11 de out. de 2018

A GUARDA

CULTURA

José Ángel Gándara presentou o seu libro «Colón: rumbo a las Yndias» 

· Unha publicación moi interesante que realza ainda máis á multipremiada colección de filatelia temática colombina do seu autor

De esq. a der.: Celso R. Fariñas, José Ángel Gándara Rodríguez, Antonio Lomba Baz e Antonio Cid Vázquez
Fotos: Infogauda

Infogauda / A Guarda

 Na tardiña de onte, mércores día 10 de outubro a Casa dos Alonso acolleu a presentación do libro «Colón: rumbo a las Yndias» da autoría de José Ángel Gándara Rodríguez, emprendedor, deportista,..., e sobor de todo, activo filatélico guardés. 

 O acto contou coas intervencións  do coordinador do libro, Celso R. Fariñas; do autor, José Ángel Gándara Rodríguez; do alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e do tudense experto no Colón Galego, Antonio Cid Vázquez. 

Vista parcial do público que asistiu á presentación do libro de José Ángel Gándara Rodríguez

 Máis de medio centenar de persoas asistiron a esta presentación na que o autor explicou aos presentes a importancia e o funcionamento dunha colección filatélica sobre unha temática concreta coma é o caso da súa colección «Colón: rumbo a las Yndias», recollida nesta publicación, e que a amosa tal e como se pode observar nas diferentes exposicións nas que ten participado a nivel nacional e internacional, acadando importantes éxitos que se recollen no seu amplo palmarés, destacando coma Mellor Colección Filatélica de España no ano 2006; Medalla de Ouro na Exposición Mundial de Brasil no ano 2017; ou a dobre Mellor Colección Temática en exposicións nacionais de «EXFILNA».  

 O libro tamén recolle varias crónicas publicadas en prensa, fotografías de trofeos, medallas e diplomas acadados pola colección ao longo da súa historia, que comezou, segundo relata José Ángel Gándara, no ano 1987, cando comezou a xuntar selos sobre a temática colombina, e oficialmente no ano 1994, cando iniciou a colección como tal.  

 O libro conta con numerosos artigos sobre filatelia xa publicados acerca do tema colombino e tamén sobre o Colón Gallego, contando coas aportacións sobre esta temática do tudense Antonio Cid.  

 Para José Ángel Gándara Rodríguez, que evocou a seu mentor na filatelia temática, Juan Álvarez Sobrino (socio cofundador da Sociedade Filatélica e Numismástica Guardesa (SFeNG), ex secretario, ex presidente e Presidente de Honra, Medalla de Ouro o Mérito Filatélico da SFeNG e do máximo galardón de FEGASOFI, Diploma, Medalla e Insignia de Ouro o Mérito Filatélico de FEGASOFI, finado o 24 de febreiro de 2011); o libro ten o obxectivo de dar a coñecer ao público o que é realmente unha colección filatélica e, neste caso, unha colección filatélica temática, que non só se trata de xuntar selos, senón que leva consigo unha parte de documentación que conta a historia ilustrada con diverso material filatélico. 

 Tal e como manifestou neste acto de presentación, esta colección e un traballo do día a día, da busca de novas aportacións, documentación, estudo... ao longo de máis de 20 anos.  

 O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, deu seus parabéns a José Ángel Gándara, por ter logrado levar o nome da Guarda polo mundo adiante a través desta importante colección filatélica, valorando ademais o apoio recibido dende diferentes colectivos e particulares coma InfoMAXE, o Instituto de Estudos Miñorans (IEM), a Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI) ou a Asociación Cultural de Embarcacions Tradicionais Piueiro, para que esta publicación saíse á luz, un traballo que implicou a moita xente.  

ANTONIO CID VÁZQUEZ CONVIDA ÁS INSTITUCIONS A REIVINDICAR Á ORIXE GALEGA DE CRISTÓBAL COLÓN

 Pola súa parte, Antonio Cid Vázquez, comezou súa intervención felicitando a José Ángel Gándara Rodríguez pola súa colección filatélica de temática colombina, e afirmou que viu á Guarda, convidado por Joaquín Cadilla Castro e Celso R. Fariñas, presidente e secretario, respectivamente, da Asociación Piueiro.

 Cid Vázquez afirmou que "(...) co gallo do 400 aniversario do Descobremento de América, a reivindicación do Colón español comezou a ter moita forza, e posteriormente a teoría da orixe galega de Cristóbal Colón (...)".

 "O 12 de outubro de 1492, Cristóbal Colón chega a unha illa do Caribe, en dúas carabelas "Pinta" e "Niña", unha nao capitana da expedición, a "Santa María", tamén chamada "Gallega".

 Constitúe o feito máis importante da humanidade despois da creación das dúas relixions monoteístas, que crearon a Xesús de Nazaret e Mahoma.

 Este acontecemento puxo punto final a Idade Media e comeza a Edade Moderna. O novo continente mudará para sempre, o mundo tal cal era, comeza o proceso de globalización que ainda hoxe perdura (...)", dixo Antonio Cid Vázquez.

 Na súa amena disertación Cid Vázquez salientou que "(...) este descobremento débese sobor de todo a proeza, visión e perseverancia de un navegante do renacemento, Cristóbal Colón de Fonterosa (...)".

 Cid Vázquez afirmou que "(...) de tódolos países que recramaron a patria de Colón, unha das teorías máis perfectas, coherentes e con máis probas irrefutables é a da Patria Galega (...)".

 Citando a Celso García de la Riega, afirmou que "(...) a comezos do século XX expuxo unha teoría compacta, seria, moi ampla e con grandes aportacions que preparou desde finais do século XIX. A mesma foi rexeitada por un único documento que se lle facilitara o Sr. de la Riega e que posiblemente estaba manipulado (...)".

 Salientou "(...) a gran documentación existente nos arquivos do Mosteiro de Poio, así como documentos do século XVII do rexistro municipal de Pontevedra (...)".

 Tamén se referiu "(...) o legado - unha vivenda - da familia Colón en Poio (...)" e que "(...)a "Santa María" foi construída posiblemente nun estaleiro da Ría de Pontevedra (...)", e mesmo apuntou que "(...) Juan de la Cosa, estivese viviendo en Pontevedra (...)".

 Dixo tamén que "(...) o primeiro nome que puxo Colón a illa que divisou Rodrigo de Triana foi San Salvador, que ten relación coa parroquia de Divino Salvador de Poio.  

 Despois descobre unha nova illa a cal lle pón de nome Nuestra Señora de la Concepción, patroa de Poio (...)".

 Para Cid Vázquez, "(...) o feito de poñer eses dous nomes aos dous primeiros descubrimentos, é un feito que marca a importancia dos nomes en momento tan especial e importante (...)".

 A eses dous nomes seguen máis de cen nomes que fixa o almirante na súa primeira viaxe, cabos, baías, montañas, ríos, etc., todos eles topónimos ubicados nas rías de Pontevedra e de Vigo.

 É incuestionable que Colón coñecía á perfección as rías e mares galegos, pois é unha constante nos seus catro viaxes o bautizar non nomes galegos os que vai fixando no Novo Mundo (...)".

 Sobor da ocultación intencionada da orixe de Colón no seu diario de a bordo, Cid Vázquez deu as craves: "(...) porque Colón é galego i é un noble que participou na guerra civil de Castella, apoiando a Juana la Beltraneja, en contra da vencedora Isabel de Castela. Con esta guerra de sucesión, comeza nos seguintes séculos a doma e castración de Galicia e o comezo dos séculos escuros (...)".

 Cid Vázquez tamén citou "(...) a teoría de Alfonso Philipot, quen logo de moitos anos de investigación chega a conclusión de que Colón é Pedro Álvarez de Soutomaior, tamén coñecido como Pedro Madruga (...)".

 En todo caso, Antonio Cid Vázquez propuxo "(...) que desde os concellos e outras institucions se reivindique á orixe galega de Cristóbal Colón (...)". 


José Ángel Gándara Rodríguez asinando exemplares do seu libro, en presenza de súa nai
A nai de José Ángel Gándara Rodríguez felicitando á seu fillo previamente a sinatura do seu exemplar

 A presentación do libro remataría co agasallo de un exemplar a cada persoa que asistiu a ese acto cultural, e coa sinatura a quen así o desexou, por parte do autor.

 Dende a Concellería de Cultura convídase a toda a cidadanía guardesa a coñecer o libro deste coleccionista filatélico guardés, financiado polo Concello da Guarda, e a asistir a XXXVI exposición filatélica e a XXII EXFIMIÑO, que se celebra do 11 ao 17 de outubro na Casa dos Alonso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario