21 de maio de 2019

A GUARDA

O Concello avanza no Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións da Sangriña

O uso principal previsto para estas parcelas é o deportivo, tendo un espazo xa reservado para a futura construción dun novo Pavillón Municipal para A Guarda, cun aforo aproximado de 1.000 espectadores 
 




Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz fixo público no día de hoxe que "o Concello de A Guarda ven de iniciar a tramitación do expediente de Impacto Ambiental para  o Plan de infraestruturas e dotacións para a zona da Sangriña, o que permitirá consolidar este espazo para diferentes usos deportivos, comunicacións, transportes, espazos públicos, entre outros".  

 Nesta zona xa se atopan varios servizos e espazos dotacionais como o IES A Sangriña, o Conservatorio Municipal de Música, o Pavillón Municipal o Campo de Fútbol, a Piscina Municipal o Almacén Municipal, o Punto Limpo ou a Casa Cuartel da Guarda Civil.  


  

 "Este Plan Especial pretende ampliar a superficie delimitada como solo de equipamentos no planeamento vixente nunha superficie de 19.323m2, mellorando as condicións de urbanización en 11.174m2  quedando unha superficie total de actuación de 30.497m2 co obxectivo de ofertar unha maior eficacia e coherencia entre a oferta de equipamentos e as necesidades de cada ámbito territorial, a accesibilidade e cobertura da poboación, mellorando o atractivo da vila da Guarda, cunha zona de infraestruturas e dotación perfectamente delimitada", sinalan desde o grupo municipal de goberno.  

ESPAZO RESERVADO PARA A FUTURA CONSTRUCCIÓN DUN NOVO PAVILLÓN MUNICIPAL
 As mesmas fontes sinalan igualmente: "O uso principal previsto para estas parcelas dotacionais é o deportivo, tendo un espazo xa reservado para a futura construción dun novo Pavillón Municipal para A Guarda, cun aforo aproximado de 1.000 espectadores, coa intención de dar cobertura á puxanza en xeral do deporte no concello e a súa contorna do Baixo Miño, coa súa correspondente zona de aparcadoiro, incorporando a este plan varias parcelas de titularidade municipal ó ámbito de equipamentos existente na zona.  

 A maiores o plan inclúe a ampliación das zonas verdes existentes con sistema de rego eficientes así coma unha iluminación e novos pavimentados, promovendo o aforro e eficiencia enerxética das instalacións".  

 O custe previsto para esta urbanización, tendo en conta as zonas verdes, os viarios, o acondicionamento de novas parcelas, a conexión de servizos xerais e demáis custes asociados ascende a 711.120,05€.

Ningún comentario:

Publicar un comentario