Carril: "Ante a consolidación da precariedade e a grave crise industrial, o Goberno non pode demorar máis a derrogación das reformas laborais"
A CIG aposta por seguir na mobilización para forzar un cambio nas políticas que permita recuperar os dereitos roubados
Infogauda / Galicia
Dentro da campaña que a CIG ten en marcha pola recuperación dos dereitos, delegadas e delegados da central sindical mobilizáronse esta mañá nas sete cidades e en Vilagarcía para esixir ao Goberno español a derrogación inmediata das contrarreformas laborais aprobadas baixo a escusa da crise, xa que mentres se manteñan estas políticas "seguirá medrando a precariedade, a explotación, o desemprego, a pobreza laboral e a emigración".
Á perda de dereitos que supuxeron as reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva aprobadas polo PSOE e o PP, e ao recorte de servizos públicos e de liberdades, súmaselle en Galiza a dura crise que atravesa o sector industrial, con anuncios día tras día de EREs, deslocalizacións e peches. "O modelo de relacións laborais xurdido das reformas facilita este desmantelamento industrial, do que temos o exemplo máis tráxico nas fábricas de Alcoa, Ferroatlántica ou Poligal, pois de terse derrogado a reforma laboral serían outros os mecanismos que teríamos para poder frear o seu peche e a perda de emprego", afirmou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, durante a concentración realizada ás portas da Delegación do Goberno.
Non hai razóns para manter a reforma laboral
Aproveitando a protesta, a central nacionalista entregou un escrito dirixido ao presidente do Goberno e ao Ministerio de Traballo no que se recollen as reivindicacións e propostas da CIG para a nova lexislatura e se demanda un cambio radical nas políticas económicas, laborais e sociais "que nos permitan camiñar cara a unha situación de emprego, salarios, pensións dignas". Carril reiterou que o Goberno español non pode seguir pondo escusas para manter unhas reformas que consolidan os empregos mal remunerados e de escasa duración, aumentan de xeito alarmante o empobrecemento da clase traballadora e condenan a nosa mocidade á emigración.
Apuntou aos últimos datos do paro rexistrado, que constatan que a precariedade é xa o elemento que define o mercado laboral en Galiza, producíndose unha contratación puramente estacional, de carácter temporal e, na inmensa maioría, no sector Servizos. Lembrou que, malia terse asinado un total de 95.000 contratos no mes de maio, o desemprego só baixou en 5.421 persoas, "o que constata esa verdade tan cruel de que a pobreza e a explotación laboral que permitiu a reforma laboral estase implantando de maneira definitiva".
"Xa se ten perdido moito tempo na anulación destas políticas de dereita; recuperar os dereitos é imprescindíbel para poder avanzar", aseverou. A este respecto, Paulo Carril incidiu en que a derrogación das reformas "ten que ser total, non serven maquillaxes nin cambios parciais. De nada vale falar dun novo estatuto dos/as traballadores/as como fai o Goberno, sen que iso implique unha anulación previa e inmediata de todas estas reformas. E canto máis tempo tarde o PSOE en tombalas máis demostrará que está satisfeito coas políticas de dereitas".
A mobilización social, motor dos cambios
Neste contexto alarmante, o secretario xeral da CIG lamentou que CCOO e UGT aposten por continuar no diálogo social e non pola mobilización. "As solucións non virán por concesión do poder económico e político que nos impón esta dura situación. Tampouco a través do diálogo social, pois como ocorre co IV Acordo Marco de Negociación Colectiva, só axuda a perpetuar a reforma laboral e o empobrecemento dos salarios".
Un diálogo social, criticou, no que CCOO e UGT lexitiman as diferentes medidas aprobadas polo gabinete de Pedro Sánchez "e que como estamos a comprobar resultan insuficientes, e incluso axudan a consolidar unha situación social sen saída". Fronte a isto, chamou a rearmarnos e a reforzar a loita nas rúas e nos centros de traballo porque "só a través da mobilización social obrigaremos o Goberno a un cambio nas políticas".
Ningún comentario:
Publicar un comentario