18 de feb. de 2019

SALCEDA DE CASELAS

O PLAN REVITALIZA DE COMPOSTAXE IMPLÍCASE NO PROXECTO ‘SEMENTA A TÚA LANDRA’ DO CONCELLO DE SALCEDA DE CASELAS  

· Alumnado de 6º de Primaria do CEP Altamira coida no seu invernadoiro de varios carballos fertilizados con compost que despois serán transplantados a terreos de man común da comunidade de San Xurxo  


Unha mestra composteira observa como o alcalde de Salceda e varios escolares do CEIP Altamira recollen o compost
Fotos: D. PO.

Infogauda / Salceda de Caselas

 O Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación de Pontevedra vén de implicarse no proxecto ‘Sementa a túa landra’ posto en marcha polo Concello de Salceda de Caselas trala vaga de lumes de 2017. Tres mestras composteiras do programa provincial veñen de axudar ao grupo de xardinería do CEIP Altamira proporcionando información sobre a plantación de carballos no invernadoiro do colexio e sobre como deben ser fertilizados concompost para mellorar o seu crecemento. Estas árbores serán levadas no outono a terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de San Xurxo para a súa plantación definitiva, onde tamén se utilizará o substrato dos centros de compostaxe provinciais.  

 O alumnado do de 6º de Primaria do CEP Altamira de Salceda de Caselas leva xa varias semanas recibindo formación do persoal técnico do Revitaliza.  Nun primeiro momento as mestras composteiras do Plan Revitaliza da Deputación (Sara Luque, Esther Valiño e Karina Pereira) explicaron que todos os restos de comida e vexetais transfórmanse nun fertilizante grazas a un proceso de descomposición natural. Logo, as e os escolares comezaron a recoller o lixo orgánico (fundamentalmente os restos das merendas dos recreos) de forma separada para finalmente levar os residuos ao composteiro do propio centro de ensino.   


Unha das mestras composteiras xunto o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada e un alumno do CEIP Altamira

 A segunda parte dos obradoiros que impartiron as mestras composteiras -que incluso contou coa participación do propio alcalde de Salceda, Marcos Besada- estivo centrada na aplicación práctica do compost. De feito, na última xornada de traballo transplantáronse 14 pequenos carballos a macetas utilizando fertilizante natural obtido en diferentes centros de compostaxe comunitaria. Estes carballos serán plantados no outono de forma definitiva nos terreos de man común da comunidade de montes de San Xurxo, que fora moi afectada polos lumes de 2017, e que están próximos a núcleos de vivendas.  

 ‘Sementa a túa landra’ é un proxecto que naceu a raíz da vaga de lumes de 2017 que pretende sensibilizar e actuar en diferentes áreas degradadas traballando en conxunto coas comunidades de montes afectadas. Foi presentado polo Concello ao CEP Altamira co propósito de vencellar aos máis pequenos e pequenas co monte e o medio natural plantando especies autóctonas como o carballo en zonas moi afectadas. Para a plantación inicial escolleuse como lugar o invernadoiro do CEP Altamira, onde o alumnado é o encargado de coidar do viveiro. Grazas ao Plan Revitaliza da Deputación incorporáronse ao proxecto as xornadas sobre compostaxe e sobre economía circular, explicando que os residuos orgánicos poden transformarse nun recurso moi importante para o solo grazas a un proceso natural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario