Tomiño vai celebrar cun amplo programa, a segunda Festa Agro LGTBI
O día 29 de xuño haberá unha serie de actos conmemorativos, coma conferencias, obradoiros, animación infantil, concertos, DJ, circo e máis sorpresas
Infogauda / Tomiño
Tomiño celebrará a súa segunda Festa Agro LGTBI cunha xornada completa de actos conmemorativos. Será o sábado 29 de xuño no Mercado Municipal, entre as 11.30 e as 21.30 horas, e haberá espectáculos circenses e de transformismo; concertos, DJ, obradoiros infantís, charlas, photocall e lectura do manifesto.
A festa, organizada polo voluntariado da oficina de Información Xuvenil (OMIX), comezará cunha sesión vermú artesá e o espectáculo circense Victoria. As 12.30h terá lugar o primeiro obradoiro infantil “Trans*formando Realidades, a cargo de Sara Uris, e a conferencia “Entre a visibilidade e o paternalismo: a emerxencia do armario de cristal”, impartida por Ángel Amaro.
Ás 13.30h haberá purpurina e brillantina biodegradables, para todos e todas as participantes e un photocall para fotografarse.
Ás 14.30h hora para a comida cun Pícnic Comunitario (para o que haberá que traer a comida) que durará até pouco antes das 16.00h, momento no que se realizará o segundo obradoiro infantil, do mesmo tipo que o da mañá. A continuación celebrarase o espectáculos de transformismo “Escribiuse un crime”, con “Marinita y sus maromas”, compañía de teatro DRAG.
Ás seis da tarde, haberá un concerto de “Las Marikarmen”, un cabaret musical queer-pop, con músicos de distintas nacionalidades.
Para ás 19.30h está prevista a actuación de Russinha (DJ set) e coma peche da xornada, a lectura do manifesto, a cargo de Andrés Benítez Oliveira, produtor audiovisual e recoñecido membro do colectivo LGTBI do municipio tomiñés.
“Esta iniciativa xorde non só a raíz da necesidade de visibilizar ao colectivo LGTBI+ no ámbito rural, senón tamén como unha vía de reivindicación do campo como un lugar de oportunidades”, explican os organizadores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario