11 de out. de 2018

A GUARDA

A Guarda  acolle un obradoiro sobre o empoderamento das mulleres

Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia (ACADAR) desenvolverá este obradoiro, nos meses de outubro, novembro e decembro 

O alcalde Antonio Lomba Baz e Paula Pichel, traballadora social de ACADAR, xunto coas mulleres que asistiron a sesión inaugural do obradoiro do proxecto «Empoderar para decidir» 
Foto: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 Este xoves día 11 de outubro tivo lugar a sesión inaugural do obradoiro do proxecto «Empoderar para decidir» levado a cabo dende a Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia  (ACADAR), que contou coas intervencións do alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e Paula Pichel, traballadora social de ACADAR.   

 Entre os meses de outubro, novembro e decembro, a Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia (ACADAR) desenvolverá este obradoiro, financiado pola Deputación de Pontevedra, en colaboración co CIM e co Departamento de Servizos sociais do Concello da Guarda.  

 O proxecto “Empoderar para decidir” ten como finalidade a promoción do empoderamento das mulleres con discapacidade para facilitar a toma de decisións sobre cada un dos aspectos das súas vidas.  

 Este proxecto está plantexado como unha continuación do que xa se iniciou no ano 2017, que se desenvolveu no Concello de Vigo e tivo moi boa acollida entre as asistentes.  
 Por isto, o ámbito de realización do proxecto será, por unha banda, unha formación de 5 obradoiros en Vigo con mulleres xa beneficiarias do ano 2017 coa intención de manter esa cohesión do grupo e, por outra banda, unha acción de 10 obradoiros no concello de A Guarda para mulleres pertencentes a concellos do Baixo Miño.   

 O proxecto vai dirixido a un total de 20 mulleres con discapacidade, entre as participantes do ano anterior e as mulleres pertencentes ao Concello de A Guarda.   

 A formación proporcionará ferramentas para o empoderamento das mulleres con discapacidade durante 10 sesións de 3 horas de duración, que terán lugar de forma semanal. Estas sesións comezaron o día 11 de outubro e rematarán o día 13 de decembro.   

 Os contidos que se tratarán serán relativos á igualdade de xénero, discapacidade habilidades sociais, e de comunicación. Tamén se desenvolverán accións e dinámicas relativas á autoestima, intelixencia emocional e resolución de conflitos, favorecendo a participación das mulleres e creando unha rede de apoio mutuo.  Previamente ao inicio da formación, entre a entidade promotora do proxecto, o CIM de A Guarda e os servizos sociais do concello se estableceron reunións co fin de presentar, planificar, coordinar e difundir este proxecto entre os diferentes colectivos beneficiarios.  

 Tamén durante o proceso de captación das mulleres destinatarias dos obradoiros, contactouse coas persoas de referencia dentro dos servizos públicos do concello de A Guarda e de entidades de iniciativa social da zona como son o Centro San Xerome Emiliani e a Asociación Avelaíña. 

 Dende o Concello de A Guarda, a colaboración dende o principio foi fundamental, dando moi boa acollida e mostrando interese polo proxecto. Facilitouse un espazo para o desenvolvemento das sesións e colaborou coa entidade na difusión do proxecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario