Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual
“Bowery New York: unha alfaia do cinema galego”, de Xurxo González Rodríguez (Xurxo Chirro)
• O estudo sobre Tini Andrés - primeira curtametraxista galega -, premiado na categoría de Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego
A Academia Galega do Audiovisual vén de anunciar os nomes dos galardoados na novena edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. Nesta edición, recoñecéronse dous videoensaios e tres ensaios escritos, que recibirán un trofeo e unha dotación económica. Esta iniciativa pioneira conta co respaldo das catro deputacións galegas.
A entrega de premios tivo lugar na Deputación da Coruña e nela estiveron presentes Lucía Regueiro, en representación da Academia Galega do Audiovisual; Natividade González, deputada de cultura da Deputación da Coruña; Iria Castro, deputada responsabel da Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e Jorge Cubela, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra.
O acto de entrega de premios estivo amenizado pola actuación musical do dúo Lula Mora, liderado por Sara Caride e Silvia Izquierdo. Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego, o premio foi para “Bowery New York: unha alfaia do cinema galego”, de Xurxo González Rodríguez. O xurado valorou a orixinalidade do tema, a investigación sobre Florentina Andrés Álvarez (Tini), unha cineasta de A Guarda que podería ser a primeira de Galicia e a aposta por saírse do canon establecido, reivindicando o cinema amador desde unha perspectiva feminina.
O ensaio de Xurxo González (Xurxo Chirro) adquire unha gran transcendencia, ao igual que o traballo previo de recuperación deste filme, que se converte na primeira curtometraxe coñecida realizada por unha galega, a cineasta afeccionada Tini Andrés, que no ano 1973 percorreu e gravou en Super 8 as rúas deste barrio de Manhattan.
A película, de algo máis de tres minutos, non viu a luz no seu momento e tampouco nos anos seguintes ata que a asociación Proxecto Socheo, que dende hai máis dunha década traballa na localización, conservación, estudio e difusión do patrimonio audiovisual da Guarda e da bisbarra do Baixo Miño, levou a cabo a dixitalización dos fondos de Tini Andrés.
María Florentina Andrés Álvarez (Tini Andrés), naceu no Rosal en 1947. Medrou na Guarda e despois de estudar Maxisterio, foi mestra nunha pequena escola rural en Rodeiro. Casa moi nova, con só vinte anos, e a partir de aí segue o seu home na procura de traballo na emigración, primeiro en Suíza e finalmente en Nova York. Alí merca unha cámara, coa que comeza a gravar o que a rodea e que tamén leva na maleta nas súas viaxes en vacacións a Galicia. Grazas a iso contamos con películas, recuperadas tamén por Proxecto Socheo (e que se poden ver na rede), que amosan a paisaxe da vila nos anos setenta, escenas da vida cotiá e as festas, desfiles e procesións.
En realidade, destaca Xurxo González no ensaio premiado, Tini Andrés leva a cabo as súas películas nun período de tempo breve e acoutado, entre 1973 e 1975, o que leva a situala como "a primeira muller que fixo cinema en Galicia", unha aseveración -engade- "sempre circunstancial, xa que mañá mesmo pode aparecer un novo caso que mellore os rexistros". A súa actividade pioneira, que agora coñecemos, encádrase dentro do traballo de recuperación doutras cineastas do seu tempo, como Cruz Risco.
"Máis non convén deixar pasar a importancia de Tini Andrés para que serva de referente e nutra a feble liñaxe de todas aquelas mulleres que foron quen de contrarrestar todas as dificultades para poder expresarse cinematograficamente", salienta Xurxo González, que engade que "podemos dicir que Tini Andrés non só foi unha pioneira do cinema senón que estivo na vangarda en moitos ámbitos da vida, unha precursora dos dereitos da muller e unha loitadora pola igualdade".
"Aparte deste recoñecemento o obxectivo desta investigación é intentar que a cineasta deixe de ser unha pantasma, unha omisión eterna, sacala do esquecemento e encher o oco que lle corresponde na historia do cinema galego", salienta González.
O barrio de Bowery caracterizábase nese tempo pola ampla presenza de delincuencia, drogas e persoas sen fogar, unha realidade moi diferente á que coñecía Tini Andrés no barrio residencial no que vivía en New Jersey, preto de Newark. "O filme ten unha preocupación social, mostra un interese nos refugallos da economía capitalista. Hai un interese por recoller as imperfeccións do sistema", sinala.
Xurxo González salienta que Bowery NY "ten características propias das sinfonías das cidades dos cinemas de vangardas de entre guerras, quizais manexa un linguaxe menos poético e formalista pero si aposta por una crueza da realidade que enche todo de desencanto". Igualmente, di, "comparte experiencias biográficas e imaxinario co cinema diario de Jonas Mekas, imaxes fragmentadas, cheas de naturalidade para coller o momento da realidade circundante sendo cinema unha extensión da vida".
Por outra banda, o premio ao Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional foi para “A estética queer, o camp e as distintas formas de representación transxénero no audiovisual contemporáneo”, de Valeria Gómez, destacando o xurado o rigor da súa investigación, a capacidade de conectar filmes descoñecidos con outros de culto ou populares, e a reflexión profunda sobre a evolución do cinema queer e a estética camp na contemporaneidade. Nesta mesma categoría, o accésit correspondíu a “Antes de que o mundo aconteza. A memoria mineral dentro do cine experimental”, de Aldara Pagán, pola aproximación innovadora ao cinema experimental, atendendo aos elementos non humanos e ofrecendo unha perspectiva poética e orixinal sobre o audiovisual das marxes.
Na categoría de Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional o recoñecemento recaeu en “Jean Epstein: unha inmensidade de mar. O cinema como marea e pensamento”, de Adrián Canoura, polo coidado na montaxe, a combinación de imaxes, son e pantalla partida, e a capacidade de transmitir a fascinación do cineasta polo mar e a súa filosofía cinematográfica. O accésit desta categoría foi para “Bong Joon-ho e a comida”, de Ione Monje, que ofrece unha análise sociolóxica e política sobre a relación dos personaxes coa comida na obra do director surcoreano, realizada cunha montaxe coidada e reflexiva.
O xurado desta novena edición estaba formado pola programadora de artes visuais e plásticas Andrea Franco, a directora, montadora e investigadora Ariadna Cordal e o programador Julio Vilariño. Os premios levan o nome de María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona, 1980), pioneira da crítica cinematográfica en España e figura destacada do xornalismo cultural do século XX. Morales comezou a súa actividade en 1924, asinando baixo un pseudónimo masculino, e chegou a ser a primeira muller en dirixir un xornal de ámbito nacional, La Vanguardia, durante a Guerra Civil Española.
Estes premios contan co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense e a Deputación de Pontevedra.
Fontes:


Ningún comentario:
Publicar un comentario