España 50 anos en Liberdade
A represión franquista sobre as mulleres da provincia de Pontevedra protagoniza un ciclo de conferencias
A Subdelegación do Goberno e o Comisionado para celebrar os 50 anos de España en Liberdade levan o ciclo a Pontevedra, A Guarda e Vilagarcía
Redondela acollerá o próximo día 9 de decembro a representación da obra teatral “As alumnas”
Infogauda / Pontevedra
A Subdelegación do Goberno, coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade, organiza un ciclo de conferencias na que se abordará a represión franquista exercida sobre as mulleres da provincia de Pontevedra. O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo, Xulio Prada Rodríguez, será o encargado de ofrecelas.
A primeira cita é este venres, día 28, ás 19.00 horas na Subdelegación do Goberno, en Pontevedra. Ao día seguinte, sábado, será na Casa de Montes de Camposancos (A Guarda), a partir das 12.00 horas, en colaboración coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e a fosa común de Sestás. O calendario pecharase o venres, 5 de decembro, na Sala de Conferencias do Auditorio de Vilagarcía, ás 19.30 horas. Colabora o Concello de Vilagarcía de Arousa.
Xulio Prada, ademais de catedrático na UVigo, é profesor titor do Centro Asociado á UNED en Ourense e decano da Facultade de Historia de Ourense. Está especializado no estudo da violencia política, o primeiro franquismo e a transición á democracia, ámbitos nos que dirixiu unha decena de proxectos e contratos de investigación e nos que publicou unha trintena de libros e máis de dous centenares de artigos e achegas a congresos. Estudou a represión de xénero durante o franquismo, ámbito no que está recoñecido como un dos máis destacados especialistas no panorama historiográfico español. A súa obra de referencia é a única monografía centrada de forma exclusiva na represión franquista exercida sobre as mulleres da provincia de Pontevedra (Franquismo e represión de xénero, Editorial Os Libros da Catarata, 2013), que abriu novas vías de investigación.
A comisionada para a celebración dos 50 anos de España en Liberdade, Carmina Gustrán, afirma que “celebrar medio século de liberdade é tamén celebrar a pluralidade que nos define como país. España é un Estado diverso, rico en territorios, linguas, tradicións e expresións culturais. Por iso ten sentido que o programa conmemorativo sexa descentralizado, para que cada recuncho do noso país participe e achegue a súa voz a esta celebración dos valores democráticos que compartimos”.
Por outra banda, o Auditorio de Redondela acollerá o próximo 9 de decembro a representación da obra teatral “As alumnas”, baseada no texto de Paula Carballeira, e protagonizada polas actrices Anabel Gago e Mónica Caamaño. Unha obra multipremiada e que reflexiona, a través da pedagoga galega María Barbeito, sobre o retroceso franquista en Educación Pública, especialmente sobre as mulleres.
O subdelegado, Abel Losada, anima á cidadanía para participar nestas accións, que son gratuítas ata completar o aforo e aplaude o acerto de celebrar accións adaptadas a cada territorio, subliñando que esta decisión do Comisionado fai posible levar unha conferencia deste tipo a un lugar tan sensible como Camposancos, na Guarda, e a obra teatral a Redondela, un municipio de memoria, caracterizado pola historia da illa de San Simón.


Ningún comentario:
Publicar un comentario