ATLETISMO
Álex Sierpes Pereira, novo txapeldun - campión - do 71º Cros Internacional de Zornotza
Redacción Deportes / A Guarda
O atleta Álex Sierpes Pereira (A Guarda, 2008) alzouse coa vitoria na proba conxunta sub18-sub20 do prestixioso Cros Internacional de Zornotza, celebrado a pasada fin de semana en Amorebieta (Bizkaia). O mozo corredor do club Vicky Foods Athletics superou con gran solvencia aos atletas de categoría sub20, nacidos en 2006 e 2007.
Álex ofreceu unha actuación brillante ante o numeroso público presente, logrando o ouro na categoría sub18 e gañando a carreira conxunta fronte aos juniors cun tempo de 14:24 sobre unha distancia de 4.700 metros. Este resultado confirma o seu excelente estado de forma de fronte ao próximo gran obxectivo: o Campionato de España de Clubs de Cros, que se celebrará dentro dun mes en Atapuerca (Burgos).
Con esta nova vitoria, Álex Sierpes suma xa cinco podios nesta emblemática proba, unha das máis recoñecidas do calendario invernal de World Athletics.
O seu irmán, Christian Sierpes, tamén integrante do equipo dirixido por Isaac Viciosa, asinou unha destacada actuación na categoría sub20, finalizando en novena posición. Christian mostrou unha clara melloría, deixando atrás os problemas pulmonares que afectaran a súa proxección nos últimos tempos, volvendo recuperar a capacidade aeróbica aos poucos.
A competición serviu como apertura da tempada de campo a través para os irmáns Sierpes, que se desprazaron ao País Vasco para competir no esixente circuíto do parque de Jauregibarria, deseñado no seu día para albergar o Campionato do Mundo de Cros en 1993.
Ningún comentario:
Publicar un comentario