7 de xuño de 2019

A GUARDA

Inaugurada a exposición sobre as Alfombras Florais na vila guardesa

Estará na Casa dos Alonso ata o domingo 23 de xuño, poden visitarse en horario de 11:00 a 13:30h e de 18:00 a 21:00h.   


Mª Emilia Baz Vicente, presidenta da  Asociación Cultural Alfombras da Guarda, no acto de inauguración da exposición, en presenza de Antonio Lomba Baz, alcalde en funcions de A Guarda e de Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Turismo en funcions e de persoas que traballan nos diferentes tramos de alfombras do Santísimo Sacramento
Fotos: Infogauda 


Infogauda / A Guarda

 Na tardiña deste venres día 7 de xuño a Casa dos Alonso acolleu a inauguración da exposición sobre as Alfombras Florais na Guarda, unha mostra que recolle a través de varios paneis (con copias de documentos antigos, vellas fotografías e outras máis recentes no tempo, informacións publicadas na prensa local - por exemplo no semanario "La Voz del Tecla" - e en publicacións colectivas, como libros-programa de festas da nosa localidade; ou eventos de tipo relixioso e mesmo social), a historia desta arraigada tradición na vila guardesa, xunto con explicacións sobre como é este traballo, verdadeira ofrenda colectiva de arte efémera e secular devoción ao Santísimo Sacramento.  

 No acto de inauguración estiveron presentes o alcalde en funcións, Antonio Lomba Baz, a concelleira de Turismo en funcións, Montserrat Magallanes Álvarez e a presidenta da  Asociación Cultural Alfombras da Guarda, Mª Emilia Baz Vicente, así como varios concelleiros en funcions da actual Corporación Municipal, así como concelleiros electos que formarán parte da vindeira a partir do día 15 deste mes. E tamén, como non podía ser doutro xeito, coa presenza de numerosas persoas que participan cada ano na elaboración das alfombras florais na honra do Santísimo, na vila de A Guarda. 

 Na súa intervención Mª Emilia Baz Vicente evocou ás veciñas pioneiras que comezaron a facer alfombras florais na conmemoración da festividade do Señor, algunhas das cales ainda viven e outras xa non. Tamén agradeceu a tódolos colabouradores que aportaron información e material para facer posible esta exposición.

 Pola súa banda o alcalde en funcions, Antonio Lomba Baz felicitou "(...) as alfombristas por seren capaces de organizarse e crear a Asociación Cultural Alfombras da Guarda, e tamén as fillas de Antonio Martínez e tamén a deseñadora Tamara Baz, pola organización e montaxe da mostra (...)".

  O tempo que afirmou que "(...) a riqueza dunha vila como A Guarda, é cando, como neste caso, estas manifestacións xurden do pobo (...)", Lomba Baz tamén engadiu que "(...) a confección das alfombras florais, aínda tendo unha orixe relixiosa, trascende do relixioso ao social. Por iso esto cobra máis valor e aí está a resposta a esta inauguración que o dí todo (...)". "Ogallá - desexou Lomba - isto das alfombras non remate nunca (...)".

 A Asociación Cultural Alfombras da Guarda, creada en 2018, é a encargada na actualidade de velar pola promoción e manter a tradición histórica das alfombras florais do Corpus no pobo da Guarda, así como dar a coñecer, por en valor e visualizar o traballo e orgullo que supón para os seus veciños, membros e colaboradores e a poboación guardesa en xeral.  

A EXPOSICIÓN ESTARÁ ABERTA ATA O VINDEIRO DÍA 23 DESTE MES

 A exposición, que leva por nome «Alfombras Florais da Guarda», estará na Casa dos Alonso ata o domingo 23 de xuño en horario de 11:00 a 13:30h e de 18:00 a 21:00h.  

 «Alfombras Florais da Guarda» é unha mostra que recolle unha síntese da tradición da creación de alfombras elaboradas con flores e outros materiais naturais para engalanar as rúas da vila con motivo da celebración do Día do Señor. Trátase dunha costume cunha longa traxectoria na vila e cunha importante bagaxe cultural vinculada inicialmente ó ámbito relixioso e que forma parte sen dúbida do patrimonio cultural guardés. 

Ademais de veciños da vila e de tódalas parroquias guardesas, ao acto de inauguración da exposición asistiron varios concelleiros en funcions da actual Corporación Municipal de A Guarda


 A exposición tamén recolle o proceso xenérico da elaboración das alfombras, co deseño de cada unha delas, a colleita dos materiais - algúns deles, moi concretos, con varios meses de entelación -, o esfollado do verde, o corte da flor, o marcado do deseño, o perfilado a elaboración e os detalles finais.  

 Existen informacións antigas que deixan constancia da importancia da celebración da Festa do Corpus na nosa vila xa dende o século XVII, sendo a celebración do Corpus Christi ou do Santísimo Sacramento, unhas das principais festas cívico-relixiosas do pobo guardés. 

 A primeira noticia da existencia da Confraría do Santísimo Sacramento, inclusa na igrexa parroquial da vila de A Guarda, é a que aparece no seu libro de contas do ano 1689.  

 Compre salientar que nesta exposición abórdase a temática da confección das alfombras desde tres puntos de partida. Por unha banda o aspecto histórico, repasando os antecedentes e datas sinaladas sen os cales non se entendería a grandeza desta festividade; por outra banda o organizativo, amosando como se coordinan e elaboran as alfombras; e xa para finalizar o aspecto dos percorridos, representando as rúas onde se realizaron noutrora e tamén hoxendía, as alfombras, os rezos e bendicións e demais celebracións asociadas a este evento.

 Por ser de xustiza, desde este xornal dixital transfronteirizo deixamos constancia que no contido da exposición ademáis das persoas que a deseñaron e a montaron, hai un traballo de confeccións de flores de papel de colores que fixeron expresamente para esta mostra, varias persoas dos diferentes tramos de alfombras florais.

 Con esta exposición queda de manifesto que na Guarda hai tradición de alfombras florais e de sal, e que esa tradición foise consolidando ano tras ano, e como corolario de todo iso, xurdiu a Asociación Cultural Alfombras da Guarda, que viu a dinamizar actividades de arte efémera en diferentes momentos, como na recente Mostra Asociativa de A Guarda, ou no Nadal e tamén con motivo da exposición "Así somos", do fotógrafo Marius Kraja (Mac), entre outras ocasions.

Ningún comentario:

Publicar un comentario