26 de nov. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN

“Non deixes que o Guardés remate”: O Guardés alíase con Terra Move para financiar a súa participación en Europa 

O equipo baixomiñoto lanza unha campaña de captación de fondos solidarios a través da nova plataforma impulsada pola Xunta de Galicia e a Fundación Amare Terra 

Afeccionados e empresas poden colaborar a través de doazóns que desgravarán ata o 80% na declaración da renda 

“Non deixes que o Guardés remate” é o lema dunha campaña enfocada a financiar a participación do Club en Europa, pero tamén a asegurar a persistencia do proxecto a longo prazo 

Pódese doar xa na ligazón correspondente á campaña 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés busca apoiarse nos seus seguidores para asegurar a súa continuidade en Europa. A través da nova plataforma de mecenado Terra Move, o Club lanzou a campaña “Non deixes que o Guardés remate” para financiar, grazas a doazóns de empresas e particulares que percibirán vantaxes fiscais, a súa participación na EHF European Cup esta tempada e asegurar igualmente a estabilidade económica do seu proxecto deportivo a longo prazo. 

 O equipo baixomiñoto, segundo asegurou a súa directiva en múltiples ocasións, atravesa esta tempada dificultades económicas importantes. Antes do seu comezo, a incapacidade de asumir o custo da praza xa o levou a renunciar ao posto que lle correspondía por méritos deportivos na EHF European Cup, competición superior á European Cup na que finalmente decidiu participar. E este mes de novembro, ademais, na súa experiencia nesta última, debeu desistir tamén do seu dereito a xogar un dos dous encontros da eliminatoria de terceira rolda como anfitrión na Sangriña para aforrar parte dos elevados custos da viaxe a Bulgaria. 

 O próximo envite desta copa europea será a finais de xaneiro, de novo a dobre partido contra o Handball Erice italiano. Ao Guardés correspóndelle o posto de local no primeiro deles, e o Club puido confirmar xa, grazas a un esforzo económico notable, que acollerá o partido de ida destes oitavos de final na Sangriña previsiblemente o 17 de xaneiro; se ben a viaxe a Sicilia para xogar o encontro definitorio prevese custosa. Ante a situación xeral, e perseguindo o desexo de compartir o soño europeo coa súa afección na casa, a entidade baixomiñota busca saír adiante da man dunha nova iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia. 

 Hai uns meses, o Goberno autonómico anunciaba da man da Fundación Amare Terra o lanzamento da plataforma solidaria e sen ánimo de lucro Terra Move. Trátase dunha ferramenta dixital destinada á creación de campañas de recadación de fondos para causas e asociacións deportivas, e na que o Mecalia Atlético Guardés atopou o xeito de financiar a súa continuidade na mencionada competición europea. Baixo o lema “Non deixes que o Guardés remate”, que apela tamén á supervivencia do Club baixomiñoto a longo prazo, a entidade iniciou unha campaña nesta web na que tanto afeccionados particulares como empresas poden colaborar a cambio de distintos beneficios fiscais. 

Como funciona? Basta con entrar na campaña do Guardés na seguinte ligazón: (https://www.amareterra.org/terramove/0e002f95-794a-4794-8da5-640be023d3b7) e facer clic en “doar agora”, onde se poderá escoller a cantidade a doar. 

 No caso de particulares, as doazóns de ata 250 euros desgravarán o 80% do seu IRPF na vindeira declaración da renda; cifra que se reduce ao 40% no caso das doazóns de máis de 250 euros, co límite máximo fixado no 10% da base liquidable deste imposto para as persoas físicas. É dicir: se un afeccionado realiza unha doazón de 250 euros antes de que remate este ano 2025, na próxima declaración da renda devolveránselle 200 euros.  No caso das empresas e autónomos ou persoas xurídicas, tamén é posible obter vantaxes a través do Imposto de Sociedades (IS). Calquera doazón realizada por elas a partir de 1 euro desgravará o 40%, cun límite máximo fixado no 15% da base impoñible do IS. 

 É importante destacar que, en ambos casos, o Club recibirá o importe íntegro da doazón ao instante, posto que son a Xunta de Galicia e a propia Fundación Amare Terra as que financian estes incentivos fiscais. O diñeiro aportado tanto por seguidores como por empresas irá destinado por completo ao Guardés, o que converte a Terra Move nunha ferramenta de apoio directo ao equipo por parte de todos os interesados na súa persistencia na EHF European Cup. 

 Ademais, o Mecalia Atlético Guardés lanza esta campaña como unha chamada de axuda a toda a súa afección: alén da súa participación en Europa este curso, o equipo baixomiñoto atópase nun momento a nivel económico crítico para a súa supervivencia na elite a longo prazo, que só poderá superar coa implicación da comunidade para a que leva sendo un orgullo dende hai case seis décadas. 

 Por todo iso, o Club insta á colaboración e a que, coa axuda de todos, non deixemos que o Guardés remate.

Ningún comentario:

Publicar un comentario