O BNG denuncia que o acordo de PSOE, PP e Fani Iglesias pola finca de Fínola é un regalo de 300.000 € para a banca
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda: “A compra da finca de Fínola supón un gasto de 300.000 € por uns terreos que co actual planeamento xa son do Concello”
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG, no Concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
“O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO manifesta o total rexeitamento ao acordo entre PSOE, PP e Fani Iglesias para comprar a finca de Fínola, por ser un regalo para a banca”. Así o ven de afirmar Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG, no Concello de A Guarda.
“O BNG sempre considerou importante que a Finca de Fínola, a día de hoxe propiedade da banca, fora patrimonio do Concello.
O desenvolvemento de todo o PERI suporía para o Concello da Guarda 5.000 m2 de espazos públicos para o pobo da Guarda totalmente gratuítos, que é case o dobre do que pretenden mercar. Polo que deberan explicar quen son os auténticos beneficiarios desta manobra de compra-venda”, afirma Ángel Luis Baz.
“En vez de optar por esta medida que contempla a lei - engadiu o portavoz municipal do BNG - , sorprendentemente o alcalde da Guarda e o do PSOE co apoio do PP e de Fani Iglesias vai despilfarrar máis de 300.000 € en mercar un terreo que utilizando a lexislación vixente sería do Concello”.
“O BNG advirte que o Concello da Guarda pode modificar o PERI para desenvolver toda a zona como mellor beneficie ao conxunto do pobo da Guarda. Pode modificar o debuxo da área, o tipo de xestión que levaría, incluso a aumentar os equipamentos para o concello.
Para o BNG ou o goberno municipal do PSOE e os seus aliados neste negocio (PP e Fani Iglesias) son uns incompetentes ou deben explicar quen son os auténticos beneficiarios desta operación ademais da banca”, incide Ángel Luis Baz Vicente.
O portavoz municipal do BNG conclúe sinalando: “Para o BNG non éxiste ningunha oportunidade fantástica para A Guarda, tal como trata de vender o goberno municipal e os seus aliados, a oportunidade fantástica é para a banca que se libra dun “marrón” e recibe máis de 300.000 €.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario