9 de nov. de 2018

MOBILIDADE

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA LEVA A BARCELONA A REPRESENTANTES DE 12 CONCELLOS DA PROVINCIA NUNHA VIAXE FORMATIVA SOBRE MOBILIDADE   

· A delegación pontevedresa coñecerá o traballo feito para recuperar o espazo público en cidades como Barcelona, Granollers, Terrassa, Sabadell ou Sitges  

· Os participantes asistirán ás xornadas ‘Contorna Urbana e Saúde’ da Deputación de Barcelona, e tamén ao Smart City Expo World Congress, que reúne a expertos internacionais en mobilidade amable  

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra César Mosquera e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez na rolda de prensa de hoxe
Foto: D. PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra, da man do vicepresidente César Mosquera e do deputado de Mobilidade Uxío Benítez, levará a vindeira semana a Barcelona e á súa área metropolitana a representantes de doce concellos da provincia (A Guarda, Cambados, Lalín, O Grove, Ponte Caldelas, Pontevedra, Salceda de Caselas, Silleda, Ribadumia, Valga, Vilaboa e Vilagarcía) nunha viaxe formativa sobre Mobilidade.   

 A Deputación está a traballar nunha Estratexia de Mobilidade 3.0 para facilitar aos concellos da provincia de Pontevedra o deseño de infraestruturas viarias e espazos públicos centradas nas persoas, sostibles, inclusivas e seguras. Ata o de agora, leva desenvolvido unha liña de subvencións económicas para a redacción de Plans de Mobilidade Sustentable á que se acolleron 41 concellos da provincia. Ademais, a institución provincial editou unha ‘Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable’ a nivel práctico que está a ser recoñecida internacionalmente e que supón unha ferramenta excepcional para o traballo do persoal técnico municipal á hora de deseñar o espazo público.  

NA PROCURA DA MOBILIDADE AMABLE

 O departamento dirixido por Benítez, a pesares de que na provincia existen exemplos punteiros, considerou idóneo realizar a viaxe a Barcelona co fin de que os gobernos locais da provincia coñezan outros casos prácticos reais de mobilidade amable, cos seus acertos e erros, que poidan aplicarse no territorio pontevedrés con adaptación ás particularidades propias. Ademais organizouse a asistencia a varias xornadas e congresos que se celebran a vindeira semana na cidade condal.  

 De feito, a viaxe coincidirá coa celebración do Smart City Expo World Congress 2018, un evento internacional sobre cidades intelixentes que cumpre este ano a súa oitava edición baixo o lema  ‘Cidades para vivir’, para subliñar o obxectivo último e común das cidades intelixentes de converterse en lugares máis habitables. O programa do congreso reestrutúrase en cinco eixos: transformación dixital, contorna urbana, mobilidade, gobernanza e finanzas, e cidades inclusivas e compartidas, e abordará temas como o 5 G e o futuro da conectividade, entre outros.  

 Por outra parte, a delegación pontevedresa asistirá a un evento organizado pola Deputación de Barcelona baixo o título ‘Contorna urbana e saúde’, onde o propio César Mosquera está convidado como relator en representación do Concello de Pontevedra para falar de ‘Ideas básicas para a transformación práctica dunha cidade: Pontevedra’. Tamén estarán como relatoras a representante da Fundación Jan Gehl, Jennifer Gardner; ou a responsable de Saúde Pública da cidade de Nova Iorque, Aletha Maybank.   

 Aproveitando estas xornadas, congresos e conferencias (César Mosquera tamén será o protagonista do relatorio ‘Sabadell e Pontevedra. A cidade para as persoas’, no Concello de Sabadell), o departamento de Mobilidade provincial considerou axeitado poñerse en contacto co concello de Barcelona e outros da súa área metropolitana como Granollers, Terrassa ou Sitges, co fin de que a delegación pontevedresa puidese coñecer como desenvolveron os avances de mobilidade en cada vila.   

 Deste xeito, os representantes da Deputación e dos concellos pontevedreses coñecerán con persoal técnico local as ‘superilles’ de Barcelona (que configúranse como unidades urbanas constituídas pola suma de diversas mazás de casas onde se pacifican as rúas para recuperar espazo público para os peóns, limítase o tráfico motorizado e dáse prioridade á mobilidade sustentable e ao espazo compartido, verde e seguro); os plans estratéxicos e de Mobilidade de Granollers e de Terrassa e tamén o fracaso recoñecido na implementación de medidas de recuperación do espazo público levadas adiante polo concello de Sitges. 

 A realización desta viaxe foi comunicada a todos os concellos da provincia de Pontevedra, convidando a Deputación a dúas persoas por concello e facéndose cargo da viaxe e do hotel, así como das visitas aos concellos. Finalmente participarán os alcaldes e alcaldesas de A Guarda, Salceda de Caselas, Cambados e Silleda, así como concelleiros e concelleiras de O Grove, Vilaboa, Lalín, Pontevedra, Ribadumia e Vilagarcía, e técnicos de Vilaboa, Valga, e Ponte Caldelas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario