31 de xul. de 2018

A GUARDA·

Galifornia Beat

A IV edición chega esta fin de semana ao Porto da Guarda


Infogauda / A Guarda

 As pistas deportivas do Porto da Guarda, no entorno da Fontiña e arredores, acollen dende este venres día 3 de agosto a IV edición do Galifornia Beat, un evento multicultural que se estenderá ata a xornada do sábado día 4 de agosto e que contará con sesión vermouth, concertos, graffitis, break dance, market place e moito máis.  

 Contando cunha superficie total de 30.000 m2, a Asociación Cultural Galifornia Beat, organizadora do evento, traballa arreo para ter todo preparado para esta fin de semana.  

 O IV Galifornia Beat arranca o venres ás 12:00h coa apertura da zona gastronómica coa asistencia de varios foodtrucks e un marketplace, un espazo reservado para todo aquel que desexe amosar o seu traballo, tanto artesanal, artístico coma empresarial, obradoiros, etc. Contará o Marketplace coa colaboración de Peluq art, perruqueria e estética pola voluntade, onde os fondos recadados serán destinados a organización do evento. 


 Ás 14:00h do venres abrirase a quenda para que todos os participantes nas diferentes modalidades realicen skate libre e coñezan as instalacións do Galifornia Beat, iniciándose ás 19:00h a primeira competición co Best Trick e ás 20:00 a «Batalla de Gallos», unha novidade desta IV edición que consiste no enfrontamento entre dous rapeiros (MC), onde cada un ten un minuto e o seguinte ten outro para facerlle a réplica ao primeiro. Valorarase a dificultade das rimas, o flow e a capacidade de réplica, contando cun primeiro e segundo premio.  

 Ás 21:00h darán comezo os concertos desta primeira xornada que correrán a cargo das bandas Glitter & Litter (Pontevedra), Crema (Gijón), Viva Belgrado (Córdoba), Kings of the Beach (Vigo) e unha gran afterparty nas Pozas, que porá o punto e final desta primeira xornada.  

 Na xornada do sábado día 4 de agosto o IV Galifornia Beat comeza de 10:00h a 11:00h, coa apertura de inscricións para a proba de Street Sub 16, que se iniciará ás 11:00h e na cal a organización quere premiar á canteira, cunha competición adicada especialmente aos máis pequenos con rondas eliminatorias de dous minutos onde o xurado valorará aos riders polo seu flow, trucos e orixinalidade.   

 Ás 12:00h chegará a hora da WS Skateboard School, unha escola de skate para nenos e de balde, onde os máis pequenos poderán aprender este deporte da man de profesionais e ás 13:00h realizarase un concerto e sesión vemouth a cargo d do grupo de música os Lombardi (Portonovo) e sesión do DJ Nacho Saa (Vinilo set). 

 Entre as 14:00h e as 16:00h abrirase o prazo de inscricións para o resto de probas deportivas que se celebrarán pola tarde, iniciando esta quenda a de Open S.K.A.T.E. ás 16:00h, unha das probas máis técnicas onde os trucos e as acrobacias serán os protagonistas.  

 Ás 17:00h terá lugar o Open Street, onde se permite aos participantes un tempo libre para practicar facendo eliminatorias cun determinado tempo ata chegar ás finais. 

 Ás 18:00h arrancará a exhibición de Biketrial, modalidade onde cada rider ten que sortear diferentes obstáculos co mínimo apoio cos pés.  

 A Masterclass Break Dance chegará sobre as 18:00h, unha actividade para todas as idades, onde poderedes aprender os pasos básicos desta disciplina e ademais gozar dun agradable momento.   

 Ás 20:00h chegará o momento do Open Mini Ramp, unha proba que se realiza nun half con rondas individuais e na que os riders realizan trucos coma se dunha coreografía se tratase. Neste momento iniciaranse os concertos a cargo dos grupos Milhomes (A Guarda) e Fuzzil (Portugal).  

 Xa ás 22:00h realizarase a entrega de premios e posterior afterparty nas Pozas con Captain Jail Rock DJ.   

 Dende o Concello da Guarda convidan a participar e gozar da ampla programación de actividades desta IV edición do Galifornia Beat, un evento que xa se consolida no calendario estival da vila guardesa. 

 Programación:

Venres 3
12:00h Apertura Food Trucks y Market Place
14:00h Skate libre
19:00h Best Trick
20:00h Batalla de gallos
21:00h Concertos e Afterparty
Sábado 4
10:00h-11:00h Inscricións Street Sub 16
11:00h Street Sub 16
12:00h WS Skateboard School
13:00h Concerto de sesión vermouth
14:00h-16:00h Inscricións
16:00h Open S.K.A.T.E.
17:00h Open Street
18:00h Exhibición Biketrial
18:30h Masterclass Break Dance
20:00h Open Mini Ramp/Concertos
22:00h Entrega de premios
Fin: Afterparty

Ningún comentario:

Publicar un comentario