27 de dec. de 2019

A CAÑIZA

A Deputación de Pontevedra investiu máis de 800.000 € na mellora da contorna do santuario da Franqueira e continuará traballando na Cañiza en sintonía co concello  

O deputado Gregorio Agís lamentou que "sexa Miguel Domínguez quen presente unha moción "cando sendo alcalde marcou as prioridades e nunca propúxonos os accesos á Franqueira"

Gregorio Agís, deputado provincial de Infraestruturas e Vías Provinciais
Foto: D.PO.

Infogauda / A Cañiza

 A Deputación de Pontevedra seguirá a acometer obras de conservación e mellora nos case 1.700 Km da Rede Provincial de Estradas en función de criterios de "urxencia, necesidade e recursos". Así o anunciou hoxe o deputado provincial de Infraestruturas e Vías Provinciais, Gregorio Agís, durante o debate dunha moción presentada polo PP para esixir o arranxo inmediato dos accesos ao santuario da Franqueira, moción que foi cualificada como "meramente oportunista" xa que a presentan cando teñen coñecemento de que a finais de outubro mantivemos unha xuntanza técnica co actual alcalde, Luís Piña, e o persoal técnico provincial para analizar tódalas necesidades existentes no concello, entre elas os accesos á Franqueira. "Comentamos  nesa xuntanza que na actualidade e grazas aos investimentos que se fixeron nos últimos 4 anos, eses accesos están mellor que nunca, limpos de broza e coas cunetas abertas".  

 Agís aclaroulle ao PP que o Goberno provincial non vai traballar en base a este tipo de iniciativas de curto percorrido, concibidas para tratar de anotarse tantos nas obras que o PP non fixo en 40 anos "e que agora pretende vender gracias á súa presión dende a oposición". O deputado responsable das Vías Provinciais dirixiuse directamente ao ex-alcalde da Cañiza e deputado provincial, Miguel Domínguez, para afearlle que fora el precisamente quen teña presentado a proposta "xa que sendo aínda alcalde, presentounos as prioridades para actuar nas vías provinciais da Cañiza e, en ningún caso, propúxonos os accesos á Franqueira, senón a mellora da EP-5003 A Cañiza-Arbo, cun importe de máis de 870.000 euros".  

 Gregorio Agís lembrou que a Deputación leva investidos preto máis de 800.000 euros na contorna do santuario da Franqueira nos últimos anos e continuará actuando "en sintonía co Concello" para ir solucionando as melloras pendentes. Así enumerou o investimento de 322.000 euros na contorna do propio santuario cunhas obras finalizadas no ano 2017. A continuación referiuse ao arranxo da rotonda que enlaza a EP-510, un dos principais accesos á Franqueira, coa EP-5002 na zona do río Deva. Unha obra cun importe superior a 550.000 euros e realizada no ano 2018. Finalmente, aludiu á reparación do firme da EP-5102 (Lamosa-Franqueira-Achas), con outros 45.000 euros. Ademais, esta mesma estrada está incluída no Acordo Marco de mantemento de firmes da Deputación, polo que será obxecto de novas actuacións. Por outra banda, Gregorio Agís concluíu que non hai que esquecer que as brigadas provinciais acoden a limpar a zona para garantir a seguridade e ornato nos días de celebracións relixiosas.  

 O deputado responsable do mantemento das Estradas Provinciais lamentou que haxa que lembrarlle ao PP "o estado calamitoso" no que se atopaba toda esta zona despois de case 40 anos de gobernos locais e provinciais do PP "porque supoño que as calamidades que tanto alarman agora non virán só dos últimos 4 anos...".Tras pedir ao ex-alcalde da Cañiza que se "aclarase", esixiulle un pouco máis de coherencia no seu necesario labor de oposición a un novo Goberno local que está traballando en coordinación coa Deputación para solucionar as eivas herdadas. "Nós acordamos con vostede, mentres era alcalde, as actuacións con lealdade e respecto institucional, e agora facemos o mesmo co actual alcalde". "E, fáganme un favor, cando lles poñan diante mocións para asinar, léanas antes e analícenas para non facer o ridículo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario