26 de out. de 2018

A GUARDA

GalizAmérica: A memoria do exilio exterior e interior o longo da dictadura franquista

· A Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda acolle ata o 10 de novembro a exposición GalizAmérica, unha mostra que amosa o florecemento da cultura galega en América e compleméntase coa proxección do filme ‘A cicatriz branca’ de Margarita Ledo.  

Apertura da exposición GalizAmerica
Fotos: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 Na noitiña do pasado xoves día 25 de outubro o Centro Cultural de A Guarda acolleu o acto de inauguración da mostra GalizAmerica, que contou coa presenza do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal Fariña, do alcalde da localidade, Antonio Lomba Baz, a concelleira de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez e dos comisarios Carmen Carreiro e Ramón Nicolás.  

Autoridades e público, ollando os paneis o tempo que Ramón Nicolás ía informando do contido de exposición

 Esta exposición, de carácter itinerante, forma parte do programa de actividades do Ano da Lingua da Deputación de Pontevedra e fai un percorrido pola evolución da lingua e da cultura galegas no exilio durante os anos da ditadura. 

 O alcalde Antonio Lomba Baz agradeceu a Diputación de Pontevedra que A Guarda poida contar con exposicións como esta, e ofreceu a colaboura do concello para este tipo de iniciativas. Asemade fixo dúas reflexions: Unha de plena actualidade como é a fuxida de moitas persoas dos seus países de orixe na procura de un futuro mellor para elas e seus familiares, algo do que, como se pode ollar nesta exposición, xa temos experiencia os galegos. E por outra parte, a involución que a guerra civil española conlevou, motivo polo que moitos intelectuais tiveron que exiliarse noutros países, que no caso dos galegos, optaron por irse para diferentes países de América. Son, na opinión do alcalde, dous temas que ollando esta exposición, nos motivan a reflexionar.

 Na súa intervención, Xosé Leal fixo especial fincapé en que “grazas a esta iniciativa podemos amosar por varios puntos da provincia todo o traballo que realizaron os intelectuais galegos exiliados, e o seu esforzo por manter vivo o facho da nosa cultura e da nosa lingua”. O deputado nacionalista tamén se referiu a “eses anos escuros da nosa historia, que foron os do fascismo, e que obrigaron a moitas persoas comprometidas coa democracia e coa liberdade a seguir loitando lonxe das nosas fronteiras pero sempre coa patria e a cultura de noso como guía”. 

Ramón Nicolás, presentando os ponentes
Mónica Rebolo e Phillip Duncan Webb

 Tras o acto de apertura - no que Ramón Nicolás fixo un resumo do contido dos paneis expostos, e salientou que sería bon que o público, en xeral, máis sobor de todo o alumnado dos centros educativos visitasen esta exposición - autoridades, comisarios, ponentes e público pasaron o salón de actos do Centro Cultural onde o profesor, crítico literario e escritor, Ramón Nicolás presentou ás persoas que deseguido ofreceron as súas respectivas micro conferencias. Tamén relembrou que fai uns 12 anos, estivo neste mesmo lugar, con motivo da presentación, xunto co académico Xesús Alonso Montero, de un libro de poemas [Confíteor], de Xosé Carlos Gómez Alfaro.  

 A primeira das intervencións foi a cargo de Phillip Duncan Webb baixo o epígrafe Entre Vigo e Asunción: Avelino Rodríguez Elías no exilio (1936-1958)’, e a segunda a cargo de Mónica Rebolo, titulada ‘Sempre en Galicia, a voz dos galegos no Río da Plata’. 

 Esta exposición, ademais da información e da documentación que recolle nos paneis, tamén se complementa con conferencias e coa proxección do filme ‘A cicatriz branca’ de Margarita Ledo. 

 A proxección do filme está prevista para o xoves 9 de novembro ás 20:30 horas no mesmo Centro Cultural.

 GalizAmerica está composta por 13 paneis no que o visitante vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Bos Aires e Montevideo. Está estruturada en tres grandes apartados: o primeiro versa sobre a represión, atendendo a como se relaciona o exilio coa súa causa máis inmediata. A este apartado corresponden os paneis que explican o por que do exilio como punto de partida da mostra, así como a travesía e a viaxe que implicaba, a través dos barcos e dos portos dos que partían, que xusto despois da guerra eran maioritariamente franceses, xa que as persoas exiliadas en moitas ocasións partían de campos de concentración do país veciño. 

 O segundo apartado céntrase no nacemento dos centros galegos máis importantes de América e a súa función como lugares de espertar e florecemento da conciencia galega. Mentres que a terceira parte da mostra corresponde á relación do exilio interior co exilio exterior con especial incidencia en programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora. Os paneis desta parte recollen fotografías de programas de radio, de xuntanzas e de portadas de libros impulsados pola alianza dos intelectuais exiliados, e procedentes de diferentes campos creativos, como foron Lugrís, Freire, Castelao, Seoane ou Colmeiro. 


  Hai que lembrar que esta exposición, comisariada por Carmen Carreiro e por Ramón Nicolás, iniciou a súa andaina pola provincia no concello de O Grove, continuou por Gondomar, e tras pasar por A Guarda, seguirá por Redondela, onde permanecerá do 15 de novembro ao 2 de decembro, e rematará en Poio, onde estará do 5 ao 23 de decembro. 

AXENDA

 O horario de visita de GalizAmerica na Guarda é de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 de luns a venres, e de 10:00 a 13:00 os sábados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario