18 de xuño de 2025

A GUARDA

Música e espectáculos para desfrutar a Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira, en familia   

A festa gastronómica por excelencia da Guarda comezará este ano ás 12:00h do primeiro venres de xullo  


O alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e a técnica de turismo Rosalía Verde Pérez, na presentación do programa da XXXIII Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira         

         Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda  

 A XXXIII Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira traspasa o eido gastronómico e terá unha proposta musical e lúdica para achegarse a todos os públicos. Haberá pasacalles durante as tres mañás da festa co Grupo de Gaitas do Club da 3ª Idade e Pensionistas de A Guarda; Trebón dos Xidos; e A Boalleira, respectivamente.  

 A música non remata aí, pois o exterior da carpa do porto converterase en escenario de tres concertos máis. O venres ás 22:30h actuará Meigalho, banda do batería guardés Stewart, cunha proposta de tradición galega con elementos da música jazz e rock. 

Concerto da banda de música Agrupación Musical de A Guarda

 Xa o sábado, ás 23:00h a banda de música Agrupación Musical de A Guarda ofrecerá un concerto moi especial de bandas sonoras polo seu XX aniversario. E para rematar a festa, o domingo ás 20:00h o grupo O Sonoro Maxín porá ritmo de cumbia galega para bailar.  

 Ademais este ano contamos cun espectáculo moi diferente e dirixido ao público familiar. Trátase do espectáculo “Volando vengo!” de Kanbahiota, catro trapecistas que mesturan humor e acrobacias. Todos e todas poderán desfrutar deste espectáculo no exterior da carpa o sábado ás 20:00h.  




 “A Festa da Lagosta xa vai máis alá dunha carpa onde comer. Este ano contamos con moita música, ademais gran parte dela de orixe local, e con espectáculo para desfrutar en familia dunha fin de semana espectacular”,manifesta o alcalde, Roberto José Álvarez Carrero.  

Saídas de navegación co volanteiro Piueiro

 Durante o sábado e domingo haberá saídas de navegación co volanteiro Piueiro tanto pola mañá (11:00 e 12:00h) como pola tarde (17:00 e 18:00h). A información e as reservas estarán dispoñibles no punto de información do interior da carpa.  

O pregón da XXXIII Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira será no porto de A Guarda

 Como sempre, celebrarase na primeira fin de semana de xullo, os días 4, 5 e 6 de xullo, mais trae unha novidade: a festa adiántase ao venres ás 12:00h da mañá. Aínda que a carpa abrirá pola mañá, a inauguración oficial da festa co pregón será ás 20:30h. O pregón desta 33ª edición volve ao porto de A Guarda e conta cun persoeiro de luxo, Rafa Durán.   

Tres días de celebración gastronómica

 Nesta edición, o Concello de A Guarda aposta por ampliar a festa tras os excelentes datos de asistencia o ano pasado, cando se venderon máis de 700kg de lagosta (270kg só o sábado ao mediodía). Deste xeito, ademais do horario, tamén se amplía a capacidade da carpa ata os 600 comensais para que veciños e visitantes, poidan gozar comodamente desta festa.  





 Polo tanto, unha carpa de 1.200 metros cadrados estará aberta durante os tres días da fin de semana no porto de A Guarda para desfrutar dunha comida excepcional. Entre os máis de 20 produtos e pratos mariñeiros, a lagosta segue ser a protagonista e os restaurantes ofrecen a lagosta cocida e á prancha. Dende a primeira edición a estrela que acompaña a lagosta é o roscón de xema, sobremesa típica guardesa desde hai máis de 70 anos.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario