A Deputación de Pontevedra pecha a liña 2 do Plan Concellos con novas achegas por máis de 1,2 millóns de euros para 23 municipios da provincia
En 2019, un total de 47 concellos se benefician destas partidas para financiar actividades, gastos correntes novos e pagamentos de débedas a acredores e entidades financeiras
A
Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar a
terceira e última relación de subvencións do Plan Concellos 2019
correspondentes á Liña 2
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar a terceira e última relación de subvencións do Plan Concellos 2019 correspondentes á Liña 2 para amortizacións, pagamento de débedas, gastos correntes e actividades, por valor de máis de 1,2 millóns de €. Así, a institución provincial pecha a Liña 2 do Plan Concellos 2019, dotada con 3,9 millóns de €, e pola que este ano se benefician un total de 47 concellos da provincia. "Deste xeito, esta Administración segue garantindo que a maioría dos concellos da provincia poidan sacar adiante os seus proxectos e actividades", explicou a presidenta provincial tras a última Xunta de Goberno.
En concreto, na última relación de municipios figuran 23 concellos: Agolada, Arbo, Covelo, Cuntis, A Estrada, Gondomar, O Grove, Marín, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Trátase de axudas por un valor total de 1.254.731,27 euros. Permitiranlles aos municipios custear os gastos de amortización de débedas e gastos correntes, así como actividades municipais, tales como programacións culturais, obradoiros, actuacións musicais, festas e feiras ou actividades deportivas e educativas.
Coa aprobación destas novas partidas, a Deputación pecha as achegas para a Liña 2 do Plan Concellos, para a que se destinaron 3,9 millóns de euros. Dentro dos investimentos incluídos nesta liña, case 2 millóns de euros destináronse para actividades municipais (deportivas, culturais, sociais, educativas....), 1 millón de euros foi para gastos correntes novos e os demais foron para pagamento de débedas a acredores e a entidades financeiras. "A gran maioría dos investimentos aprobados foron para garantir a realización de actividades de todo tipo por parte dos concellos. Contribuímos así ao bo desenvolvemento das actividades municipais e dos gastos cotiás dos municipios", sinalou Carmela Silva.
Máis polo miúdo, das últimas achegas aprobadas para Liña 2, na comarca de Pontevedra, Cuntis contará con 18.700 euros para actividades deportivas, a Feira Histórica e a elaboración dunha páxina Web. Por un total de 95.000 euros, Marín beneficiarase de achegas para financiar a VIII Carreira +10, a Festa Corsaria e a I Subida Concello de Marín. No caso de Poio serán 27.194,05 euros para a Festa da Ameixa. Unha partida de 23.889,17 euros irá para Vilaboa para distintas actividades culturais e turísticas.
Nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, Agolada contará con 4.920,14 euros para financiar gasto corrente novo e para a XXIII Mostra de Artesanía e Romaría Medieval. A Estrada recibirá un total de 151.069,07 euros para a cabalgata de Reis, Estrada Escena, Rutas BTT e Festa da Bicicleta, Circuíto de Carreiras, Torneos 3x3 San Paio de Tenis, Campus Deportivo de Verán, Feiras Cabalares de Pascua e San Martiño, Ciclo Ruralizarte, XLVI Festa do Salmón e Escolas Deportivas Municipais. No caso de Vila de Cruces, haberá unha achega de 59.900,48 euros para o programa de promoción cultural.
Nas comarcas do Condado-Paradanta, Arbo recibirá 38.636,72 euros para gasto corrente en funcionamento de servizos municipais. Covelo vai percibir un total de 14.507,36 euros para o II Campus Multideporte, a dinamización, mostra e impulso de iniciativas do Concello e para diferentes actividades deportivas. Achegas por valor de 9.460,75 euros serán para Mondariz para financiar festas infantís, o Desafío Mondariz Race e Orienta-Tea. No caso de Mondariz-Balneario as partidas, por un total de 13.002,5 euros, destinaranse á reparación e conservación de pistas polideportivas e á reparación da instalación eléctrica dos xardíns do Gran Hotel.
Na comarca de Vigo, Gondomar percibe un total de 60.030,74 euros para o Ciclo Primavera Musical, XVIII Carreira Pedestre Memorial Manuel Barros, Gondomar á Escena, II Gladiator Kids, Falamos: charlas obradoiro, talleres de ximnasia, de memoria e de informática para maiores, IV Gala do Deporte, Festa da Rosquilla, Cinema na rúa, tobogán de auga e Gondoverán. En Nigrán serán un total de 90.616,81 euros para a Nigrán Paint Party, Entroido Nigrán, Noite de Estrelas-Folk, Orquestra Sinfónica de Acordeóns, Nigrán Jazz, IV Carreira Nocturna, Liga Española Raids, Programa Cultura Urbana, Premios Nigrán 2019, Rock in Patos, Flota como Poidas, Festa San Fiz, Nigrán Area, Festival Vive Nigrán, Noite de Música Clásica, Nigrán Mar de Sabores, III Desafío Triatlón Illas Estelas, Cineforum Val Miñor, Travesía a Nado e Solpor Monteferro. Unha partida de 36.961,06 euros vai para gasto corrente novo en Pazos de Borbén. Achegas por valor de 99.097 euros irán para O Porriño con destino a programas de dinamización de maiores, accións de formación académica a familias en risco de exclusión social, programa de apoio a menores en desvantaxe e para a Semana das Mulleres. Redondela vaise beneficiar dun total de 110.859,19 euros para a recollida de lixo, xestión tributaria e limpeza. Para o funcionamento dos servizos públicos municipais, Salceda de Caselas recibirá un total de 60.947,59 euros.
Na comarca do Salnés, O Grove contará con 64.000 euros para o programa Vellos Tempos, taller de crecemento persoal para a saúde integral, XVII Gala Premios Meca, XXVI Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey, VII Concurso de Pintura Ernesto Godoy, Carreira Popular da Festa do Marisco, a liga de fútbol sala municipal e a Gala do Deporte Meco. Por un importe de 36.500 euros, Vilagarcía de Arousa financiará a limpeza da escola municipal de música e das instalacións deportivas, o proxecto Actívate, campamentos medioambientais, o programa de sensibilización e o programa de promoción e formación para a igualdade e a recuperación persoal dende a perspectiva de xénero. Vilanova de Arousa vai contar con 69.152,74 euros para a Festa do Momo, o servizo de conservación da rede viaria municipal e as Sonatas de Verán.
Na comarca do Morrazo, Moaña recibirá 90.063,70 euros para o servizo de limpeza viaria.
Na comarca do Baixo Miño, Oia vai contar con 23.022,78 euros para a viaxe cultural a Portugal e a limpeza de edificios públicos. Cun importe total de 17.199,42 euros, O Rosal poderá financiar gasto corrente novo e o programa Rumbo ao Emprego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario