A Xunta de Galicia lanza o programa de visitas guiadas Coñece Vigo, con nove rutas que afondan na historia e o patrimonio cultural da cidade
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, presentaron hoxe esta iniciativa, pensada para os vigueses e moi especialmente para as asociacións, colectivos sociais e centros educativos da urbe
As visitas de balde, que se prolongarán ata finais de decembro, contarán con guías turísticas que ofrecerán información ao detalle e incluirán autobús e catamarán
Máis de 3.000 persoas poderán gozar dunha programación que xa está a disposición dos cidadáns na páxina web de turismo.gal
O
Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a delegada
territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, presentaron hoxe Coñece Vigo
Foto: X.G.
Infogauda / Vigo
O Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, presentaron hoxe Coñece Vigo, un novo programa de visitas guiadas con nove rutas que afondan na historia, a cultura, a economía e o patrimonio cultural da cidade.
Unha iniciativa, ideada polo Goberno galego en colaboración coa Autoridade Portuaria, que xorde da convicción de que a cultura é creadora de identidade e xeradora de inclusión social. “Unha oportunidade de afondar na nosa historia común e coñecer o Vigo de hoxe”, en palabras de Corina Porro.
O obxectivo, tal e como salientou Román Rodríguez, é facer partícipe aos propios vigueses dun máis fondo coñecemento do seu patrimonio cultural xa que, como dixo, no ano 2021 Galicia celebrará o Xacobeo e “queremos que os vigueses sexan os mellores embaixadores da súa propia cidade”.
A programación inclúe así nove rutas, guiadas e de balde, pensadas para os vigueses aínda que abertas a toda a sociedade, especialmente ás asociacións, colectivos sociais e centros educativos. Xiran entorno ás orixes de Vigo, os homes e mulleres que fixeron onte o Vigo que é hoxe, os espazos a través dos que entender a identidade viguesa, o xornalismo, a administración ou os eixos do seu crecemento económico.
“Porque facer cidade é, tamén, promoción, integración e cohesión social, este é o noso obxectivo”, aseverou o conselleiro, dando pé a Corina Porro a asumilo como propio, xa que “facer Vigo, facer cidade, e unha das tarefas ás que me debo como delegada”.
Dito isto, a representante autonómica foi a encargada de detallar as rutas que se inclúen no programa deste ano e avanzar a intención de reformulalo no 2020 con novos percorridos que incluirían as Illas Cíes como destino Startlight, entre outras novidades.
Así, a ruta dos Miradoiros de Vigo permitirá, cos montes do Castro e a Guía como protagonistas, observar a ría e coñecer os seus segredos; o Vigo Castrexo ofrecerá a posibilidade de viaxar no tempo ás máis antigas orixes da cidade; o Vigo Romano afondará nos xacementos romanos máis importantes da área nunha visita ao Museo da Sal e a Vila Romana de Toralla; mentres que os Nomes de Vigo ilustrará sobre os grandes benefactores da cidade a través dunha guía moi especial caracterizada de Irene Ceballos, ilustre veciña viguesa á que débelle o seu nome o Instituto Santa Irene; e a ruta do Pazo de Quiñones de León, na que será a propia Marquesa de Valladares quen guíe a visita a unha das pinacotecas máis interesantes de Galicia.
Rutas todas elas que inclúen transporte en autobús ou en catamarán, como o que é necesario para participar en Coñece o teu Porto, unha excursión que amosará desde o mar toda a actividade pesqueira e industrial. Asemade, Faro de Vigo contará cunha ruta propia, Coñece o teu periódico, e a Delegación da Xunta en Vigo tamén, xa que “é importante que os cidadáns coñezan de cerca as competencias e servizos que ofrece a administración”, comentou Corina Porro.
Xa por último, a delegada citou Coñece o teu Nadal Solidario, o espacio solidario do Nadal que terá lugar no Tinglado do Porto de Vigo e arredores do 16 de decembro ata o 5 de xaneiro, un proxecto do que dixo sentirse tan orgullosa como deste de Coñece Vigo.
Deste modo, máis de 3.000 persoas poderán gozar dun programa de visitas que se estenderá ata finais de decembro, de balde e que xa está a disposición dos cidadáns na páxina web de turismo.gal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario