9 de nov. de 2018

TURISMO

O castelo de Soutomaior entra a formar parte do "Club de Producto Turístico de Grandes Castillos y Palacios de España" 

O deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, participará, o vindeiro 20 de novembro en Madrid, na primeira asemblea do Club

Castelo de Soutomaior
Foto: D. PO.

Infogauda / Soutomaior

 O goberno da Deputación de Pontevedra, que preside Carmela Silva Rego vén de coñecer a resolución positiva do "Club de Producto Turístico de Grandes Castillos y Palacios de España" para que o castelo de Soutomaior forme parte da mesma como socio colaborador. Para Silva, este feito "é unha manifestación máis de que os pasos que seguimos a dar para situar a Soutomaior como un dos grandes referentes turísticos da provincia de Pontevedra están a dar os seus froitos".  

 A presidenta da Deputación amosou a súa satisfacción por este recoñecemento "que converte, máis se cabe, a Soutomaior nun atractivo turístico de primeira orde a nivel estatal". Carmela Silva destacou que "non paramos de impulsar proxectos no Castelo e para o Castelo". Máis polo miúdo, Silva referiuse a que nesta semana se clausuraron as visitas teatralizadas, con todas as prazas esgotadas e case 5.000 persoas en lista de agarda, e vai ter lugar, o vindeiro domingo con motivo do Día Europeo do Enoturismo, unha cata a cegas en colaboración coa Ruta do Viño Rías Baixas que tamén esgotou as cen prazas en canto se ofertaron. 

 Coa resolución favorable do "Club de Producto Turístico de Grandes Castillos y Palacios de España", que impulsa a Secretaría de Estado de Turismo, o castelo de Soutomaior intégrase ademais nas accións de promoción futuras desta oferta turística cultural. Deste xeito, o vindeiro 20 de novembro o deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, participará o vindeiro 20 de novembro en Madrid na primeira asemblea do club que permitirá situar ao recinto histórico pontevedrés ao mesmo nivel de castelos tan coñecidos como o de Peñafiel ou o de Belmonte. 

 Durante a primeira asemblea do "Club de Producto Turístico de Grandes Castillos y Palacios de España", á que asistirá o deputado de Turismo o vindeiro 20 de novembro en Madrid, presentarase a plataforma tecnolóxica a través da cal se porá en valor a rede de castelos pertencente ao club. Ademais, tamén se dará a coñecer o plan de acción para o vindeiro ano, a estratexia promocional da rede de castelos e palacios, a distribución, así como as experiencias desenvolvidas polos castelos e palacios socios.  

 O obxectivo principal deste club turístico consiste en afrontar de xeito coordinado e a nivel estatal a oferta cultural e visitas aos castelos e palacios integrados nel. Así, preténdese configurar un produto turístico tomando como elemento principal os castelos e palacios e, a través deles, amosar a historia aderezada con experiencias turísticas novas e singulares. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario