31 de xul. de 2018

A GUARDA

O Camiño Portugués da Costa: unha ruta xacobea moi atractiva

Increméntase notablemente o número de peregrinos que a realizan 


Grupo de peregrinos polo Camiño Portugués pola Costa, o seu paso pola Mariña, no termo municipal de A Guarda  
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda 

 O Camiño Portugués da Costa non deixa de crecer en número de peregrinos e, como ven sendo habitual nas rúas da vila, a estampa dos peregrinos percorrendo o pobo e os seus lugares emblemáticos, constitúe xa unha imaxe máis do día a día da Guarda e a súa contorna. Moitos destes peregrinos realizan o seu traxecto en grupos, outros sós, a pé, en bicicleta ou mesmo en burro. Tras cruzar o río Miño, ben no ferry boat "Santa Ría de Cássia" ou nos barcos taxi dispoñibles no porto de Caminha, que teñen ás correspondentes autorizacións do Ministerio de Turismo de Portugal;  adoitan continuar o seu camiño cara Portecelo (O Rosal) e Oia, namentres outros escollen o albergue guardés ou algúns dos establecementos hoteleiros da vila para pasar a noite.  

 Os datos rexistrados na Guarda dan conta deste incremento no primeiro semestre de 2018. Durante o pasado ano 2017, un total de 2.439 peregrinos pasaron a noite no albergue guardés, o que supón unha suba do 40% con respecto a 2016, e o triplo se o comparamos co ano 2015.
  

 No que vai de 2018, dende xaneiro ata xullo, xa pasaron polo albergue da Guarda máis de 1.500 peregrinos, o que supón un incremento dun 30% con respecto á media anual do ano 2017.  

 En canto ao punto de inicio do Camiño, 753 peregrinos saíron de Porto, 110 de Lisboa e 43 elixiron A Guarda para iniciar o seu Camiño con destino a Santiago de Compostela, outros tomaron coma puntos de saída diferentes vilas e cidades da xeografía ibérica.  

 En canto a súa procedencia, a meirande parte dos visitantes chegan dende o estranxeiro. Destacan este ano os peregrinos procedentes de Italia, 139, seguidos polos de nacionalidade portuguesa 125, alemá con 121 ou polaca con 106. Tamén destacan as nacionalidades de peregrinos visitantes procedentes de países tan afastados como República Checa, Rusia, Taiwan, Venezuela ou Australia.  

 O Camiño Portugués da Costa - recoñecido oficialmente na nova Lei de Patrimonio Cultural de Galicia aprobada polo Parlamento de Galicia en 2016, e publicada no Diario Oficial de Galicia de 16 de maio de 2016 -, ainda que xa viña sendo transitado por peregrinos de diversas procedencias, grazas a labor de difusión desenvolvida desde fai anos, por diferentes entidades, nomeadamente a Asociación Amigos de los Pazos; está en auxe, debido, entre outros factores, á singularidade do seu trazado, as fermosas paisaxes oceánicas e a que moitos peregrinos que xa fixeron outras rutas xacobeas, elixen este para as súas novas peregrinaxes cara a Compostela.  
O albergue municipal está ubicado no antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde
Foto: C.A.G.

 Desde o executivo municipal afirman: "O Concello da Guarda segue a mellorar o servizo aos peregrinos coa incorporación de novas sinalizacións oficiais, arranxos en tramos do Camiño, oferta de aloxamento a través do albergue municipal ou a instalación dunha escultura alusiva aos peregrinos, que se instalará no Camiño na zona de Cachiños". 

Vista parcial do interior do albergue de peregrinos de A Guarda
Foto: C.A.G.

 O Albergue Municipal atópase na Rúa Puerto Rico, aberto en horario de16:00 a 21:00 horas, e os peregrinos que o precisen poden chamar aos teléfonos 986 610 025 e 696 986 515. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario