26 de out. de 2018

MADRID

CULTURA

MARCELINO AGÍS: “A FILOSOFÍA INTERESA AO GRAN PÚBLICO SE SE ACERTA NA MANEIRA DE TRANSMITILA”  

Presentou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a obra “La historia de la Filosofía -como nunca te la habían contado-”, editada por Hércules de Ediciones 

Marcelino  Agís, Manuel Maceiras, José Ramón *Ónega, Tomás Domingo e Laura Rodríguez, durante a presentación
Fotos: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 O recoñecido filósofo pontevedrés Marcelino Agís Villaverde, autor do libro “La historia da Filosofía -como nunca te la habían contado-”, editado por Hércules de Ediciones, participou onte xoves día 25 de outubro, na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia na presentación desta obra que ofrece unha visión panorámica e amena da Filosofía.  

 O filósofo, catedrático e decano da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) estivo acompañado por Manuel Maceiras Fafián, catedrático de Filosofía (emérito) da Universidade Complutense de Madrid; Tomás Domingo Moratalla, profesor de Filosofía da UNED de Madrid, Laura Rodríguez Herrera, editora da obra, e José Ramón Ónega, delegado da Xunta e director da Casa de Galicia.  

 Ónega sinalou que, "como explica o autor na introdución, trátase dun libro no que, co seu estilo propio e persoal de historiar a Filosofía, ´ destripa´ a alma dos filósofos para extraer as súas ideas e conceptos máis relevantes". “Este libro é unha delicia, empeza un a ler e non pode deixalo”, afirmou, apreciando ademais que “a Filosofía é a nai do saber. Grazas á Filosofía o home -os homes- recobramos a orixe, a vocación e a alma”. 

Un momento da presentación do libro “La historia da Filosofía -como nunca te la habían contado-”

 Durante a presentación, o autor destacou a “responsabilidade dos que nos dedicamos á Filosofía non só de investigar e participar na docencia, senón tamén de divulgar e achegala ao gran público”. Así, manifestou que o feito filosófico interesa se se acerta coa maneira de transmitilo: “Proba diso é que a primeira edición do libro esgotouse en apenas dous meses e medio”. Neste sentido, sinalou que non é unha ciencia desconectada da realidade: “Nós na vida cotiá reflexionamos e tomamos decisións, afrontamos dilemas; e isto é o que fixeron os grandes autores”.  

 En relación á recente aprobación por unanimidade da Comisión de Educación do Congreso dunha proposición non de lei para reintroducir a Filosofía como materia obrigatoria na ESO e o bacharelato, Agís Villaverde sinalou que é unha boa noticia que nos permite ser optimistas e pensar que camiñamos na boa dirección xa que “temos a responsabilidade de facer presente a Filosofía na vida cultural, pública e institucional e comprender que non podemos privar aos nosos estudantes do coñecemento desta materia”.  

 Pola súa banda, a editora, Laura Rodríguez Herrera, explicou que “La historia de la Filosofía -como nunca cha contaron- é o primeiro lanzamento da colección Bibliodidáctica, na que Hércules de Ediciones –coa coordinación da catedrática da USC Blanca Roig Rechou– quere reunir títulos que sexan de interese do público en xeral, pero tamén do mediador no ensino, para que conte con recursos que lle permitan facer o seu traballo dunha maneira máis eficaz e atractiva para o alumnado. “De feito, xa son varios os centros de educación secundaria que recomendaron o libro que hoxe presentamos aos seus estudantes. Estamos moi contentos coa súa repercusión e xa estamos a preparar o segundo volume da colección, que versará sobre literatura”, explicou.  

 Tomás Domingo Moratalla, profesor de Filosofía da UNED de Madrid, sinalou que a historia da Filosofía de Marcelino Agís é “unha historia da Filosofía próxima á vida, a vida de cada un desde a propia vida, na que nós somos os protagonistas, chea de rigor e ao mesmo tempo de proximidade”. Así mesmo, cualificou a obra como un “traballo importante e necesario, nun momento no que a Filosofía regresa ao bacharelato e necesitamos formulacións distintas, áxiles e vivos como este que temos entre mans”.  

 Por último, Manuel Maceiras, catedrático de Filosofía (emérito) da Universidade Complutense de Madrid, fixo fincapé na traxectoria vital e formativa de Agís Villaverde, destacando a súa relación co filósofo Paul Ricoeur. Así, segundo Maceiras, Agís continuou nos anos 90 o labor que el mesmo iniciara nos anos 60 como introductor do pensamento de Ricoeur en España.  

 Sobre o libro 

 En “La historia de la Filosofía -como nunca te la habían contado-”, Agís fai un percorrido atractivo e ameno da obra e tamén da azarosa vida dos principais filósofos. A tese que defende con esta obra é que “todos somos uns pouco filósofos e é precisamente o pensamento o que nos iguala e fainos autenticamente humanos, autenticamente libres”. 

 Con apartados tan suxestivos como “Aristóteles, la estrella que ha nacido”, “Descartes: el filósofo que murió de frío” ou “David Hume: historia de un fracasado”, afronta a tarefa de contribuír a achegar a Filosofía ao gran público, abordando a historia desta disciplina cun estilo propio e moi persoal.  

 O autor: Marcelino Agís Villaverde 

 O autor —una das figuras máis brillantes da Filosofía en Galicia— é catedrático e actual decano da Facultade de Filosofía da USC e Titor da UNED en Pontevedra. Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, pola USC, cursou estudos de posgrao en París e Chicago con Paul Ricoeur entre 1989 e 1990, que deixaron fonda pegada na súa formación e é Doutor en Filosofía pola USC. É profesor convidado en universidades de Europa, América e Xapón e os seus libros e artigos traducíronse ao inglés, francés, portugués, ruso ou xaponés, entre outras linguas. Entre os seus cargos, está o de presidente da Sociedade Interuniversitaria de Filosofía ( SIFA), de Galicia Milenio: Foro de Pensamento e Opinión, e da Sociedade Galega de Estudos Nipóns (SENI). Recibiu o premio de ensaio “Manuel Murguía” da Deputación da Coruña en 2015; de Investigación en Humanidades “Concepción Arenal”, do Concello de Ferrol e da Universidade da Coruña en 2016. É membro da Academia de Ciências de Lisboa (sección Letras) e vicepresidente da Academia Xacobea. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario