A XUNTA PROVINCIAL DE DIRECTORES DE PRIMARIA E SECUNDARIA DE PONTEVEDRA CONSTITÚESE POR PRIMEIRA VEZ BAIXO CRITERIOS DE PARIDADE
· O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, presidiu a toma de posesión dos novos membros de este ente que servirá de órgano de transmisión entre a administración e os centros educativos
O xefe territorial de Educación en Pontevedra cos 7 representantes de Primaria e outros 7 de secundaria que tomaron posesión da Xunta provincial
Foto: X.G.
Infogauda / Pontevedra
O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, presidiu esta mañá a toma de posesión dos novos membros da Xunta provincial de directores de Primaria e Secundaria de Pontevedra, cunha renovación do 80% e por primeira vez baixo criterios de paridade.
Esta constitución celebrouse en todas as provincias galegas, a raíz da orde do 26 de febreiro de 2019 pola que se regula a composición e o funcionamento das xuntas provinciais e da Xunta Autonómica de Directores e Directoras de Centros de Ensino non Universitario, na que se expresa que na mesma debe garantirse a paridade entre sexos.Despois de máis de dúas décadas en vigor da normativa pola que se crearon e regularon as xuntas provinciais de directores como canle institucional de participación e colaboración en materia educativa, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional actualiza dita normativa co obxectivo de promover unha composición máis acomodada ao principio de igualdade e, por tanto, fomentar unha maior presenza das mulleres nestes órganos, tendo en conta tamén a representatividade de xénero que na práctica xa existe entre o profesorado e as direccións dos centros educativos.
Na provincia de Pontevedra nomeáronse 7 representantes de Primaria e outros 7 de secundaria. Esta xunta ten como obxectivo servir de órgano de transmisión entre a Xefatura Territorial e os centros educativos da provincia.
A Xunta de Directores colabora así coa administración autonómica en materia educativa cunha función consultiva que permite mellorar a organización dos diferentes colexios e institutos.
Os temas tratados nesta primeira reunión foron de interese xeral e tiveron como obxectivo a organización do profesorado de cara ao próximo curso 2019/20.
César Pérez Ares deu a benvida a este órgano aos novos membros e agradeceu o labor dos que traballaron durante os pasados catro anos.
Galicia conta con catro xuntas provinciais de directores e directoras de centros de ensino non universitario compostas por 14 persoas directoras nos casos da Coruña e de Pontevedra e 9 persoas directoras no caso de Lugo e 8 no de Ourense. Así mesmo, hai unha Xunta Autonómica de Directores e Directoras integrada por catro persoas directoras pertencentes a cada unha das xuntas provinciais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario