara Uris, e a conferencia “Entre a visibilidade e o paternalismo: a emerxencia do armario de cristal”, impartida por Ángel Amaro.  

 Ás 13.30h haberá purpurina e brillantina biodegradables, para todos e todas as participantes e un photocall para fotografarse. 

 Ás 14.30h hora para a comida cun Pícnic Comunitario (para o que haberá que traer a comida) que durará até pouco antes das 16.00h, momento no que se realizará o segundo obradoiro infantil, do mesmo tipo que o da mañá. A continuación celebrarase o espectáculos de transformismo “Escribiuse un crime”, con “Marinita y sus maromas”, compañía de teatro DRAG.  

 Ás seis da tarde, haberá un concerto de “Las Marikarmen”, un cabaret musical queer-pop, con músicos de distintas nacionalidades.  

 Para ás 19.30h está prevista a actuación de Russinha (DJ set) e coma peche da xornada, a lectura do manifesto, a cargo de Andrés Benítez Oliveira, produtor audiovisual e recoñecido membro do colectivo LGTBI do municipio tomiñés.  

 “Esta iniciativa xorde non só a raíz da necesidade de visibilizar ao colectivo LGTBI+ no ámbito rural, senón tamén como unha vía de reivindicación do campo como un lugar de oportunidades”, explican os organizadores.

TUI

Máis de medio millar de rapazas e rapaces réndenlle homenaxe á tradición musical da Raia no concerto No Bico un Cantar  

A Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega organizan de forma conxunta esta actividade que este ano celebra a sétima edición


Participaron alumnas e alumnos de conservatorios e escolas de música de Galicia e Portugal, acompañados polos metais de Hércules Brass e baixo a dirección de Maximino Zumalave  

O concerto supuxo a estrea da versión musical do poema de Xosé María Álvarez Blázquez “No rego do prado!” a cargo do compositor Alexis Rozas.  

A vindeira edición renderá homenaxe á Xeración Nós e terá lugar na provincia de Ourense

Infogauda / Tui

 A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas e o alcalde en funcións de Tui, Carlos Vázquez asistiron esta tarde en Tui ao concerto da sétima edición de No Bico un Cantar no que preto de 560 rapazas e rapaces acompañados duns 50 docentes lle renderon homenaxe á tradición musical da Raia. Tanto Pomar como Núñez Seixas salientaron a importancia de iniciativas coma esta que, ademais de afondar na nosa tradición oral e musical, fomentan o esforzo e a convivencia entre as alumnas e alumnos participantes no concerto. Ademais, aproveitaron para anunciar que a vindeira edición renderá homenaxe á Xeración Nós e terá lugar na provincia de Ourense.  

 Abriu o programa “San Campio, Romaría galega”, un poema do tudense Manuel Lago González que foi musicado por Torres Creo e que recrea unha festa moi popular na zona. “Veira d’o mar” é un poema do vigués Pío Lino Cuíñas ao que Reveriano Soutullo lle puxo música. A canción popular portuguesa “Oh rama, oh que linda rama” foi o terceiro dos poemas seleccionados nesta ocasión. Juan Durán realizou os arranxos musicais para coro de nenos e sexteto de metais das pezas.  

 Despois chegou o momento da estrea, a versión musical do poema de Xosé María Álvarez Blázquez “No rego do prado”. A música para este poema foi composta expresamente para esta ocasión por Alexis Rozas (Santiago, 1990). Rozas ten unha ampla formación musical, na que destaca o seu grao no Conservatorio Superior de Música da Coruña, na especialidade de Composición Musical; grao en guitarra clásica no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela; e a titulación como Mestre, especialidade en Educación Musical, pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten orientada a súa carreira profesional á formación musical infantil en diversos obradoiros e escolas da cidade de Compostela.  

 O poema de Rosalía de Castro “Maio longo” pertencente á obra Follas novas puxo o peche, como vén sendo habitual desde a creación deste programa.  

 O recoñecido pianista e director Maximino Zumalave repetiu como responsable artístico do proxecto. Canda el, tamén volveu participar o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba), ao que se incorporou un músico para conformar un sexteto. Como mantedora do programa a estivo outro ano máis a escritora Rosa Aneiros.  

 No recital participaron alumnas e alumnos dos 7 conservatorios profesionais dependentes da Consellería de Educación: Conservatorio Profesional de Música da Coruña, Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño (Ferrol), Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes (Lugo), Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga (Pontevedra), Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e Conservatorio Profesional de Música de Vigo.  

 Así mesmo tomaron parte estudantes da Academia de Música da Fortaleza de Valença e da Academia de Música José Atalaya de Fafe, ambas de Portugal, do Conservatorio Elemental de Música da Guarda, da Escola de Música Municipal de Mondariz, do Conservatorio Profesional de Música Reveriano Soutullo e da Escola de Música Municipal Vila do Corpus (ambos de Ponteareas), da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal, da Escola de Música da Asociación Amigos da Música de Salceda de Caselas, do Conservatorio Profesional de Música de Tui, da Escola de Música Municipal de Tui e da Escola de Música do Porriño.  

 No Bico un Cantar é unha iniciativa organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración pola consellerías de Educación, Universidade e Formación Profesional e de Cultura e Turismo, xunto co apoio do Concello no que se celebra cada ano, neste caso o de Tui. Nas súas seis primeiras edicións o proxecto estivo dedicado a Rosalía de Castro (2013, Santiago de Compostela), Curros Enríquez (2014, Celanova), Ramón Cabanillas (2015, Cambados), aos trobadores medievais (Cangas, 2016), aos poetas mindonienses (Mondoñedo, 2017) e aos alalás (Betanzos, 2018).

 

A GUARDA

ARQUEOLOXÍA

Remataron os traballos de escavación do cuncheiro do poboado castrexo do Monte Santa Trega 

Agora ábrese unha segunda fase de investigación no laboratorio, onde os arqueólogos van a estudar os restos recollidos


Antonio Lomba Baz, alcalde en funcions do Concello de A Guarda; Montserrat Magallanes Álvarez, deputada provincial e Manuel Javier Crespo González, concelleiro de Patrimonio en funcions, con Brais Xosé Currás Rúa e os arqueólogos que traballaron na escavación do cuncheiro
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda promoveu, baixo a dirección de Brais Xosé Currás Refojos da Universidade de Coimbra (CEAACP), un Proxecto de Escavación, Análise e Sinalización do Cuncheiro do Monte Santa Trega.   

 O proxecto de escavación foi executado polos arqueólogos da empresa Terra Arqueos, mentres que para o estudo do material do cuncheiro contarase co grupo de investigación en zooarqueoloxía da Universidade de León con Carlos Fernández Rodríguez á fronte, e máis co grupo de investigación en arqueobioloxía da Axencia Estatal Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), con Marta Moreno García.  

 Xunto á porta de entrada no castro do Monte Santa Trega desde o sur consérvanse os restos un antigo cuncheiro, un espazo onde os habitantes do poboado botaban os restos da súa produción. Composto fundamentalmente por cunchas, conserva tamén restos de osos e espiñas de peixe, e tamén outras evidencias como restos cerámicos ou metálicos e calquera outro tipo de refugallo. As condicións artificiais que crea o propio cuncheiro, máis favorables que o chan ácido do substrato granítico, permiten que eventualmente se poidan conservar tamén outro tipo de restos como pode ser, por exemplo, a madeira.  

 O que non é máis que un vertedoiro para as persoas que viviron no Trega, é hoxe para nós un tesouro e unha fonte de información de valor incalculable.  

 A través do estudo dos cuncheiros podemos saber moito da vida cotiá das xentes que viviron nos castros. Sabemos que tipo de animais criaban, que especies cazaban, e como eran as prácticas de pesca e marisqueo. Deste xeito, podemos chegar a saber os lugares ata onde se desprazaban desde o poboado para captar os seus recursos.  

 Logo de varias semanas de traballo a equipa de investigadores desprazados ata o Monte Santa Trega rematou a escavación, uns traballos que permitiron redescubrir as realizadas nos anos 30 do pasado século por Cayetano Mergelina Luna, e que agora, deixan á vista a muralla e a porta sur do castro.  

 A análise polo miúdo das especies tamén nos di moito sobre as prácticas de consumo. Podemos chegar a comprender se o gando vacún se empregaba para produción cárnica, como forza de tiro ou para o aproveitamento do leite. O tamaño dos animais nos informa sobre o grado de desenvolvemento gandeiro. Podemos saber cal era a importancia da caza -si é que tiña algunha-, etc.  

 O estudo da evolución dun cuncheiro no tempo, en suma, pode ser unha mostra representativa do proceso histórico de configuración e evolución das comunidades castrexas desde a Idade do Ferro ata a súa submisión ao poder de Roma e das transformacións que implica para as formas de produción e consumo.  

 Mediante a sondaxe aberta, conseguiuse documentar o cuncheiro do castro, onde os seus habitantes botaban o lixo, datando cronolóxicamente ademais o momento de construcción da súa muralla.  

 Este proxecto naceu co propósito de crear un recurso concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, e como medio cultural e social. Un proxecto que ofrece resultados e beneficios a diferentes niveis. Por unha banda, xerando novos coñecementos científicos a partir da análise do rexistro arqueolóxico, no marco dun programa de investigacións e actuacións arqueolóxicas. En segundo lugar, asumindo a necesidade da transferencia científica como un obxectivo prioritario, os resultados a investigación repercutirán na creación de medios para a posta en valor das evidencias arqueolóxicas.  

 A execución do proxecto permitíu levar a cabo a limpeza da vexetación da porta sur do castro do Monte Santa Trega; a realización dunha sondaxe arqueolóxica; un estudo da arqueofauna; o levantamento fotogramétrico das estruturas escavadas e a instalación de paneis informativos.  

 Agora ábrese unha segunda fase de investigación no laboratorio, onde os arqueólogos van a estudar os restos recollidos no cuncheiro para ver que tipo de animais e marisco consumían na Prehistoria, os antigos poboadores deste enclave castrexo.

 Neste proxecto participou un equipo humano composto por 10 persoas entre dirección, equipo técnico, de restauración e de análise da paleofauna, contando cun orzamento que supera os 15.000€, subvencionado polo Concello de A Guarda e a través das axudas para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural da Deputación de Pontevedra.

EDUCACIÓN

A XUNTA PROVINCIAL DE DIRECTORES DE PRIMARIA E SECUNDARIA DE PONTEVEDRA CONSTITÚESE POR PRIMEIRA VEZ BAIXO CRITERIOS DE PARIDADE      

· O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, presidiu a toma de posesión dos novos membros de este ente que servirá de órgano de transmisión entre a administración e os centros educativos


O xefe territorial de Educación en Pontevedra cos 7 representantes de Primaria e outros 7 de secundaria que tomaron posesión da Xunta provincial
Foto: X.G.

Infogauda / Pontevedra

 O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, presidiu esta mañá a toma de posesión dos novos membros da Xunta provincial de directores de Primaria e Secundaria de Pontevedra, cunha renovación do 80% e por primeira vez baixo criterios de paridade. 

 Esta constitución celebrouse en todas as provincias galegas, a raíz da orde do 26 de febreiro de 2019 pola que se regula a composición e o funcionamento das xuntas provinciais e da Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario, na que se expresa que na mesma debe garantirse a paridade entre sexos.Despois de máis de dúas décadas en vigor da normativa pola que se crearon e regularon as xuntas provinciais de directores como canle institucional de participación e colaboración en materia educativa, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional actualiza dita normativa co obxectivo de promover unha composición máis acomodada ao principio de igualdade e, por tanto, fomentar unha maior presenza das mulleres nestes órganos, tendo en conta tamén a representatividade de xénero que na práctica xa existe entre o profesorado e as direccións dos centros educativos.  

 Na provincia de Pontevedra nomeáronse 7 representantes de Primaria e outros 7 de secundaria. Esta xunta ten como obxectivo servir de órgano de transmisión entre a Xefatura Territorial e os centros educativos da provincia. 

 A Xunta de Directores colabora así coa administración autonómica en materia educativa cunha función consultiva que permite mellorar a organización dos diferentes colexios e institutos.  

 Os temas tratados nesta primeira reunión foron de interese xeral e tiveron como obxectivo a organización do profesorado de cara ao próximo curso 2019/20. 

 César Pérez Ares deu a benvida a este órgano aos novos membros e agradeceu o labor dos que traballaron durante os pasados catro anos.  

 Galicia conta con catro xuntas provinciais de directores e directoras de centros de ensino non universitario compostas por 14 persoas directoras nos casos da Coruña e de Pontevedra e 9 persoas directoras no caso de Lugo e 8 no de Ourense. Así mesmo, hai unha Xunta Autonómica de Directores e Directoras integrada por catro persoas directoras pertencentes a cada unha das xuntas provinciais.

VIANA DO CASTELO

Entrega de prémios do concurso de fotografia “Viana e o Mar”


Infogauda / Viana do Castelo

 A Câmara Municipal de Viana do Castelo, através do Centro de Mar, dinamizou pelo 3º ano consecutivo o concurso de fotografia “Viana e o Mar” com o intuito de revelar, por outros olhares, o património cultural, natural e emotivo que este elemento natural aporta.  

 Com mais de uma centena de contributos, esta foi uma iniciativa de grande relevo para o Município.  

 A entrega de prémios acontece sábado 8 de junho, Dia Mundial dos Oceanos, pelas 11H00 no futuro Observatório do Litoral Norte, na Praia Norte.

MADRID

MARÍA XOSÉ PORTEIRO PRESENTOU NA CASA DE GALICIA “SÁNDALO”, NOVELA PONTE ENTRE GALICIA E CUBA A TRAVÉS DE HISTORIAS DAS MIGRACIÓNS 

Publicada por Editorial Galaxia, a obra está escrita en galego   


A autora de Sándalo, María Xosé Porteiro, coa novela en primeiro plano
Fotos: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 María Xosé Porteiro, xornalista, política e escritora de ascendencia galega, vinculada á emigración galega a Cuba, onde se criou, e gran coñecedora da Galicia Exterior, presentou onte na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a súa última novela, “Sándalo”, publicada 17 anos despois da primeira, “Covardes”. “Sándalo” preséntase como unha nave que percorre douscentos anos de historia entre Europa e América, “alberga feitos históricos, ulises galaicos, orixes afrocubanos, secretas sociedades de figuras públicas, independencias políticas e pendencias eróticas” e tende unha ponte entre Galicia e Cuba, unha relación antiga pola que fai un percorrido sentimental a través de diversas historias das migracións. A obra está escrita en galego e foi publicada por Editorial Galaxia.  


Ángeles Sallé, Pilar Pin, José Ramón Ónega, Alfonso S. Palomares e María Xosé Porteiro, na mesa durante a presentación

 Ademais da autora, participaron na presentación Pilar Pin, ex directora xeral da Cidadanía Española no Exterior e ex xerente da Fundación Galicia-Emigración; Alfonso S. Palomares, escritor e xornalista; Ángeles Sallé, doutora en Ciencias Sociais e especialista en temas de inclusión dixital e desenvolvemento económico, e o delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega López. Entre os asistentes estaba a secretaria de Estado de Migracións en funcións, Consuelo Rumí, e o exconselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio.  

 Ónega deu a benvida a participantes e asistentes ao acto e presentou a María Xosé Porteiro. Da súa obra avanzou que “se trata dun libro a través do que pode realizarse unha viaxe emocionante por douscentos anos de historia entre Europa e América; dun relato estimulante dos sentidos e dos sentimentos grazas ao cal pode saltarse de tempo e lugar para facernos cómplices da relación antiga e imperecedoira de dous universos unidos pola Corrente do Golfo: Galicia e Cuba”.   

 Pin dixo que a primeira vez que visitou A Habana sentiu “que estaba nun lugar que me pertencía desde sempre”. “Intúo que a memoria xenética terá algo que ver pois os meus antepasados fixeron de Cuba a súa segunda patria e as historias de amor e desamor, de aventura ou de rutina, de tolemias e valentías, ocuparon a miña memoria cunha intensidade que volvín a descubrir coa lectura de ´Sándalo´”, explicou, apreciando que “o maior encanto” desta novela é que “nos activa a memoria” con “feitos que acontecen nun contexto histórico” e “mediante o estímulo de recordos emocionais e sensoriais que nos conectan, desde o profundo, cun mundo que non deberiamos estar dispostos a perder”. 

 Encomiou “o valor que ten a autora por agarrar a historia debaixo do brazo para levarlla ao lombo e desentrañar porqué somos o que somos”, con rigorosidade no histórico e sen perder valor “no armazón novelado dos personaxes e os saltos no tempo” e valorou “a intrahistoria da loita das mulleres en mil frontes sen despegarse da realidade”. “O realismo máxico o novelaron os homes, pero antes tecérono as mulleres”, mantivo.   

 A Palomares o título da novela evócalle o seu aroma e atopa nela “varios perfumes: feminista, erótico, suavemente contado, sensual, porque Cuba e sensualidade son case una mesma cousa na súa música, nas súas expresións e no seu ambiente, perfume a loita pola liberdade e perfume na linguaxe, que é un galego amplo como a música de órgano”. “Non é unha novela sobre a emigración en xeral senón entre Galicia e Cuba, que se articula interiormente, non é cronolóxica senón fenomenolóxica, réxese por situacións, empeza en 1823 e termina a principios do século XXI, pero mestura épocas”, explicou. “É unha novela ambiciosa e lograda, mosaico do fluxo migratorio. O mar une, non separa, e Cuba para os galegos que chegaban a Vigo estaba alén do mar; partían da Idade Media e atopábanse alí coa Idade Moderna”, observou, apreciando tamén a narración do proceso de independencia e que “os personaxes femininos teñen unha gran forza”.  

 Sallé, referiuse á presenza de Galicia en Cuba, de España en América e á inversa e afirmou que ´Sándalo´ é un marabilloso espello no que se recoñecen miles doutras historias desa trasfega atlántica que nos forxou”, “un dos sucesos transmigratorios máis interesantes”. “É sorprendente a desidia con que ese feito contémplase desde a península onde só ´estúdase´, e non o suficiente, o que chaman a súa propia Diáspora, tendo en conta o mapa do talento que podería debuxarse trazando a pegada deixada por Galicia. Quizais Cuba sexa o lugar onde iso ocorreu dunha forma máis intensa e quizais sexa xa tempo de poñer no seu sitio todo o que nos une” como, valorou fai “Sándalo”

 Panameña filla de vascos que viviu na Habana, Sallé dixo que a súa experiencia vital a “irmá profundamente con María Xosé Porteiro”, nunha viaxe por xeografías, tempos e identidades nos “que non só defínese o noso pasado senón, sobre todo, o noso futuro”.  

 Para a autora, ´Sándalo´ é unha invitación para viaxar a través de historias entrelazadas ao longo de dous séculos por mulleres e homes das dúas beiras atlánticas. Os pobos galego e cubano teñen unha Historia común que se fai máis evidente desde o segundo terzo do século XIX ata mediados do século XX”. “A loita polas liberdades civís, pola independencia ou a autonomía, en cada caso, dos territorios e os pobos, a mestizaxe profunda que se produciu entre os descendentes de afrocubanos e os naturais de Galicia, as influencias culturais, económicas e políticas, atopan un lugar neste relato”, indicou. 

 “Os protagonistas de ´Sándalo´ viven as migracións como unha vía de escape cara ao progreso e a liberdade. A chamada Diáspora galega é tratada na súa faceta épica e peculiar, que a distingue entre os pobos europeos que se radicaron nalgún lugar de América en sucesivas ondas, ata o punto de que o seu xentilicio, ´galego´, identifica a parte co todo tanto en Cuba como en Arxentina ou Uruguai, para designar aos españois”, observou.  

María Xosé Porteiro é licenciada en Publicidade, xornalista, escritora e política. Traballou en varios medios de comunicación, foi xefa de prensa do Concello de Vigo e directora de INCOLSA, do Museo do Ferrocarril de Madrid e da Dirección de Comunicación da Fundación dos Ferrocarrís Españois, concelleira en Vigo, deputada no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados, membro das Asembleas Parlamentarias do Consello de Europa e da Unión Europea Occidental e delegada de Galicia no Exterior. Ten a Encomenda ao Mérito Civil. Publicou relatos e artigos incluídos en “Narradio, 56 historias non ar”, “Escrita e mulleres. Once ensaios arredor de Virxinia Woolf”, “A Comunicación en Galicia en 2000” e “ Quen é quen non primeiro Parlamento galego”; a novela “ Covardes” tamén publicada en castelán, “Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e dás estrelas” e “Vin, vi... e falei! As mulleres fronte ao discurso público”. Ten a piques de saír unha novela curta, “Buscando a Clara”, tamén en galego.

ARCOS DE VALDEVEZ.

Requalificação de loja para promoção do vinho verde 
Em Arcos de Valdevez 

Intervenção orçada em 50 mil euros servirá para promover os vinhos, os produtos locais, bem como para degustar iguarias típicas arcuenses


 María Joâo Brito / Arcos de Valdevez

 Foi celebrado pela autarquia, no passado dia 1 de junho, o contrato e o auto de consignação que deu o arranque às obras de requalificação de uma loja, situada no Campo do Trasladário, para criar um espaço de promoção do vinho verde, sobretudo da casta Vinhão, que deverá estar concluída no verão. 

 Este será um espaço dedicado ao vinho da região, onde os visitantes poderão comprar e provar o vinho verde produzido no concelho, sentar-se para comer um petisco ou comprar algum produto produzido no concelho. 

 Dado o crescente enoturismo no território, esta será uma espécie de sala de visitas, onde será possível saber um pouco mais sobre a produção do vinho verde em Arcos de Valdevez, prová-lo e relaxar comodamente na esplanada em frente à loja.

PONTEVEDRA

AREEIRO ACONSELLA RENOVAR OS TRATAMENTOS CONTRA O MILDIO NAS VIÑAS CON FUNXICIDAS PREVENTIVOS E CURATIVOS  

É preciso aumentar a vixilancia de síntomas de Black Rot, xa que as viñas están nunha fase sensible, e comprobar as roturas de pólas e podremias tras o paso da cicloxénese Miguel  

É preciso renovar tamén as aplicacións contra o Mildio nas patacas e tratar os kiwis contra as bacterioses cando remate o periodo de floración  


 Hai viñas con acios afectados
Foto: EFA

Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) aconsella renovar o antes posible os tratamentos contra o Mildio usando funxididas de acción preventiva e curativa. Tamén destaca a necesidade de aumentar a vixilancia sobre os síntomas de Black Rot pola especial sensibilidade das viñas a esta enfermidade, e comprobar as podremias tras as roturas de pólas derivadas dos ventos da cicloxénese Miguel.  

 Segundo indica a técnica Rosa Pérez, esta semana produciuse un aumento do Mildio, xa que as condicións climatolóxicas xa foron favorables ao fungo desde o domingo, observándose manchas vellas con zona de avance e esporulación e, nas fincas máis fortemente afectadas por unha infección anterior, acios co micelio do fungo. Tendo en conta as previsións do tempo, e a pesares de que moitos viticultores aproveitaron para tratar entre martes e mércores, indícase que é preciso comprobar o estado das fincas e verificar que as aplicacións foron eficaces e renovalas o antes posible - en canto mellore a climatoloxía- usando funxicidas de acción preventiva e curativa.   

 En canto a outras enfermidades, o persoal técnico aconsella incrementar a vixilancia dos síntomas de Black Rot, debido á presencia de certo incremento de follas afectadas. Tamén se advirte da necesidade de controlar a existencia de roturas de pólas das vides producidas polos ventos da cicloxénese Miguel, observando se hai instalación de podre.  Non hai que esquecer, así mesmo, que os órganos secos afectados polo Mildio e os capuchóns florais aínda non desprendidos poden ser o substrato ideal para que se instale a botrite se é que se mantén unha humidade elevada.   

 No relativo ás maceiras, Areeiro aconsella tratar en canto se poida as árbores contra o moteado, así como instalar trampas parra controlar as couzas da mazá. Pérez indica que é axeitado agardar a unha regulación natural de poboacións de pulgóns no caso de que exista parasitismo, e tamén a ver se as mazás caídas no chan con danos por sarabia, ventos ou paxaros presentan fungos, sendo necesario eliminar os froitos que existan nese estado xa que poden servir de zona de posta para as moscas da froita que atacan a diferentes especies.  

 Dado que nesta primavera estanse a alternar períodos moi húmidos con outros secos e soleados as plantas do kiwi non teñen unha situación homoxénea en canto á floración. Onde xa sexa maioritario o fin dese período convén facer unha intervención con algún dos produtos autorizados polo Ministerio para facer fronte ás bacterioses.  

 Outro dos consellos de Areeiro é a aplicación de tratamentos nos marmeleiros, xa que se observa un incremento de síntomas causados polo fungo Entomosporium maculatum (Diplocarpon mespili) que pode defoliar as árbores. Tamén se sinala a importancia de tratar as patacas contra o Mildio ante a elevada humidade que levamos sufrida desde o domingo, que obriga a renovar o antes posible as aplicacións fronte a esta enfermidade, sempre respectando o prazo de seguridade dos produtos utilizados nas plantas temperás próximas á colleita.  

 Finalmente, Rosa Pérez tamén realiza unha advertencia sobre a antracnose nos plátanos de sombra, xa que debido á climatoloxía desta primavera (choivas e temperaturas suaves en xeral) obsérvanse síntomas da enfermidade en moitas árbores. Naqueles casos en que a presenza de síntomas do fungo sexa elevada, e sobre todo se son árbores novas que poden ver o seu desenvolvemento comprometido por perder parte da folla, aconséllase aplicar un tratamento.

CAMINHA

CINEMA

O local desta sessão que, estava inicialmente previsto para o Auditório do Museu, foi alterado para o Teatro Valadares. 

Boletim da Sessão nº 398 

"Matou" de Fritz Lang (1931)
Sexta-feira, 07 de junho às 21:45 no Teatro Valadares


Locus Cinemae / Caminha

 “O cineasta Fritz Lang marcou o cinema, no período mudo, com obras primas como “O Doutor Mabuse” (1922) e “Metropolis” (1927). Mas foi também com uma obra-prima que estreou o cinema sonoro, com “M – Matou”(1931). A sua primeira obra sonora é talvez a sua grande obra-prima, que até aos dias de hoje continua a ser vista como uma obra completa e magistral na história do cinema.  

 Lang escolheu para o seu primeiro filme falado um caso real de um assassino em série, Hans Beckert (interpretado por Peter Lorre) um criminoso conhecido como o “vampiro de Dusseldorf”, que foi condenado à morte em 1931, dois meses depois da estreia do filme de Lang. Inspirado neste criminoso verdadeiro o realizador foca-se em contar todo o processo de busca do assassino de crianças pelas autoridades policiais, que deixam toda a população em alerta. (…)  

 Tecnicamente é um filme inovador a sua fotografia é influenciada pelo expressionismo alemão, com as suas imagens escuras e sombras. Mas um dos grandes pilares deste filme é o Peter Lorre. Os seus olhos esbugalhados, os seus gritos na cena do julgamento, a sua voz inconfundível e visão negra e atormentada, fazem deste o papel da sua vida. A personagem de Lorre é a única forte na narrativa, sendo que todas as outras personagens ajudam a contar a história e servem para compreendermos o comportamento humano.  

“M” é um filme de um rigor absoluto, um filme onde cada imagem está carregada de significados, onde o tempo de cada plano está milimetricamente contado, ao pormenor. Um filme magistral que evidencia a genialidade de Fritz Lang. (…)”         


FICHA TÉCNICA:  
Título original: “M – Eine Stadt sucht einen Mörder” (“M- Uma cidade procura um assassino”), Alemanha, 1931  
Realização: Fritz Lang  
Produção: Seymour Nebenzal  
Argumento: Fritz Lang, Thea von Harbou, baseado num artigo de jornal sobre o ‘serial killer’ Peter Kuerten, por Egon Jacobson  Música: Edvard Grieg  
Fotografia: Fritz Arno Wagner  
Montagem: Paul Falkenberg  
Companhia produtora: Nero-Film A.G.
Distribuição: Vereinigte Star-Film GmbH  
Duração: 117 minutos  
FICHA ARTÍSTICA:  
Peter Lorre… Hans Beckert  
Gustaf Gründgens…. Schränker  
Ellen Widmann…. Frau Beckmann  
Inge Landgut…. Elsie Beckmann  
Otto Wernicke…. inspetor Karl Lohmann  
Theodor Loos…. inspetor Groeber  
Friedrich Gnaß…. Franz  
Fritz Odemar…. o trapaceiro


https://www.youtube.com/watch?v=nsVproWjN6c
Programação     
Ciclo Thriller        
14 de junho, “Made in USA”, Jean-Luc Godard, França, 1966, Sessão 399 (M/12)     
21 de junho, “Um Assassino Pelas Costas”, Steven Spielberg, EUA, 1971, Sessão 400 (s/ classificação)     
28 de junho, “Fim-de-semana alucinante”, John Boorman, EUA, 1972, Sessão 401 (s/ classificação)