8 de nov. de 2018

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

CULTURA

O ESCRITOR E POETA FRANCISCO ÁLVAREZ (KOKI), PRESENTA TRES LIBROS 

· Unha nova edición do libro de contos "Un neno na emigración" (publicado en tres idiomas: galego, castelán e inglés)o libro de contos "Vasoiras Barreiro" e o poemario "A memoria das palabras"


Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

 A Casa Cultural da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común da parroquia de Camposancos - sita na Rúa Outeiro, 40 - A - acolle unha vez máis un acto cultural. Nesta ocasión o convidado será o escritor, poeta e xornalista Francisco Álvarez Álvarez (Koki), que presentará tres dos seus traballos literarios, publicados recentemente por Edicions Fervenza: Unha nova edición do libro de contos "Un neno na emigración" (en edición trilingüe: galego, castelán e inglés), con ilustracións de Marta Iglesias; o conto infantil "Vasoiras Barreiro" (tamén en edición trilingüe: galego, castelán e inglés), con ilustracións do artista guardés Antonio Martínez (Cachi) e o poemario "A memoria das palabras", con portada de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao.

  Koki estará acompañado polo ilustrador Antonio Martínez Martínez (Cachi), autor dos dibuxos do libro "Vasoiras Barreiro".

"Un neno na emigración" ten como protagonista a Breogán, é un neno de tres anos que naceu en Galicia e que, por circunstancias da vida acabará vivindo en New York, onde terá que adaptarse a un novo lugar e a novos amigos, cada un dun país distinto. Nese periplo coñecerá moitas cousas novas pero tamén recordará con morriña a súa vida xunto aos seus avós en Galicia, coas vacas, os porcos e as ovellas. Un neno na emigración e da emigración feliz por coñecer novas culturas sen esquecer a súa propia. 

 "Vasoiras Barreiro", é un tándem infantil de tres nenos que fan un soño real, como nas películas de aventuras que ollan na televisión. Migración dos máis necesitados, bancos que estafan á xente. Ladróns sen conciencia que non contan coa inxenua xustiza de tres nenos que non teñen outro interés que un mundo mellor. Unha vasoira que barre todo e un motor Barreiro, o mellor motor do mundo, que chega ata o ceo e convirte un soño nunha realidade.

 "A memoria das palabras" é un poemario en galego que une o New York emigrante e a memoria da  localidade natal do poeta: A Guarda.
 Melancólicos, vibrantes e doridos, os versos de "A memoria das palabras" son o fío de Ariadna que une dous espazos e dous tempos: o New York emigrante no que o autor ten vivido tantos anos, dunha banda, e a memoria da Guarda orixinaria e fundante, doutra. Da colisión de ambas as dúas galaxias xorde o xenuíno cosmos poético que Francisco Álvarez alenta nestas páxinas.

O autor 

 Francisco Álvarez Álvarez, “Koki” (Estivada (Salcidos) A Guarda, 1957). Escritor galego que reside en New York desde 1984, é tamén animador cultural, tanto en galego como en castelán. En New York funda o colectivo Celso Emilio Ferreiro mostrando a cultura galega en diversos eventos que organiza. Cofundador e director da colección Nueva poesía de Ediciones Moria.

 Durante algúns anos é representante da Unesco de Galicia na ONU. Tamén foi correspondente de “A Peneira” e agora colaborador de “A Nova Peneira”. 

 Publicou libros de poemas en galego: Lexanías (1980),  Maruxía (1989), Máis aló de Fisterre (1991), Alén da fronteira (1999) e Para abril e amantes (2003). 

 En narrativa, publicou Ratas en Manhattan (2007), Un neno na emigración (2014), reeditado en 2018.

 En poesía en castelán, publicou, entre outros títulos, Poemas del verbo amar (1981), Soliloquios del silencio (1982), Para el amor pido la palabra (1987) Sombra de luna (1990), Desde la otra orilla (1994), Entre dos aguas (1995), Entre tu cuerpo y mi cuerpo (1996) - en 2007 publicou unha antoloxía amorosa con ese mesmo título -,  e Erótica… dos (2017). 

 Coordinou a antoloxía de poetas hispanos Al fin de siglo 20 poetas (1999) e tamén o libro Piel palabra, poetas españoles en Nova Iorque (2003). As últimas antoloxías nas que foi catalogado son Miradas de Nueva York de Juan Luís Tapia (El Vigía, 2000) e Geometría y Angustia de Julio Neira (Fundación José Manuel Lara Sevilla, 2013). 

 Participou en varias obras colectivas, como Homenaxe poética ao trobador Xohan de Requeixo (2003), A Coruña á luz das letras (2008), En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova (2010), Vivir un soño repetido. Homenaxe a Lois Pereiro (2011), A cidade na poesía galega do século XXI (2012), e 150 Cantares para Rosalía de Castro (2015).

 En castelán colaborou en varias obras colectivas, entre elas Nueva York en nueve poetas (1999), Doce poetas entre rascacielos (2000), Miradas de Nueva York (2000), Seis narradores en Nueva York (2006).

 Colaborou en varias publicacions literarias de New York, América Latina e Galicia, así como en numerosos libros colectivos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario