31 de out. de 2018

SANIDADE

AS TRABALLADORAS/ES DOS PUNTOS DE ATENCIÓN CONTINUADA (PAC) DENUNCIAN AS CONDICIÓNS LABORAIS NA EOXI DE VIGO 


 Con data do 30 de Outubro do ano en curso publícase nun diario de gran tirada na área de Vigo a seguinte nova: “O Sergas pide médicos voluntarios para as urxencias extrahospitalarias”. Non é unha situación nova nin inesperada e parece que, por fin, a Consellería propuxo acabar con ela ofrecendo traballo a gardas de modo voluntario a uns traballadores/as xa de por si saturados/as e esgotados/as. Iso si, como se puntualiza na propia nova, “o servizo sería retribuído”. Esta obviedade quizais ven a conto porque alguén esqueceu, sen dúbida, que traballar a cambio de nada no noso caso e en moitos outros é unha labor que se adoita realizar a través das ONG, e que non está recollida como tal en ningún dos nosos contratos actuais. Realizamos un labor no que a vocación xoga un papel moi importante. Sen vocación non poderíamos sacar todo este traballo adiante, pero lamentablemente só a vocación non nos dá de comer nin paga as nosas facturas. A todo chegaremos.  

 Mentres esta oferta de voluntariedade se resolve, mentres o Sergas agarda que uns traballadores/as exhaustos/as poñan o seu tempo, o seu traballo e en definitiva a súa vida ao servizo do sistema a cambio dun salario pequeno e cunhas condicións laborais extremas pola súa dureza, séguense a producir descubertos nos servizos que é necesario solucionar. Advírtennos de que un 15% do cadro de persoal está en situación de incapacidade temporal e non sería estraño pensar que nos próximos días esta proporción puidera aumentar pola presión á que a EOXI de Vigo está sometendo os seus traballadores/as. 

 Na práctica suspendéronse case todos os permisos. Como médico/a de familia e traballador/a nun PAC da área é moi difícil poder acollerse a una redución de xornada por coidado de fillo/a a cargo ou persoa dependente. É unha lotería poder gozar dun día de libre disposición aos que por lei temos dereito. É un senvivir planificar unha viaxe en vacacións porque quizais a última hora aparezan como “denegadas”. A última volta de torca é a de obrigar os facultativos/as a realizar xornadas de 17 ou 24 horas nos seus períodos de descanso e avisando con moi pouco tempo de antelación. Esta semana unha compañeira con dous fillos/as menores a cargo viuse obrigada “por necesidades do servizo” a realizar una xornada de 65 horas nunha semana, a maioría delas en tramo nocturno e festivo. Sen posibilidade de réplica. Sen planificación previa. E non é unha excepción, desgraciadamente é a tónica das últimas semanas. Obrigados/as a traballar sobrepasados de horas, extenuados/as, cunha responsabilidade tremenda en dispositivos que soportan una presión asistencial que supera con moito o razoábel.  

 O Sergas busca médicos/as voluntarios/as para o PAC á vez que maltrata os poucos/as que aínda ten: soldos conxelados desde o ano 2010, cómputo horario que obriga a “recuperar” parte das horas que non se traballaron por estar de baixa, dietas insuficientes para comer ou cear durante una garda, uniformes inadecuados, posibilidade de aumento de xornada en calquera momento e unha negociación de 10 meses coa Consellería para resolver estes puntos que, por estéril, desenvocou nunha folga. Mentres tanto, despreza absolutamente a labor, tempo de descanso e vida familiar dos seus traballadores/as, o que inflúe directa e negativamente na calidade da asistencia: desprezando aos traballadores/as dos PAC o Sergas está a desprezar o usuario/a destes servizos.  

 Os traballadores/as dos PAC aínda estamos dispostos/as a negociar. Podemos aportar ideas e temos vontade de arranxar a situación dunha maneira sensata, deixando de lado a improvisación, as imposicións e retomando a vía do respecto e do diálogo. Agardamos que cando isto suceda non sexa demasiado tarde. O inverno só acaba de comezar e habitualmente en Galiza adoita ser moi duro.

  En Vigo, a 31 de outubro de 2018

Atentamente, os traballadores dos PAC da EOXI de Vigo.

(R.)

Nota da Redacción de Infogauda:

 A nota que reproducimos está asinada por 55 persoas (médicas/os de Familia e enfermeiras/os, dos PAC de Vigo, Tui, A Guarda, O Porriño, Ponteareas, Terra de Montes - Cerdedo, A Cañiza, Redondela e Cangas do Morrazo), cos seus correspondentes nomes, apelidos, categoría profisional e número de D. I., que omitimos voluntariamente. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario