7 de xuño de 2019

TUI

Máis de medio millar de rapazas e rapaces réndenlle homenaxe á tradición musical da Raia no concerto No Bico un Cantar  

A Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega organizan de forma conxunta esta actividade que este ano celebra a sétima edición


Participaron alumnas e alumnos de conservatorios e escolas de música de Galicia e Portugal, acompañados polos metais de Hércules Brass e baixo a dirección de Maximino Zumalave  

O concerto supuxo a estrea da versión musical do poema de Xosé María Álvarez Blázquez “No rego do prado!” a cargo do compositor Alexis Rozas.  

A vindeira edición renderá homenaxe á Xeración Nós e terá lugar na provincia de Ourense

Infogauda / Tui

 A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas e o alcalde en funcións de Tui, Carlos Vázquez asistiron esta tarde en Tui ao concerto da sétima edición de No Bico un Cantar no que preto de 560 rapazas e rapaces acompañados duns 50 docentes lle renderon homenaxe á tradición musical da Raia. Tanto Pomar como Núñez Seixas salientaron a importancia de iniciativas coma esta que, ademais de afondar na nosa tradición oral e musical, fomentan o esforzo e a convivencia entre as alumnas e alumnos participantes no concerto. Ademais, aproveitaron para anunciar que a vindeira edición renderá homenaxe á Xeración Nós e terá lugar na provincia de Ourense.  

 Abriu o programa “San Campio, Romaría galega”, un poema do tudense Manuel Lago González que foi musicado por Torres Creo e que recrea unha festa moi popular na zona. “Veira d’o mar” é un poema do vigués Pío Lino Cuíñas ao que Reveriano Soutullo lle puxo música. A canción popular portuguesa “Oh rama, oh que linda rama” foi o terceiro dos poemas seleccionados nesta ocasión. Juan Durán realizou os arranxos musicais para coro de nenos e sexteto de metais das pezas.  

 Despois chegou o momento da estrea, a versión musical do poema de Xosé María Álvarez Blázquez “No rego do prado”. A música para este poema foi composta expresamente para esta ocasión por Alexis Rozas (Santiago, 1990). Rozas ten unha ampla formación musical, na que destaca o seu grao no Conservatorio Superior de Música da Coruña, na especialidade de Composición Musical; grao en guitarra clásica no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela; e a titulación como Mestre, especialidade en Educación Musical, pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten orientada a súa carreira profesional á formación musical infantil en diversos obradoiros e escolas da cidade de Compostela.  

 O poema de Rosalía de Castro “Maio longo” pertencente á obra Follas novas puxo o peche, como vén sendo habitual desde a creación deste programa.  

 O recoñecido pianista e director Maximino Zumalave repetiu como responsable artístico do proxecto. Canda el, tamén volveu participar o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba), ao que se incorporou un músico para conformar un sexteto. Como mantedora do programa a estivo outro ano máis a escritora Rosa Aneiros.  

 No recital participaron alumnas e alumnos dos 7 conservatorios profesionais dependentes da Consellería de Educación: Conservatorio Profesional de Música da Coruña, Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño (Ferrol), Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes (Lugo), Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga (Pontevedra), Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e Conservatorio Profesional de Música de Vigo.  

 Así mesmo tomaron parte estudantes da Academia de Música da Fortaleza de Valença e da Academia de Música José Atalaya de Fafe, ambas de Portugal, do Conservatorio Elemental de Música da Guarda, da Escola de Música Municipal de Mondariz, do Conservatorio Profesional de Música Reveriano Soutullo e da Escola de Música Municipal Vila do Corpus (ambos de Ponteareas), da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal, da Escola de Música da Asociación Amigos da Música de Salceda de Caselas, do Conservatorio Profesional de Música de Tui, da Escola de Música Municipal de Tui e da Escola de Música do Porriño.  

 No Bico un Cantar é unha iniciativa organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración pola consellerías de Educación, Universidade e Formación Profesional e de Cultura e Turismo, xunto co apoio do Concello no que se celebra cada ano, neste caso o de Tui. Nas súas seis primeiras edicións o proxecto estivo dedicado a Rosalía de Castro (2013, Santiago de Compostela), Curros Enríquez (2014, Celanova), Ramón Cabanillas (2015, Cambados), aos trobadores medievais (Cangas, 2016), aos poetas mindonienses (Mondoñedo, 2017) e aos alalás (Betanzos, 2018).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario