21 de maio de 2019

GOIÁN

CULTURA


O LIBRO "HISTORIA DA NAVEGACIÓN DE CABOTAXE E PESCA DO RÍO MIÑO" FOI PRESENTADO NO CENTRO GOIANÉS

Coa participación do autor, Ernesto Iglesias Almeida e do activista cultural José Manuel Villa Troncoso "Mané"


Ricardo Rodríguez Vicente / Goián

 Editado pola Asociación Cultural Pintor Antonio Fernández, de Goián, o pasado venres 17 de maio (Día das Letras Galegas), tivo lugar á presentación do libro "Historia da Navegación de Cabotaxe e pesca do Río Miño", da autoría do escritor e investigador Ernesto Iglesias Almeida, Cronista Oficial da cidade de Tui.

 Presentado por José Manuel Villa Troncoso (Mané), activista cultural e presidente da Asociación Cultural Pintor Antonio Fernández, o acto tivo lugar no Centro Goianés, de Goián.

 O libro, que conta cun limiar do mestre, etnógrafo e historiador Clodio González Pérez (Cenlle, 1947), membro do Padroado do Museo do Pobo Galego; está adicado polo autor "A Mané e súa familia: Dulce Mª, Hedi, Jose e Dani, pola súa amizade que nos une (...)".

 Logo dunha introducción na que relembra: "Fai anos, en 1984, saiu do prelo meu primeiro libro de tema tudense baixo o título "Los antiguos Portos de Tuy y las barcas de pasaje a Portugal" (...)"; que fora presentado por D. Jesús Gómez Sobrino, natural de A Guarda, cóengo e fundador do Museo e Arquivo Diocesano de Tui, o autor afirma que con posterioridade foi atopando nova documentación en relación ao "(...) tráfico marítimo-fluvial existente en Tui naqueles arredados tempos da Idade Media (...)".

 Ernesto Iglesias refire que "(...) foron aparecendo máis documentos a maior parte deles relativos as barcas de pasaxe no río Miño a Portugal e contratos que facía o cabido da catedral como dono que era das barcas, que arrendaba ao que máis daba e, de maneira xeral, por tempo e duración de tres anos (...)".

 Posteriormente, en 1988 fixo "Notas Históricas del Bajo Miño, Puertos, Barcas, Pesqueras" e xa na editorial Toxos Outos, de Noia, "Tráfico marítimo e fluvial, nos portos da provincia de Pontevedra (séculos XIII-XVII)".

 "Agora - engadiu Iglesias Almeida - novamente quixera facer unha recompilación de todo o publicado, posto que estas primeiras edicions non son moi doadas de atopar. corrixindo e ampliando o xa feito (...)".

 Nesa introducción, o autor fai varias observacions: "(...) Desde a Prehistoria as terras atravesadas polos cursos fluviais foron as primeiras en ser habitadas. Os ríos eran as vías máis doadas para o tráfico, os barcos podían levar fortes cargas a longa distancia; era un transporte barato e máis rápido que os percorridos feitos polas vellas estradas. A través do mar e remontando os ríos chegaría o comercio dos fenicios e a cultura dos romanos, do Cristianismo, máis tamén as temidas incursións dos árabes, vikingos ou normandos (...)".

 Por outra banda láiase o autor: "(...) É unha tristura ollar o río Miño hoxe amputado no seu curso superior en aras do progreso representado nos encoros dedicados a producción da enerxía eléctrica (...)", para a continuación engadir: "(...) o que era unha riqueza para os ribeirans do Miño pasou a máns de outros, tendo que a maior parte deles ir a emigración, cousa que fan os galegos cando non atopan traballo (...)".

 Deseguido o autor anota como grazas as mobilizacións dos veciños de Melgaço e Monçao non se levou a cabo o encoro de Sela.

 O libro "Historia da Navegación de Cabotaxe e pesca do Río Miño" recolle tamén unha síntese de citas históricas, comezando no século IV a. C., cando "(...) os gregos disputaron aos fenicios o monopolio do estano. No chamando "periplo" grego de Rufo Avieno "Ora Marítima" escrito a finais do século IV a.C. faise unha descrición das costas galegas, incluindo a desembocadura do Miño e a Ínsua que se atopa na súa entrada (...)".

 O autor evoca "O proxecto de navegación do Miño", "Os Portos, Barcas e Capelas", "O Comercio da Cabotaxe no Miño", "O Sal", "O Viño", "A madeira e outros productos", "Os Peixes do Miño" e "As Embarcacions", adicándolle a cada un deses capítulos o espazo necesario, sen chegar a saturar ao lector, rematando con "Apéndices Documentais", relativos a aranceis do porto de Tui, arrendamento da barca polo deán e cabido a Xoán Díaz, arrendamento do porto de Camposancos,..., entre outros.

 Todo iso, que non é pouco, nun total de 127 páxinas de amena lectura, o autor ofrécenos unha síntese do potencial doutrora do río Miño e seu vencello a economía de parroquias, lugares, portos e vilas, como Camposancos, A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui. Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo e Crecente, na marxe galega, e tamén obviamente, Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença do Minho, Monçâo e Melgaço, na marxe portuguesa.

 "Historia da Navegación de Cabotaxe e pesca do Río Miño" é a esencia histórica da riqueza que xerou o Pai dos ríos galegos, que deu de comer aos que honradamente - de día e de noite, en todo tipo de condicions climatolóxicas, non sempre favorables -, traballaban nel e explotaban con criterios de sustentabilidade seus recursos pesqueiros; comerciaban cos veciños dunha e doutra marxe fluvial ou transportaban gando, mercadorías e persoas dunha á outra beira do río; e mesmo deu medrío aos señores que representaban o feudalismo eclesiástico máis arcaico e que sen esforzo algún vivían folgadamente a custa do esforzo e do traballo alleo.

 Parabens para o autor de "Historia da Navegación de Cabotaxe e pesca do Río Miño", por esta nova mostra da súa prolífica actividade investigadora e tamén para a Asociación Cultural Pintor Antonio Fernández, por contribuir a manter aceso o facho da Cultura en Goián e ser un destacado referente en todo o Baixo Miño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario