A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal intensificará a cooperación transfronteiriza cun novo Plan de investimentos e actuacións en I+D+i
· Hoxe reuniuse en Vigo a Asemblea e o Consello Superior dos órganos directivos desta Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT)
· No encontro, tamén se fixo balance dos logros acadados durante 2018 a través de iniciativas como o programa de mobilidade académica ‘Iacobus’, o ‘Job Day’ ou o premio literario ‘Nortear’
Infogauda / Vigo
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) de
Galicia-Norte de Portugal intensificará a cooperación transfronteiriza a
través, entre outras iniciativas, da redacción dun novo Plan de
investimentos conxuntos para o período 2021-2027 e actuacións en materia
de I+D+i.
Así se acordou hoxe na reunión da Asemblea e do
Consello Superior dos órganos directivos desta AECT. No encontro
participaron por parte da Xunta o director xeral de Relacións Exteriores
e coa UE, Jesús Gamallo; a directora xeral de Administración Local,
Marta Fernández-Tapias; o director xeral de Planificación e Orzamentos,
Miguel Corgos; e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do
Campo.
Na xuntanza aprobáronse o orzamento e o Plan de actividades
de 2019. Deste último documento destacan especialmente algunhas das
accións para desenvolver no presente ano, tales como unha Cimeira entre
as autoridades de Galicia e o Norte de Portugal, xunto ao Goberno
español e o Goberno portugués, sobre incendios forestais, emerxencias e
protección civil; a realización dun Fórum de Demografía da Eurorrexión;
así como un encontro de cooperativas.
Cómpre subliñar tamén a
realización de varias iniciativas relacionadas coa promoción e
desenvolvemento do turismo da Eurorrexión e os Camiños de Santiago, así
como as novas convocatorias previstas de Iacobus Estadías e Papers.
Ademais,
a Asemblea da Eurorrexión aprobou o inicio dos traballos de redacción
dun novo Plan de investimentos conxuntos para o próximo período de
programación (2021–2027), dando continuidade ao actual, que supuxo que,
por primeira vez, dúas rexións fronteirizas decidisen conxuntamente o
destino dos seus fondos durante todo un ciclo orzamentario comunitario. A
AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal financia as súas
actividades mediante fondos propios dos seus socios (Xunta de Galicia e
CCDR- N), así como coa participación en proxectos europeos.
Balance do 2018
No
encontro aprobáronse as contas financeiras do pasado ano e fíxose tamén
balance das principais actividades levadas a cabo durante o exercicio
2018, tales como a xestión e o seguimento da 5ª convocatoria e a
apertura da convocatoria 2018/2019 do Programa Iacobus, incluíndo dúas
novas iniciativas e un orzamento total de 235.000€. As novas iniciativas
son: a inclusión de 22 centros tecnolóxicos homologados (12 de Galicia e
10 do Norte de Portugal) como institucións participantes no
Iacobus-Estadías; e a posta en marcha da primeira convocatoria
Iacobus-Artigos Científicos ou Papers. En canto a resultados do Programa
Iacobus-Estadías, cun orzamento de 185.000€, foron seleccionados 159
proxectos dos 253 presentados, o que demostra o gran interese e éxito do
programa. Mentres que en Iacobus-Papers, cun orzamento de 50.000€,
foron seleccionadas 34 das 37 publicacións científicas presentadas.
Tamén
se resaltou o desenvolvemento das actividades culturais enmarcadas no
programa Nortear, como a entrega do 4º premio literario Nortear á obra
“Ver” da nova autora Sara Brandão e o lanzamento da 5ª edición; a estrea
da creación artística “Clementina”, baseada na vencedora da 1ª edición
deste premio, que tivo lugar en Vila Nova de Gaia; a exposición
realizada en Santiago de Compostela; ou as Conversas Nortear, que se
desenvolveron na Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro e no Liceo
de Ourense.
Outros eventos importantes do 2018 foron o Cume de
Turismo da Eurorrexión, realizada no Porto; o evento eurorrexional do
sector da xardinería organizado en Allariz; e o Job Day do sector TIC
levado a cabo en Vigo e que contou coa participación de 12 empresas
galegas e do norte de Portugal, no que se produciron 58 contratacións.
Seguindo
cos eventos de 2018, destacou tamén a visita dunha delegación de
representantes de zonas fronteirizas de Latinoamérica (Colombia, Perú,
Ecuador e Chile) para coñecer a experiencia e as boas prácticas da
política rexional de cooperación transfronteiriza da Eurorrexión.
Por
último, destacouse tamén o seminario sobre a prestación de servizos
públicos transfronteirizos nos territorios arraianos de Galicia e o
Norte de Portugal, con visita posterior ás Eurocidades Tui–Valença e
Tomiño–Vila Nova de Cerveira.
Dos proxectos europeos desenvolvidos
durante o ano 2018, salientáronse as actuacións realizadas no proxecto
0101 GNP, AECT do programa POCTEP - INTERREG V-A; o proxecto BlueHuman
do Programa Espazo Atlántico; así como os proxectos Cross-Border Public
Services e Territorial Impact Assessment for Cross-Border Cooperation do
Programa de Cooperación ESPON 2020.
Ningún comentario:
Publicar un comentario