7 de xuño de 2019

PONTEVEDRA

AREEIRO ACONSELLA RENOVAR OS TRATAMENTOS CONTRA O MILDIO NAS VIÑAS CON FUNXICIDAS PREVENTIVOS E CURATIVOS  

É preciso aumentar a vixilancia de síntomas de Black Rot, xa que as viñas están nunha fase sensible, e comprobar as roturas de pólas e podremias tras o paso da cicloxénese Miguel  

É preciso renovar tamén as aplicacións contra o Mildio nas patacas e tratar os kiwis contra as bacterioses cando remate o periodo de floración  


 Hai viñas con acios afectados
Foto: EFA

Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) aconsella renovar o antes posible os tratamentos contra o Mildio usando funxididas de acción preventiva e curativa. Tamén destaca a necesidade de aumentar a vixilancia sobre os síntomas de Black Rot pola especial sensibilidade das viñas a esta enfermidade, e comprobar as podremias tras as roturas de pólas derivadas dos ventos da cicloxénese Miguel.  

 Segundo indica a técnica Rosa Pérez, esta semana produciuse un aumento do Mildio, xa que as condicións climatolóxicas xa foron favorables ao fungo desde o domingo, observándose manchas vellas con zona de avance e esporulación e, nas fincas máis fortemente afectadas por unha infección anterior, acios co micelio do fungo. Tendo en conta as previsións do tempo, e a pesares de que moitos viticultores aproveitaron para tratar entre martes e mércores, indícase que é preciso comprobar o estado das fincas e verificar que as aplicacións foron eficaces e renovalas o antes posible - en canto mellore a climatoloxía- usando funxicidas de acción preventiva e curativa.   

 En canto a outras enfermidades, o persoal técnico aconsella incrementar a vixilancia dos síntomas de Black Rot, debido á presencia de certo incremento de follas afectadas. Tamén se advirte da necesidade de controlar a existencia de roturas de pólas das vides producidas polos ventos da cicloxénese Miguel, observando se hai instalación de podre.  Non hai que esquecer, así mesmo, que os órganos secos afectados polo Mildio e os capuchóns florais aínda non desprendidos poden ser o substrato ideal para que se instale a botrite se é que se mantén unha humidade elevada.   

 No relativo ás maceiras, Areeiro aconsella tratar en canto se poida as árbores contra o moteado, así como instalar trampas parra controlar as couzas da mazá. Pérez indica que é axeitado agardar a unha regulación natural de poboacións de pulgóns no caso de que exista parasitismo, e tamén a ver se as mazás caídas no chan con danos por sarabia, ventos ou paxaros presentan fungos, sendo necesario eliminar os froitos que existan nese estado xa que poden servir de zona de posta para as moscas da froita que atacan a diferentes especies.  

 Dado que nesta primavera estanse a alternar períodos moi húmidos con outros secos e soleados as plantas do kiwi non teñen unha situación homoxénea en canto á floración. Onde xa sexa maioritario o fin dese período convén facer unha intervención con algún dos produtos autorizados polo Ministerio para facer fronte ás bacterioses.  

 Outro dos consellos de Areeiro é a aplicación de tratamentos nos marmeleiros, xa que se observa un incremento de síntomas causados polo fungo Entomosporium maculatum (Diplocarpon mespili) que pode defoliar as árbores. Tamén se sinala a importancia de tratar as patacas contra o Mildio ante a elevada humidade que levamos sufrida desde o domingo, que obriga a renovar o antes posible as aplicacións fronte a esta enfermidade, sempre respectando o prazo de seguridade dos produtos utilizados nas plantas temperás próximas á colleita.  

 Finalmente, Rosa Pérez tamén realiza unha advertencia sobre a antracnose nos plátanos de sombra, xa que debido á climatoloxía desta primavera (choivas e temperaturas suaves en xeral) obsérvanse síntomas da enfermidade en moitas árbores. Naqueles casos en que a presenza de síntomas do fungo sexa elevada, e sobre todo se son árbores novas que poden ver o seu desenvolvemento comprometido por perder parte da folla, aconséllase aplicar un tratamento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario