8 de nov. de 2018

A GUARDA

“A cicatriz branca”, de Margarita Ledo 

Este venres día 9 de novembro, ás 20:30 horas, proxección do filme no Centro Cultural da Guarda 


Infogauda / A Guarda

 A mostra GalizAmérica, que se atopa na sala de exposicións do Centro Cultural da Guarda ata o vindeiro sábado día 10 de novembro, compila materiais que dan conta do florecemento da cultura galega en América e compleméntase coa proxección do filme ‘A cicatriz branca’ de Margarita Ledo, que terá lugar este venres día 9 de novembro ás 20:30 horas no Cultural da Guarda. 

 A mostra GalizAmérica, composta por 13 paneis, vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Bos Aires e Montevideo. Segundo explicou a comisaria Carmen Carreiro, está estruturada en tres grandes apartados. O primeiro relaciona o exilio coa súa causa inmediata, que é a represión. “Sempre se dixo que Galiza foi submisa co franquismo e iso non é certo, o exilio é unha consecuencia da represión e por tanto unha forma de loita” indicou a comisaria. A este apartado corresponden paneis que explican o por que do exilio como punto de partida da mostra, así como a travesía e a viaxe que implicaba, a través dos barcos e dos portos dos que partían, que xusto despois da guerra eran maioritariamente franceses, xa que as persoas exiliadas en moitas ocasións partían de campos de concentración do país veciño. 

 O segundo apartado corresponde ao que Carmen Carreiro denominou “a xenerosidade de América” e céntrase no nacemento dos centros galegos máis importantes de América e a súa función como lugares de espertar e florecemento da conciencia galega. Sobre esta parte da exposición, a comisaria fixo unha reflexión relacionada cos tempos actuais indicando que “nun momento como o actual no que a sombra da xenofobia percorre Europa temos que ter presente a que nos podemos ver abocadas as persoas en situacións extremas, e é importante ter o corazón e a cabeza solidarios”. 

 A terceira parte da mostra corresponde á relación do exilio interior co exilio exterior con especial incidencia “nos programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora e que serían impensables aquí”. Os paneis desta parte recollen fotografías de programas de radio, de xuntanzas e de portadas de libros impulsados pola alianza dos intelectuais exiliados, e procedentes de diferentes campos creativos, como foron Lugrís, Freire, Castelao, Seoane ou Colmeiro.  

Sobre o filme ‘A cicatriz branca’ 

 A propia Margarita Ledo explicaba que “é un filme de xénero, feminista pero que se grava integramente e por primeira vez na diáspora e en lingua galega”. O filme foi escollido precisamente para abordar a dimensión feminina e darlle voz ás mulleres da emigración. “Hai moito sobre a emigración contado en masculino pero moi poucas veces se lles dá voz ás mulleres, que en moitos casos emigraron soas, e que sufriron acoso sexual ou tiñan que emigrar vítimas de estigmas sociais como ser filla dun cura” asegurou Margarita Ledo. 

 A cineasta tamén será a encargada da conferencia que complementará a mostra ao seu paso por Poio e que leva por título ‘Recuperar a fala, recuperar a alma e na que utilizará como fío condutor o seu documentario ‘Apuntamentos para un filme’. Este documentario nacera como un traballo previo e de documentación para a posterior realización de ‘A cicatriz branca’ e recolle as conversas coas mulleres da diáspora que compartiron a súa experiencia coa cineasta e que a quixeron relatar para deixar constancia. 

AXENDA:

 Venres 9 de novembro: proxección do filme ‘A cicatriz branca’ ás 20:30 horas, no Centro Cultural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario