4 de xuño de 2019

A GUARDA

Música nas Prazas 2019

Tres concertos conforman o programa desta edición 

Infogauda / A Guarda
 
 O venres día 14 de xuño arranca o Música nas Prazas 2019, cuarto ano desta actividade promovida dende a concellería de Cultura do Concello da Guarda e que este ano contará con 3 concertos nas prazas de San Caetano (A Cruzada), Avelino Vicente (centro da vila) e Os Seixiños (A Gándara). 
  
 Os encargados de abrir a programación de Música nas Prazas son os compoñentes de Caramelo Crew, un grupo guardés de rap formado por Hugx (Hugo Aldea) e Holden (Jose Mauri), que encherán de música a Praza de San Caetano o venres 14 de xuño, dende as 22:00h. 

 A vindeira cita será o 16 de agosto ás 22:00h na Praza de Avelino Vicente - onde está a réplica do As de Copas - coa actuación do grupo Blues do Pais.

E para rematar o 13 de setembro ás 22:00h na Praza dos Seixiños (A Gándara) coa actuación de Helen & Shana. 

 A programación de Música nas Prazas acadou na edición precedente un notable éxito de afluencia de público, fomentando a música en diferentes espazos públicos do municipio, tentando dar visibilidade e dinamismo a todos eles por igual, levando a cultura musical a todas as parroquias da vila. 

 Ao longo dos tres anos de Música nas Prazas foron moitas as formacións musicais do panorama local e galego que teñen pasado polas prazas da vila guardesa, entre elas, De Vacas, Sonus de Gaya, Indomables, Argonat Band, Mbolo Mooye Doolé, Carmen Johns, entre outros. 

 O Música nas Prazas 2019 conta co apoio de Pontegal da Deputación de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario