O Concello da Guarda aproba a compra da finca de Fínola
Despois das negociacións levadas a cabo polo equipo de goberno, acadouse coa propiedade un prezo de 308.000€ impostos incluídos
Vista parcial da parcela coñecida como "Finca de Fínola"
Foto: C. A. G.
Infogauda / A Guarda
No pleno ordinario celebrado o pasado luns día 30 de xullo de 2018, a corporación local aprobou o Expediente 1950/2018 de crédito extraordinario, para a adquisición da parcela coñecida coma «Finca de Fínola», ao carón da Alameda da Guarda.
Desde o executivo municipal do Concello de A Guarda, sinalan que “o interese municipal desta finca parte da necesidade de asegurar a longo prazo que, no casco urbano da vila, con deficiencias de espazos públicos amplos destinados ao lecer da veciñanza, se configure un área de solo público formada pola actual Alameda, a finca que se pretende adquirir e os xardíns do Centro Cultural. Desta maneira, sucesivas corporacións municipais poderán decidir o uso máis adecuado ao interese xeral, sen necesidade de esperar ao desenvolvemento urbanístico desta zona, evitando a construción privada na finca obxecto da adquisición. Así mesmo aproveitase a excelente oportunidade económica, derivada da situación do mercado inmobiliario no momento actual”.
Asemade salientan que “independentemente do futuro uso da parcela a adquisición vai a permitir regularizar o aparcamento de vehículos, que neste momento depende da boa vontade do actual propietario.
Despois das negociacións levadas a cabo polo equipo de goberno, acadouse coa propiedade un prezo de 308.000€ impostos incluídos”.
Esta compra foi apoiada na sesión plenaria do pasado luns polo Grupo Municipal Socialista, Partido Popular e a concelleira non adscrita, Fátima Iglesias Ferreira, cos votos en contra de Bloque Nacionalista Galego e Converxencia Galega.
O interese da compra desta finca xa fora tratado no pleno de maio do ano 2017, onde o resultado da votación fora a aprobación unánime.
A adquisición da "Finca de Fínola", por parte do Concello de A Guarda, era unha aspiración de moitos veciños, que sempre consideraron necesario que esa parcela pasase algún día a ser propiedade municipal. E nesa lexítima aspiración, hai moitas razóns, que non é necesario argumentar.
¡Algo gañarán eses impresentables que temos de alcalde e demais grupo de goberno!
ResponderEliminar