11 de out. de 2019

O BAIXO MIÑO

A XUNTA DE GALICIA OFERTA 13 CURSOS DE FORMACIÓN PARA PERSOAS DESEMPREGADAS NA COMARCA DO BAIXO MIÑO DE CARA A MELLORAR AS SÚAS OPCIÓNS DE ACCESO AO MERCADO DE TRABALLO  

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, destacou que nesta comarca investiranse 647.900 millóns de euros dentro do Plan Galego de Formación 2019-2020

· Os alumnos poderán escoller o centro e a acción formativa que impartirán as empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos adxudicatarios destas axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria 

· Na selección dos participantes terán preferencia colectivos como as mulleres, os menores de 30 anos e os parados de longa duración 

· Os centros de formación terán a posibilidade de seleccionar directamente ao alumnado que, a través da web de Emprego, poderá solicitar a materia na que se desexa formar e coñecer o custo do curso que a Xunta financia ao 100%   

José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra

Infogauda / O Baixo Miño

 A Xunta de Galicia ofertará nas próximas semanas 13 cursos de formación para persoas desempregadas na comarca do Baixo Miño de cara a incrementar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral. Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, quen destacou que se trata dunha oferta de cursos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para traballadores e traballadoras sen emprego.  

 Cores Tourís informou de que nestes cursos invístense 11,9 millóns de euros na provincia de Pontevedra, dos cales, 647.900 euros corresponden á comarca do Baixo Miño.  

 Nesta comarca están programados 13 cursos, organizados por 4 empresas e  entidades sen ánimo de lucro así como polo concello do Rosal. Como todos os anos, engadiu o delegado territorial, “é tamén destacable a implicación dos axentes sociais, tanto  das organizacións empresariais así como das entidades sociais”.  

 Nesta área os cursos estarán centrados no eido educativo, na soldadura, cociña, desenvolvemento de aplicacións tecnolóxicas, servizo de bar e xestión e control do aprovisionamento, entre outras.   

 Tal e como explicou o delegado territorial, os alumnos e alumnas poderán escoller o centro e a acción formativa que se impartirá en empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos que son os adxudicatarios das axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ademais, os centros de formación terán a posibilidade de seleccionar directamente ao alumnado. Ata o de agora a elección só correspondía ao Servizo Público de Emprego de Galicia.   

 Así, o alumnado poderá solicitar o centro e a materia na que se desexa formar a través do portal de Emprego. A persoa desempregada poderá obter na web toda a información sobre o curso que lle interesa: a data prevista de comezo, o horario, o lugar onde se imparte e os datos de contacto da entidade, así como a posibilidade de solicitar a preinscrición para o posterior proceso de selección que poderá levar a cabo o centro de formación. A cualificación que se imparta permitirá seguir accedendo a certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado e será acorde ás necesidades que demanda o tecido empresarial.  

 Como explicou o delegado territorial, a Xunta de Galicia continúa, a través de iniciativas como estas, impulsando os cursos de formación dirixidos a persoas desempregadas, xa que este tipo de accións formativas alcanzan de media unha inserción laboral próxima ao 60%. Na selección do alumnado terán preferencia as mulleres, parados de longa duración, menores de 30 anos, emigrantes retornados, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, alumnos con baixa cualificación ou persoas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen certificados parciais.   

 “A formación para persoas desempregadas e ocupadas é un reto prioritario para o Goberno galego”, rematou Cores Tourís. Por iso, ten en marcha outro tipo de programas, como son as Unidades formativas na empresa; os obradoiros duais; ou os plans formativos para sectores específicos, como a automoción, o naval ou o forestal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario