Lete Lasa asegura que as seis seleccións galegas do Campionato de España de balonmán "recollen o legado escrito por mulleres e homes ao longo de tantos anos de historia"
Foto: X.G.
As tres furgonetas presentadas foron adquiridas pola Federación Galega de Balonmán grazas á orde de subvencións a clubs e federacións para adquisición de equipamento que medra un 500% con respecto a 2018
Infogauda / Vigo
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, participou na mañá de hoxe na presentación das seis seleccións de balonmán que participarán no Campionato de España de Seleccións Autonómicas 2020, da nova imaxe da Federación Galega, dos novos equipamentos de xogo e de tres furgonetas adquiridas coa orde de subvencións da Secretaría Xeral para o Deporte. No acto celebrado no Tinglado do Porto de Vigo, o mandatario galego falou do “pasado, presente e futuro do balonmán galego” destacando a época de finais dos anos 90, cando catro equipos galegos conviviron na máxima división do balonmán nacional -Teucro, Cangas, Octavio e Chapela-, a “época dourada que está a ser subscrita por mulleres” como Begoña Fernández, Alicia Fernández Fraga ou as xogadoras do Mecalia Atlético Guardés e, como non, todos os nenos e nenas de Galicia que recollen “o legado escrito por mulleres e por homes ao longo de tantos anos de historia de balonmán galego”.
Neste sentido dirixiuse aos rapaces e rapazas presentes no Tinglado para amosar o “tremendo orgullo” de que representen a Galicia no vindeiro Campionato de España de Seleccións Autonómicas 2020 que se celebra en Cantabria do 2 ao 7 de xaneiro e onde a comunidade galega estará representada por seis seleccións (infantil, cadete e xuvenil masculino e feminino), todas elas competindo no máximo nivel das categorías. “Estamos na elite do deporte nacional e internacional en todas as categorías”, enfatizou.
O secretario xeral defendeu a política da Xunta de Galicia e das federacións deportivas con respecto ao deporte de base e lembrou que na tempada 2018-2019 preto de 130.000 nenos e nenas do programa Xogade “desfrutaron do deporte en idade escolar co seu seguro deportivo financiado directamente polo Goberno galego e dos que preto do 10% practicaron balonmán”.
Nova imaxe, roupa e furgonetas
O acto celebrado no Tinglado tamén serviu para presentar a nova imaxe da Federación Galega de Balonmán, así como a nova equipación deportiva composta por roupa de xogo, quecemento e chándal. Lete Lasa fixo entrega ademais dunha bandeira de Galicia a cada selección galega para “que as luzades cando subades ao podio do Campionato de España, porque estamos seguros de que o faredes”.
As tres furgonetas presentadas hoxe foron adquiridas pola Federación Galega de Balonmán grazas á segunda convocatoria da orde de subvencións a clubs e federacións para adquisición de equipamento ao abeiro da que a federación ingresou 30.000 euros dun gasto total de preto de 42.000. Cómpre lembrar que esta orde de axudas medrou un 500% con respecto a 2018.
O secretario xeral para o Deporte tamén lembrou que, segundo os convenios autorizados a pasada semana no Consello da Xunta, o orzamento do convenio da Federación Galega de Balonmán coa Xunta de Galicia sobe neste 2020 nun 2% ata os 189.614 euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario