22 de out. de 2025

O BAIXO MIÑO

A XUNTA DE GALICIA DESTINA PRETO DE 10 M€ EN ACTUACIÓNS CLAVE NOS CONCELLOS DA COMARCA DO BAIXO MIÑO CUNHA APOSTA HISTÓRICA POLO DESENVOLVEMENTO DAS INFRAESTRUTURAS     

 O delegado territorial, Agustín Reguera, informa das contas para a comarca, que inclúen unha importante partida de 8 M de euros para a VAP Tui-A Guarda  

 O total dedicado á provincia de Pontevedra supera os 4.083 millóns de euros  

 A Xunta leva moitos anos lendo as necesidades dos galegos e galegas e poñendo todo o seu esforzo en mellorar a súa calidade de vida. Proba diso son estes magníficos orzamentos que, estou seguro, permitirán mellorar o día a día de millares de veciños”  


O delegado territorial, Agustín Reguera - no centro -, na rolda de prensa na que deu conta dos investimentos da Xunta de Galicia para a comarca do Baixo Miño previstos no proxecto de Orzamentos 2026 

Foto: X.G.


Infogauda / O Baixo Miño 

 A  Xunta de Galicia vén de destinar preto de 10 M€ para a comarca do Baixo Miño no proxecto de Orzamentos 2026, dos máis 4.083 M€ que se investirán, en total, na provincia, segundo revelou  o delegado territorial, Agustín Reguera. 

 O delegado lembrou as “múltiples obras e iniciativas” levadas a cabo con éxito durante o presente exercicio e sinalou algunhas das principais actuacións previstas nestes orzamen-tos. 

 Entre os principais investimentos que se levarán a cabo na comarca, destaca a Vía de Altas Prestacións Tui-A Guarda que conta cunha partida de 8 millóns de euros, unha achega que o delegado cualificou de “histórica” e que permitirá avanzar nunha actuación que será “un antes e un despois para a conectividade de millares de galegos e galegas”.  

 Aínda no concello da Guarda, este documento contempla a mellora dos portos con actuación no acceso sur ao peirao, cunha achega que permitirá dar inicio a unha actuación que custará preto de 600.000 euros, e a reparación da nave de departamentos que conta cunha partida plurianual de 550.000 euros. 

 Pola súa banda, no concello de Tui investiranse medio millón de euros na Catedral e 170.000 euros para a finalización das accións de control de especies invasoras e acondicionamento dos sendeiros do Monte Aloia. Ademais, os orzamentos contemplan un importante investimento na nova base de unidades operativas.  

 Por último, a Xunta prevé unha achega de 600.000 euros para o Centro de Saúde do Rosal e 200.000 euros para os traballos no Mosteiro de Santa María de Oia.  

 Cabe destacar que, máis alá dos investimentos nomeados, os orzamentos do ano 2026 contemplan unha gran cantidade de pequenas actuacións, así como a prestación de servizos aos que a cidadanía xa está habituada. Nomeadamente as axudas para o alugamento, os bonos e programas de transportes ou a gratuidade da educación dende os 0 anos ata a titulación universitaria.  

 O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta cos “problemas da cidadanía” e a necesidade de “seguir apostando por sectores especialmente sensibles como a comunicación, o coidado do medio ambiente, a sanidade ou a educación”. Neste sentido, Reguera asegurou que “a Xunta leva moitos anos lendo as necesidades dos galegos e galegas e poñendo todo o seu esforzo en mellorar a súa calidade de vida. Proba diso son estes magníficos orzamentos que, estou seguro, permitirán mellorar o día a día de millares de veciños”.  

 A continuación, adxúntase unha pequena táboa resumida cos datos dos orzamentos para este ano 2026. Solo están representados os principais investimentos, non hai gastos correntes, bonos, subvencións ou gastos en gratuidade de servizos. Algunhas destas partidas son partilladas entre varios concellos ou contemplan un gasto plurianual dificilmente especificable.   

Cultura, Língua Xuventude

Oia

Mosteiro de Santa María de Oia: 200.000 euros

Sanidade

O Rosal

Centro de saúde: 600.000 euros

Vivenda e Infraestruturas

A Guarda

VAP Tui –A Guarda: 4M* euros

Tui

Tui VAP Tui –A Guarda 4M* euros

* O investimento conxunto para a VAP Tui-A Guarda é de 8M de euros. Simúlase un investimento ao 50% en cada concello, pero o dato é orientativo.

Mar

A Guarda

Mellora portos

A Guarda. Acceso sur ao peirao: 60.000 euros (Total plurianual: 600.000 euros)

Mar

A Guarda

Mellora portos. Reparación da nave de departamentos: 12.000 euros (Total plurianual: 550.000 euros)

Medio Ambiente e Cambio Climático

Tui

Monte Aloia. Finalizarán as accións de control de especies invasoras e acondicionamento de sendeiros e áreas de lecer: 169.400 euros

Cultura, Língua Xuventude

Tui

Catedral de Tui: 500.000 euros 

Medio Rural

Tui

Nova base unidades operativas Tui. 6M euros, en total, para as seguintes actuacións: Aeródromo Valga; Base helicópteros Lalín; Nova base unidades operativas Valga; Nova base unidades operativas Portas; Nova base unidades operativas Tui.

Ningún comentario:

Publicar un comentario