1 de ago. de 2018

LABORAL

COREN - SERVICARNE

VALORACIÓN DA FGAMT - CIG RESPECTO OS FALSOS AUTÓNOMOS DE SERVICARNE

Dores Martínez, secretaria nacional da FGAMT-CIG: “Todo o que está a facer este colectivo organizado con nós non é outra cousa que defenderse contra a explotación e contra a ilegalidade da súa situación laboral”

Dores Martínez, secretaria nacional da FGAMT-CIG na rolda de prensa de onte
Foto: CIG

Infogauda / Ourense

 A secretaria nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez, compareceu onte en rolda de prensa en Ourense para valorar a decisión anunciada onte polo grupo Coren de incorporar ao seu cadro de persoal como traballadores/as por conta allea ao máis dun milleiro de falsos/as autónomos/as que prestan servizo en todos os seus centros de traballo (Coren, Frigolouro, Novafrigsa, etc.) a través da falsa cooperativa Servicarne. 

 En primeiro lugar, Martínez trasladoulle os parabéns por este novo paso adiante a todo o colectivo de persoas afectadas e a todos/as aqueles/as que tiveron o valor de iniciar no seu momento unha loita que non é doada para que lles recoñecesen os dereitos derivados da súa relación laboral. 

 Sinalou que esta decisión é unha etapa máis dentro das que se veñen dando dende que se iniciou este tema, polo que non podemos dicir que o conflito do falso persoal autónomo está solucionado. A primeira delas foi falar coas empresas afectadas para facerlles ver que tiñan un colectivo de persoas enorme nunha situación de absoluta ilegalidade e sometido a condicións de explotación, polo que era necesario incorporalo á legalidade laboral. “Desgraciadamente, a resposta por parte do grupo Coren foi de certa arrogancia e prepotencia que os levou a negar a maior. Diante disto, optamos por iniciar o camiño da denuncia diante da Inspección de Traballo e dos Xulgados”. 

 Indicou que este foi un paso crucial porque se logrou que este mesmo ano a dirección especial da Inspección recoñecese o que a CIG viña denunciando dende o ano 2016 (que se trata de falso persoal autónomo e que Servicarne é una falsa cooperativa) e obrigase ás empresas afectadas a dar de alta no réxime xeral da Seguridade Social a este colectivo. 

 Mais a resposta das empresas foi tamén negar a maior e facer caso omiso aos requirimentos, o que provocou que executasen de oficio e se dese de alta a estes/as traballadores/as. 

 Quixo deixar moi claro que o anuncio feito onte polo grupo Coren non fai parte de ningún trato de favor cara a estes/as empregados/os, senón que a empresa vese obrigada a facelo para cumprir coa legalidade, unha vez que fracasou o seu intento de lograr que a Inspección paralizase o expediente mentres Coren e as outras empresas recorrían a decisión. 

 “A partir de agora temos que ver como seguimos avanzando na regularización deste persoal e na mellora das súas condicións laborais: é necesario regularizar a xornada, establecer horarios de traballo, fixar os días de descanso semanais, aplicar o convenio colectivo en todos os seus termos, cumprir a lei de riscos laborais, etc”. 

 Tamén fixo un chamamento ás empresas para que cesen de inmediato as coaccións e presións cara a este colectivo, xa sexa para que a asinen voluntariamente a súa renuncia a seren incluídos no réxime xeral da Seguridade Social, para que deixen de traballar coa promesa de ofrecerlles máis tarde un contrato na empresa, “iso si, eventual e a tempo parcial” ou para que desistan de facer os trámites encamiñados a regularizar a súa situación. 

 De igual xeito, reclamoulles que poñan fin á persecución sindical daquelas persoas que dun xeito ou doutro están a identificar coa CIG, “que deixen e investigar para saber que persoas participan nas asembleas e nas mobilizacións que convoca a central e que persoas reparten boletíns informativos nas empresas”. Finalmente, instounas a asumir que calquera acción sindical organizada a través desta central é totalmente legal. “Todo o que está a facer este colectivo organizado con nós non é outra cousa que defenderse contra a explotación e contra a ilegalidade da súa situación laboral”, rematou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario